Diatopía, variabilidade e sinonimia en fraseoloxía Diatopy, variability and synonymy in phraseology Francisco Núñez Román Universidad de Sevilla
[email protected] Resumo: O obxectivo deste traballo é analizar a posición que ocupan as unidades fraseolóxicas rexionais (UFReg) dentro do sistema fraseolóxico, partindo das UFReg que contén o Dizionario di Fraseologia dell’Italiano Regionale (DFIR), que recolle os xeofraseoloxismos presentes nun amplo corpus de dicionarios de italiano. Para isto, faise unha breve presentación do tratamento das variantes diatópicas nos diversos estudos fraseolóxicos. A continuación, pásase a avaliar os diferentes criterios utilizados para establecer as sutís diferenzas entre os conceptos de variante en sentido estrito e variante en sentido amplo, e as diferenzas entre variante e sinónimo en fraseoloxía, así como a validez destes criterios ao se aplicaren a un corpus concreto de fraseoloxismos marcados diatopicamente. O resultado é a configuración dun sistema cuatripartito no que as UFReg desempeñan a función de variantes ou sinónimos non só respecto ás UF da lingua estándar (UFSt), senón tamén en relación a outras UFReg pertencentes a outras variedades diatópicas da mesma lingua. Finalmente, proponse unha diferenciación terminolóxica que dea conta de todas as relacións posibles entre as UFReg e as UFSt. Palabras clave: fraseoloxía rexional, variación diatópica, sinonimia fraseolóxica. Abstract: The aim of this paper is to analyse the position held by Regional Phraseology (UFReg) within the Phraseological System, based on the UFReg contained in the Dizionario di Fraseologia dell’Italiano Regionale (DFIR), which collects the UFReg present in a large corpus of Italian dictionaries. To this end, we make a brief presentation of the status of the diatopic variants covered by diverse phraseological studies, in order to subsequently evaluate the different criteria used to establish the subtle differences between the concepts of variant in a strict sense and of variant in a broader sense; and the differences between variant and synonymous in phraseology. The validity of these criteria is also considered as being applied to a particular corpus of diatopically marked phraseologisms. The result is the configuration of a four-party system in which the UFReg can function as a variant or synonym, not only regarding the phraseology of the Standard Language (UFSt), but also in relation to other UFRegs belonging to other diatopical varieties of the same Data de recepción 1.4.2013 Data de aceptación 30.5.2013 253 Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 253-266. ISSN 1698-7861 CFG15-1-NuñezRoman.indd 253 13/12/13 12:00
language. Finally, a terminological differentiation is proposed, which accounts for all possible relationships between UFRegs and UFSts. Keywords: Regional phraseology, diatopical variation, phraseological synonymy. 1. Introdución As variantes sociolingüísticas pouco se estudaron en fraseoloxía, xa que este tipo de variantes consideráronse tradicionalmente secundarias verbo do resto de variantes (morfolóxicas, léxicas, sintácticas, etc.). Deste xeito, as variantes diatópicas (coas diafásicas e diastráticas, principalmente) colocáronse na periferia da variabilidade fraseolóxica (con outros aspectos como as denominadas variantes connotativas), cando en realidade se trata dunha variedade de lingua que pode presentar os mesmos tipos de variantes que se dan na variedade estándar. Dende o noso punto de vista, as variedades sociolingüísticas adquiren unha importancia fundamental á hora de analizar a variabilidade fraseolóxica, xa que se configuran como exemplos da realización efectiva desta. Cando se teñen en conta unicamente as variantes fraseolóxicas dende un punto de vista non marcado sociolingüisticamente, estamos excluíndo unha parte fundamental do uso da lingua. Como sinala Penadés Martínez (2012: 48) [...] de ese modo [excluyendo las variedades sociolingüísticas de la lengua al estudiar las variantes fraseológicas] no se llega a obtener un auténtico análisis de la realidad de la lengua, que varía, cambia, se modifica, con el paso del tiempo, con el tránsito de una zona a otra, por los distintos hablantes (jóvenes, adultos, hombres, mujeres, con estudios, sin estudios, etc.) que la usan en diferentes situaciones comunicativas (formal, informal, etc), y con distintas modalidades (oral, escrita, etc.). Por iso coidamos que o estudo das variantes diatópicas debe ocupar un maior espazo nos estudos sobre a variabilidade en fraseoloxía, maiormente tendo en conta que ao falarmos da variación diatópica estámonos referindo, exclusivamente, a unha maior ou menor expansión xeográfica (situación que pode modificarse co tempo e permitir que un rexionalismo chegue a formar parte da lingua estándar). Este tipo de variantes parece ter menos restricións de uso, a diferenza das variantes diafásicas (a UF vulgar mandare a fanculo fronte á UF estándar -UFStmandare al diavolo ‘mandar al diablo’) ou as variantes diastráticas (como a UF xergal fare una grigia e a UFSt fare una brutta figura ‘quedar mal’), que non se poden conmutar no discurso sen que afecte de maneira notable ao seu significado connotativo. As variantes fraseolóxicas diatópicas, pola súa banda, e se non existe ningún outro tipo de restrición diastrática ou diafásica, pódense utilizar no mesmo nivel de lingua estándar. Así, as UUFF rexionais -UFRegfare forca (toscano), salare la scuola (centrosetentrional) ou fare sega (central) ‘hacer novillos’, poden substituír libremente a UFSt marinare la scuola sen que teñan ningún tipo de connotación diastrática ou diafásica, senón simplemente unha menor expansión xeográfica que en numerosas ocasións é alterable. Neste sentido, unha UFReg estaría ao mesmo nivel de calquera rexionalismo (a elección entre o romanesco mondezza ou o estándar spazzatura ‘lixo’ Francisco Núñez Román. Diatopía, variabilidade e sinonimia en fraseoloxía 254 Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 253-266. ISSN 1698-7861 CFG15-1-NuñezRoman.indd 254 13/12/13 12:00
en Roma é decisión do falante, e non por iso lle confere ningún matiz específico ao enunciado). Dende o noso punto de vista, as variantes diatópicas actúan en ocasións como variantes non restrinxidas dunha UFSt, xa que é posible usalas nos mesmos contextos e co mesmo significado, fronte ao resto de variantes sociolingüísticas, que se configuran como variantes en distribución complementaria. Estreitamente relacionado coa variabilidade en fraseoloxía está o fenómeno da sinonimia. Neste sentido, as variantes diatópicas xogan tamén un papel importante, posto que moitas delas poden configurarse ben como variantes ou ben como sinónimas dunha UFSt. Consideramos a variabilidade e a sinonimia fraseolóxica dous fenómenos diversos aínda que estreitamente relacionados (ata o punto de que a esta última se lle pode chamar variabilidade sinonímica), xa que a súa difusa fronteira se situou, fundamentalmente, no maior ou menor número de elementos que comparten as UUFF implicadas. Neste traballo vanse recoller algunhas das diferentes posturas sobre as relacións entre a variabilidade e a sinonimia en fraseoloxía e vaise expor onde se situaron as variantes diatópicas nas diferentes clasificacións da variabilidade que se propoñen. Todo isto vaise exemplificar con UFReg extraídas do Dizionario di Fraseologia dell’Italiano Regionale (Núñez Román 2013), un dicionario que recolle 711 fraseoloxismos do italiano rexional extraídos dun corpus de dicionarios da lingua italiana. Cómpre facer notar que a lingua italiana é rica en rexionalismos (e por extensión en fraseoloxismos rexionais ou xeofraseoloxismos) debido non a unha grande extensión xeográfica como pode ser o caso do español, senón á presenza dos diferentes dialectos sobre o territorio italiano, que manteñen unha estreita relación coa lingua estándar e á que lle achegaron (e aínda hoxe lle achegan aínda que en menor medida) un enorme caudal léxico que forma xa parte do italiano. Por outra banda, esta menor extensión xeográfica do italiano favorece que estes rexionalismos poidan superar máis facilmente as súas fronteiras e convertérense en palabras de ámbito nacional. 2. Diatopía e variabilidade en fraseoloxía Unha das características principais das UUFF, utilizada para determinar a súa natureza dentro do sistema da lingua, é a fixación. Esta enténdese como a conversión dunha secuencia libre de palabras nunha unidade estable (fixación morfolóxica ou estrutural) cun significado unitario (fixación semántica). Aínda así, esta característica fundamental queda limitada en numerosas ocasións nas que unha UF admite unha serie de transformacións (léxicas, morfolóxicas ou sintácticas) que non afectan o seu significado. Falamos, neste caso, do concepto de variabilidade ou variación. No ámbito fraseolóxico, a fixación e a variabilidade son dous trazos intimamente relacionados, aínda que só podemos falar de variación naqueles casos nos que estas modificacións estean perfectamente delimitadas e institucionalizadas (García-Page Sánchez 2008: 219) e estean limitadas a un número reducido de compoñentes do fraseoloxismo (un ou, por veces, dous ou máis). Polo tanto, a fixación e a variabilidade son os dous extremos dun mesmo continuum no que se inserta a forma canónica dunha UF. Como afirman Corpas Pastor e Mena Martínez: La relevancia de la variabilidad en el sistema fraseológico queda demostrada desde el momento en el que ésta afecta a sus rasgos más inherentes, lo cual implica Francisco Núñez Román. Diatopía, variabilidade e sinonimia en fraseoloxía 255 Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 253-266. ISSN 1698-7861 CFG15-1-NuñezRoman.indd 255 13/12/13 12:00
la necesidad de incluirla dentro de las definiciones como una característica más de las unidades que conforman el universo fraseológico. (Corpas Pastor-Mena Martínez 2003: 184) Consideramos variante fraseolóxica, en sentido amplo, unha UF que comparta o mesmo significado e presente unha modificación codificada e institucionalizada dun ou dalgúns elementos prefixados. Deste xeito, serán variantes as seguintes UUFF entre si (non entraremos a discutir cal é a UF variante e cal é a UF canónica, feito que adoita estar determinado fundamentalmente pola frecuencia de uso): Avere il cervello in fondo ai piedi | Avere il cervello nelle scarpe ‘tener poco discernimiento’ Avere la lingua lunga | Avere la lingua tagliente ‘tener la lengua afilada’ Mandare al diavolo | Mandare a quel paese ‘mandar al diablo’ In un attimo | In un amen | In un baleno | In un lampo ‘en un momento’ Nuovo di zecca | Nuovo di conio ‘nuevo flamante’ Panino imbottito | Panino ripieno ‘bocadillo’ Estas variantes supoñen cambios ou modificacións de diferentes tipos, dende fónicográficas, a modificacións léxicas (as máis comúns), morfolóxicas (diminutivos ou aumentativos, etc.), sintácticas (cambio de réxime preposicional, etc.) ou estruturais (que colocan a UF no límite entre a variante e o sinónimo). Coa intención de presentar todos estes posibles tipos de variantes fraseolóxicas propuxéronse diversas taxonomías da variabilidade fraseolóxica, nas que a cuestión diatópica adoita aparecer, como veremos a continuación, de maneira secundaria. A primeira análise sistemática da variabilidade fraseolóxica atopámola en Zuluaga (1980: 106), que coloca as variantes rexionais ou diatópicas dentro das “variaciones o variantes en sentido amplio”, fronte ás “variantes en sentido estricto”, que están determinadas por unha serie de parámetros ben definidos (pertenza á mesma lingua funcional, non presentar diferenzas de significado, identidade parcial de estrutura e compoñentes e substitución prefixada dalgúns dos seus elementos). As variacións ou variantes en sentido amplo, aínda así, son as transformacións ou modificacións (tomar el pelo-tomadura de pelo; echar una cana al aire-echar una canita al aire), as series, que considera expresións diferentes (de buena fe-de mala fe), as variacións socioculturais (me importa un chorizo como variación popular de me importa un bledo en Colombia e Venezuela), as variacións diafásicas (me importa un culo como variación vulgar de me importa un bledo) e as UUFF con casas baleiras (a mis/tus/sus… anchas). Zuluaga inclúe as variacións rexionais ou diatópicas dentro desta categoría por seren linguas funcionais diferentes (unha das características fundamentais para que unha UF sexa considerada unha variante ou unha variación). Pon como exemplo de variacións rexionais hacer vaca e hacer novillos, que significan ‘faltar a la escuela’ en Perú e en España respectivamente, ou del tiempo de la cocoa e del tiempo de Maricastaña, utilizadas en Chile e España respectivamente. Ao tratárense de linguas funcionais diferentes, Zuluaga non fala de variantes dunha mesma UF, senón de UUFF equivalentes. Francisco Núñez Román. Diatopía, variabilidade e sinonimia en fraseoloxía 256 Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 253-266. ISSN 1698-7861 CFG15-1-NuñezRoman.indd 256 13/12/13 12:00
Corpas Pastor (1996), seguindo a Zuluaga, non considera as variantes diatópicas un tipo de variante das UUFF, senón que as estuda dende unha perspectiva semántica, considerándoas unha das clases de significados connotativos que poden expresar as UUFF. Os significados deste tipo engádense ao significado denotativo da UF para enriquecelo con compoñentes afectivos e expresivos, engadíndolles “connotaciones valorativas, codificadas, intersubjetivas, y, por lo tanto, institucionalizadas” (Corpas Pastor 1996: 125). Exemplos de connotacións xeográficas son hacer dedo do español peninsular e ir al dedo usada no español de América. Ademais das connotacións xeográfico-sociais, que engloban non só as variacións diatópicas senón tamén as diastráticas, Corpas diferencia as connotacións estilísticas (determinadas polo estilo e a situación: en virtud de, ad líbitum, darle a uno la gana, estar en el quinto coño), as connotacións histórico-culturais (determinadas por acontecementos históricos ou aspectos culturais: por la puerta grande, estar entre Pinto y Valdemoro) e mais as connotacións expresivas (que reflicten o estado emocional do falante: estirar la pata, de puta madre). Unha visión diferente das variantes diatópicas é a de Burger (2000), que pon especial atención nas variedades sociolingüísticas en fraseoloxía por entender a variación como unha “variabilidad sociocomunicativa”. Este autor indica a posibilidade de estudar os fraseoloxismos segundo as diferentes variedades dunha lingua, aínda que recoñece que este tipo de aproximacións á fraseoloxía daquela aínda non se estudara con atención. Deste xeito, as variedades diacrónicas, diastráticas e diafásicas da lingua permitirían dar conta de numerosos fenómenos de variabilidade fraseolóxica. No tocante ás variedades diatópicas, e servíndose dun corpus de helvetismos fraseolóxicos, subliña que só podemos falar de variedades naqueles casos nos que estea presente un fraseoloxismo equivalente na lingua estándar (no seu caso o alemán estándar), mentres que aquelas UUFF propias dunha variedade diatópica da lingua que non teñan equivalente na lingua estándar deben entenderse como elementos da fraseoloxía “autónoma” desa variedade. Tendo isto en conta, clasifica as posibles variantes diatópicas dun fraseoloxismo segundo as características gramaticais dos compoñentes ou a súa colocación léxica e destaca: Específico de la fraseología es el hecho de que la variante sólo afecta a una parte, un componente, del fraseologismo, a un elemento con significado incluido en un signo complejo (o a varios componentes al mismo tiempo) mientras que la propia variación no está limitada al fraseologismo. Las características fraseológicas de la estructura pluriverbal hacen de este tipo de variantes un fenómeno que no tiene correspondencia en otros campos de la lengua, a excepción de la formación de palabras. (Burger 2000: 107) Burger (2000: 108) tamén estuda dende un punto de vista diafásico as relacións entre os fraseoloxismos rexionais e os seus equivalentes na lingua estándar e distingue tres posibilidades: fraseoloxismos dialectais que permaneceron no contexto estándar como dialectalismos; fraseoloxismos dialectais que se traduciron literalmente á lingua estándar compoñente a compoñente; e dialectalismos propiamente ditos (“helvetismos” no caso del), é dicir, as expresións aceptadas como rexionais na lingua estándar e recollidas como tales nos dicionarios. Trátase dunha diferenciación útil que pon en primeiro plano as Francisco Núñez Román. Diatopía, variabilidade e sinonimia en fraseoloxía 257 Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 253-266. ISSN 1698-7861 CFG15-1-NuñezRoman.indd 257 13/12/13 12:00
relacións (activas e con consecuencias palpables no uso por parte dos falantes) entre as diferentes variedades dunha lingua. A súa análise encaixa mellor naquelas comunidades lingüísticas diglóticas (ou bilingües), como a helvética ou a italiana, que teñen á súa disposición unha lingua estándar (ou varias linguas cooficiais) e unhas variedades rexionais fortemente influenciadas pola presenza doutras linguas ou dialectos históricos a nivel sustrático. Ortega Ojeda e González Aguiar (2005) tamén analizan a variación fraseolóxica. Estes investigadores, autores dun Diccionario de expresiones y de refranes del español de Canarias, consideran que “la variación fraseológica es un hecho que, en cierto modo, invalida parcialmente el criterio contrastivo” e mediante este preséntanse como dialectais todos aqueles fraseoloxismos con alteracións (Ortega Ojeda e González Aguiar 2005: 96). As variantes diatópicas, por conseguinte, deben formar parte das variantes fraseolóxicas institucionalizadas dunha lingua, aínda que as remiten a un segundo nivel de variación, o das variantes habituais ou condicionadas (seguindo nisto a concepción de variante condicionada de Zuluaga), situadas entre un primeiro nivel de variantes en sentido estrito ou non condicionadas e un terceiro nivel de UUFF que comparten un esquema fraseolóxico e, polo tanto, permiten unha ampla gama de variantes que poden completar a UF (como o esquema no meterse alguien [donde no lo llaman/donde nadie lo llama/en lo que no le importa/en lo que no le va ni le viene, etc.]). Montoro del Arco (2004, 2006: 58-66) diferencia dous tipos de variabilidade, as “variantes”, consistentes na substitución dun elemento da UF (variantes léxicas, morfo-léxicas e gramaticais) e as “variaciones estructurales”, que se producen ao realizar outro tipo de cambios na UF (inserción ou modificación dalgúns dos seus compoñentes). Estas dúas categorías pódense dar no marco de dous “sistemas”. Así, Montoro del Arco distingue entre a “variación fraseológica interna” (“Sistema A”), se esta se dá dentro da mesma lingua funcional, e a “variación fraseológica externa” (“Sistema B”), na que inclúe as variacións pertencentes a linguas funcionais diferentes e nas que enmarca as variacións diatópicas. A clasificación de Montoro del Arco permite dar conta, no seo da variabilidade diatópica e rexional, das diferentes variantes (substitucións) e variacións estruturais (modificacións) destas. Así, dende un punto de vista diatópico, son variantes ser alguien uña y carne (español peninsular) e ser alguien uña y diente (República Dominicana), mentres que serían variacións estruturais nada más+infinitivo (español peninsular) e no más+infinitivo (América Central). Aínda así, recoñece que “este sistema B está incompleto a falta de estudios descriptivos y contrastivos que concreten las características de uso de cada unidad en las diversas normas del español” (Montoro del Arco 2006: 64). García-Page Sánchez (2008: 253-255), pola súa banda, tamén considera as variantes diatópicas ou xeolectais auténticas variantes, aínda que a un nivel distinto do resto, xa que, como xa apuntara Corpas Pastor (1996), poden achegar diferentes valores connotativos (xunto ás variantes diastráticas e diafásicas). Considera fundamentalmente as variantes xeolectais como variantes léxicas, que poden chegar a provocar transformacións semánticas, por medio da restrición ou a xeneralización do seu significado. Con todo, é posible atopar tamén variantes xeolectais de tipo gramatical (meterse en camisa de once Francisco Núñez Román. Diatopía, variabilidade e sinonimia en fraseoloxía 258 Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 253-266. ISSN 1698-7861 CFG15-1-NuñezRoman.indd 258 13/12/13 12:00
varas en España fronte a meterse a camisa de once varas en Guatemala) ou a combinación de ambas (hacer dedo/ir a dedo). Por último, Penadés Martínez (2012: 55) diferencia entre a “variación no marcada” e a “variación marcada”. Á primeira correspóndelle establecer a forma canónica dunha UF fronte ás súas variantes léxicas ou morfosintácticas, polo que é fundamental no ámbito lexicográfico. Á “variación marcada”, aínda así, aféctanlle os aspectos diacrónicos, diatópicos, diastráticos e diafásicos da fraseoloxía. Esta autora destaca tamén que a variación marcada pode á súa vez presentar as mesmas clases da variación non marcada, posto que unha UF diatopicamente marcada pode presentar á súa vez modificacións léxicas ou morfolóxicas, entre outras. Un aspecto que destacan a maioría dos autores é a falta de estudos específicos sobre a fraseoloxía rexional dunha lingua e, en concreto, sobre as características principais da variación diatópica. Esta carencia advírtese, en especial, se analizamos as características que se utilizaron para excluír as variantes diatópicas da clase de variantes en sentido estrito, xa que observamos que esas mesmas características pódenselles aplicar tamén ás UFReg: 1) As UFReg non constitúen variantes ao non pertenceren á mesma lingua funcional das UFSt. Mencionamos con anterioridade que as UFReg poden usarse en substitución dunha UFSt con menores restricións que o resto de variantes sociolingüísticas, polo que a pertenza á mesma lingua funcional deixa de ter sentido na maioría dos casos e a cuestión limítase a unha simple elección por parte do falante que teña a disposición esta variedade de lingua no seu repertorio. Ademais do exemplo citado (a UFReg centrosetentrional salare la scuola fronte á UFSt marinare la scuola ‘hacer novillos’), podemos engadir outros moitos exemplos nos que unha UFReg e unha UFSt poden utilizarse nos mesmos contextos de maneira libre: UFReg smorzare la fame/la sete-UFSt acquietare/appagare/cavarsi/levarsi/ togliersi/trarre la fame/la sete ‘saciar el hambre/la sed’; UFReg setentrional bruciare il paglione-UFSt bruciare il pagliaccio ‘dejar plantado; faltar a la palabra’; UFReg nuovo di trinca-UFSt nuovo di zecca ‘nuevo flamante’, etc. 2) As variantes diatópicas deben ter o mesmo significado que as UFSt. Evidentemente esta característica é conditio sine qua non para poder considerar dúas UUFF variantes ou sinónimas. No caso das UFReg, engadiuse o concepto de “significado connotativo” (Corpas Pastor 1996: 126) ou o de restrición ou xeneralización do seu significado (GarcíaPage Sánchez 2008) para indicar o posible cambio semántico dunha UFReg verbo dunha UFSt equivalente. Trátase, con todo, dos mesmos procesos semánticos que se poden dar entre dúas ou máis UFSt. Pénsese na diferenza existente entre as UFSt dare a vedere ‘mostrar’ e dare a divedere ‘mostrar claramente’, marcadas pola existencia dun matiz intensivo na segunda UF. Este tipo de connotacións semánticas, aínda así, é difícil de distinguir e adoita pasar desapercibido no uso. 3) As variantes diatópicas deben presentar unha identidade parcial nos seus compoñentes coas UFSt. Se consideramos que a diferenza entre unha variante e un sinónimo vén marcada polo maior ou menor número de elementos comúns entre as dúas UUFF, observamos que as variantes diatópicas se comportan como o resto de variantes en sentido estrito. Xunto Francisco Núñez Román. Diatopía, variabilidade e sinonimia en fraseoloxía 259 Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 253-266. ISSN 1698-7861 CFG15-1-NuñezRoman.indd 259 13/12/13 12:00
ás variantes estándar uscire di cervello, uscire di senno e uscire di testa ‘enloquecer’, encóntrase a variante diatópica meridional uscire pazzo; as UFSt andare al Creatore, andare all’altro mondo ou andare in paradiso ‘morir’ teñen como variante diatópica na Toscana andare a Babboriveggoli. Unha UFReg só se considerará unha variante dunha UFSt se presenta unha identidade parcial con ela, do mesmo xeito que calquera variante estándar. 4) Os elementos que se poden substituír nunha UFSt están prefixados. Tamén as variantes diatópicas adoitan restrinxir as posibilidades de conmutación dos seus compoñentes verbo das UFSt equivalentes. Sirvan como exemplo os que se propoñen no apartado anterior, aos que podemos engadir outros, como a UFReg toscana panino gravido e as UFSt panino imbottito e panino ripieno ‘bocadillo’, nas que cambia o adxectivo, ou a UFReg central rompere le saccocce a qno fronte á estándar rompere le scatole/le tasche ‘dar la lata’, na que unicamente é posible cambiar o substantivo; non existen as UFReg *sandwich imbottito/ripieno ou *spezzare/spaccare le scatole/tasche nin as UFSt *panino pieno ou *rompere i contenitori/i sacchetti. As UFReg cumpren, polo tanto, os requisitos que se aplican ás consideradas variantes en sentido estrito. Por isto, a variación diatópica, dentro do marco máis xeral da variación sociolingüística dos fraseoloxismos, debe adquirir un papel fundamental na descrición da fraseoloxía da lingua. Para Burger, e máis recentemente para Montoro del Arco ou Penadés Martínez, as variantes diatópicas forman parte dun “sistema” ou variedade que determina o resto de variantes fraseolóxicas, polo que o estudo das UFReg se enriquece ao ser posible analizar tamén os seus aspectos diafásicos (as relacións entre UFReg e os seus equivalentes na lingua estándar, así como os posibles matices diafásicos e diastráticos que poden presentar as UFReg) ou as súas características morfosintácticas (as “variantes” e “variaciones estructurales” de Montoro del Arco). Esta concepción permite dar conta tamén daquelas UFReg que non teñen equivalentes na lingua estándar e polo tanto deben estudarse segundo a súa situación no universo fraseolóxico da variedade rexional á que pertencen e doutras variantes rexionais. É o caso das UFReg scrollata di pioggia (setentrional) e scossa di pioggia (toscano) ‘aguacero, chaparrón’, que non teñen equivalente fraseolóxico en italiano estándar, polo que han de estudarse autonomamente dentro dun sistema fraseolóxico independente da variedade estándar. Este feito pon de manifesto que a variabilidade diatópica non se presenta unicamente respecto a unha UFSt senón tamén respecto ás UFReg pertencentes ás diferentes variedades diatópicas da lingua común, polo que nos atopamos ante un mesmo fenómeno que afecta os dous tipos de unidades diferentes. Os parámetros que nos serven para distinguirmos as UFReg das UFSt están baseados no uso e quedan plasmados na tradición lexicográfica da lingua mediante a marca de rexionalidade, polo que estes serán os criterios principais que nos permitan dar conta das relacións entre as UUFF obxecto de análise. Deste xeito, poderemos establecer os vínculos que unen unha UFSt coas súas posibles variantes rexionais (UFSt vs. UFReg A, UFReg B, UFReg C, etc.) e tamén examinar as relacións que se crean entre UFReg que non posúen unha variante estándar (UFReg A vs. UFReg B vs. UFReg C, etc.). Dende o punto de vista metodolóxico, a análise das relacións entre Francisco Núñez Román. Diatopía, variabilidade e sinonimia en fraseoloxía 260 Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 253-266. ISSN 1698-7861 CFG15-1-NuñezRoman.indd 260 13/12/13 12:00
UFReg de ámbitos diatópicos diferentes debe seguir as mesmas pautas que a análise entre unha UFReg e unha UFSt equivalente. Aínda así, a cuestión terminolóxica podería supoñer un problema. Para solventalo, propoñemos a seguinte terminoloxía, que busca dar conta tamén das relacións entre UFReg pertencentes a ámbitos xeográficos diferentes dunha mesma lingua: UF estándar (UFSt) UF rexional B (UFReg B) UF Rexional A (UFReg A) Variante diatópica ou xeolectal UFR A napol. fare ammuina UFSt it. fare confusione Variante interdiatópica ou interxeolectal UFR A napol. fare ammuina UFR B region. fare un fricandò Se a UFReg napolitana fare ammuina ‘armarse un lío’ é unha variante diatópica ou xeolectal da UFSt fare confusione en canto difire formalmente desta de maneira parcial, o mesmo pode dicirse respecto á súa relación coa UFReg rexional fare un fricandò. Se ao primeiro tipo de relación a denominamos “variante diatópica ou xeolectal” posto que a UF está determinada dende o punto de vista diatópico respecto á UFSt, o segundo tipo de relación deberíase denominar de xeito diferente, xa que ambas UUFF están marcadas en diatopía. Neste caso, optamos por denominalas “variantes interdiatópicas ou interxeolectais”. Este sistema permítenos clasificar dunha maneira máis precisa grupos de fraseoloxismos como avere le buggere (UFReg romanesco) e avere la piva (UFReg setentrional) respecto a avere le madonne e avere le paturnie (UFSt) ‘estar de mala leche’, pois as primeiras son variantes xeolectais ou diatópicas das segundas mentres son variantes interxeolectais ou interdiatópicas entre elas, con independencia da existencia ou non dos seus equivalentes estándares. 3. Variación e sinonimia en fraseoloxía Os especialistas aínda non resolveron de maneira definitiva a diferenza entre variante e sinónimo en fraseoloxía. Carneado Moré (1985: 270) xa facía referencia a este problema, ao afirmar que “los lingüistas dedicados a la fraseología no tienen una opinión única sobre cómo diferenciar las variantes de los sinónimos de las unidades fraseológicas”. A liña fundamental que divide o territorio da variabilidade do da sinonimia fraseolóxica estivo determinada polo número de compoñentes idénticos que dúas UUFF deben compartir, mentres que nos últimos anos estase asentando a noción de sinonimia fraseolóxica como un tipo de variabilidade. Se consideramos as variantes fraseolóxicas unha modificación codificada e institucionalizada dun ou dalgúns elementos prefixados da UF, serán sinónimas aquelas UUFF que presenten unha diferenza formal total -entendida esta como o uso de elementos léxicos diferentes e mesmo unha estrutura sintáctica diversa-, que compartan o mesmo significado e poidan usarse nos mesmos contextos. Exemplos, polo tanto, de UUFF sinónimas son os seguintes: Passare a miglior vita | Tirare le cuoia ‘morir’ Darla a bere | Mostrare la luna nel pozzo ‘engañar a alguien’ Nudo come un verme | In costume adamitico ‘completamente desnudo’ A testa e croce | A santi o palle ‘a cara o cruz’ Francisco Núñez Román. Diatopía, variabilidade e sinonimia en fraseoloxía 261 Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 253-266. ISSN 1698-7861 CFG15-1-NuñezRoman.indd 261 13/12/13 12:00