scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Discurso do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela Don Antonio López Díaz no Acto Académico de Apertura do Curso 2020-2021 

López Díaz, Antonio

Full text

1 DISCURSO DO REITOR – Antonio López Díaz APERTURA DO CURSO 2020-2021 Pazo de Fonseca – 18.09.2020 – 12.00 h Saúdos. Presidenta do Consello Social. Vicerreitor de Investigación, Vicerreitoras e Vicerreitores Secretaria Xeral, Prof. Viaño, Xerente da USC Ex reitores Villanueva, Barro, Valedor da Comunidade universitaria. Delegado na CIUG Decanas e Decanos,Directoras e Directores de Departamentos, membros do Consello de Goberno Alcalde de Compostela, Alcaldesa de Lugo, Conselleiro de Sanidade Autoridades civis e militares. Profesorado, persoal de administración e servizos, estudantes, donas e señores, Benvidas e benvidos todas e todos os que se atopan neste Salón Nobre, e saúdos tamén a quen nos acompañan na emisión por streaming deste acto de lección inaugural do curso 2020-2021 tan especial. - Especial porque temos que manter unha distancia de seguridade por razóns sanitarias, o que fai que non poidamos ateigar este salón como é tradición. Grazas aos que estades presencialmente e unha desculpa para os que, polas limitacións de aforo, tedes que seguirnos virtualmente, un exemplo mais de semipresencialidade. 2 - Especial porque temos que levar a boca tapada para evitar os contaxios. - Polas mesmas razóns, nin as voces afinadas do coro, nin as vistosas mucetas adornan este acto. Brilla, iso sí máis ca nunca, a maza que preside esta cerimonia e simboliza a autonomía universitaria, logo da magnífica restauración que fixo Ourives de Compostela, e que tanto agradecemos. Pero, aínda así, estamos xuntos para celebrar este acto académico e tamén para iniciar un curso especial. A Secretaria Xeral soubo, na súa Memoria, concentrar en poucos minutos o esencial do curso pasado, deixando constancia de como a irrupción dun protagonista non convidado, o SARSCOV-2, alterou todos os plans, tensou e segue poñendo a proba as nosas capacidades e as nosas estruturas. É o momento de agradecer publicamente o esforzo de profesorado, persoal de administración e servizos, e tamén do estudantado para rematar o curso pasado e para preparar este que está a piques de empezar. Permítanme un recoñecemento especial para todos os que asumides responsabilidades de goberno, especialmente nos Centros, polo esforzo, dedicación e colaboración institucional. Grazas polo feito, porque nunca nos sentimos sós, e de cara ao futuro perseverancia, que non é senon o traballo duro que se fai despois de estar canso do traballo duro xa feito. Con distanciamento pero xuntos, con máscaras pero con voz, con absoluta colaboración e con autonomía responsable somos quen de saír adiante. Aínda nunhas circunstancias como as de hoxe, este acto incorpora, como establecen os nosos Estatutos, unha lección maxistral que, por quenda rotatoria, correspóndelle este ano á Facultade de Matemáticas. Outra máis das que son únicas no Sistema Universitario Galego e que co bo facer dos seus equipos decanais, representados aquí hoxe pola súa Decana a profesora Vázquez Cendón, e coa paixón do seu persoal docente e investigador e a adicación do de administración e servizos, foi quen de reverter unha situación que aparecía como preocupante hai agora vinte anos (no curso 2000-2001 só entraron corenta alumnos), e recuperar a confianza do estudantado que hoxe compite por formarse nas súas aulas e mesmo situarse nun lugar de referencia a nivel nacional e internacional, tanto en docencia como en investigación. 3 Moito tivo que ver o Profesor Viaño Rey nese proceso virtuoso de recuperación do prestixio das Matemáticas de Santiago, con proxectos ilusionantes como ESTALMAT, pero tamén dende as súas responsabilidades, primeiro na propia facultade, sendo Director do Departamento de Matemática Aplicada (1986-1992) e Decano da Facultade de 2001-2009, e logo dende o goberno da Universidade, como Vicerreitor de Profesorado (2009-2010) e como Reitor de 2014 a 2018, nun momento especialmente complicado para a nosa Universidade, que transitaba pola segunda fase dunha crise financeira e que, agora que se albiscaba a luz, volve verse ameazada por esta pandemia. Tocoulle a el representar aquí a Facultade con esta lección maxistral na que nos deixou claro o papel das matemáticas baixo esa triloxía universal de modelización matemática, simulación numérica e control de procesos en aplicacións reais. Pero tamén unha mensaxe clara para o futuro. Igual que esas advertencias típicas dos produtos financeiros cando nos din que ganancias pasadas non garanten ganancias futuras, comparto plenamente as verbas do prof. Viaño cando sinala que “Entre todos debemos impedir que os logros alcanzados sexan baldíos para o futuro. É tempo de mudarmos as estruturas e adaptármolas ás necesidades actuais. Outras universidades e Comunidades autónomas xa nos levan a dianteira. Non perdamos a oportunidade”. Con esta lección inauguramos hoxe formalmente un curso que conta con moi escasos precedentes. É certo que as Universidades experimentaron tamén vivencias difíciles e tamén pandemias, como a gripe de 1918, que obrigaron, tamén naquel momento, a pechar as aulas. É moi revelador o testemuño de Josep Plá na súa obra Cuaderno Gris, que recolle as anotacións que empeza a facer en 1918, cando era estudante de Dereito na Universidade de Barcelona: “Como hay tanta gripe han tenido que clausurar la universidad. Desde entonces mi hermano y yo vivimos en casa, en Palafrugell, con la familia. Somos dos estudiantes ociosos”. A situación, en calquera caso, era ben diferente. Era aquela unha universidade de elites, duns poucos miles de estudantes en todo o país e case todos masculinos. Non existían as ferramentas e tecnoloxías dixitais que fan que, aínda pechadas as aulas presenciais, o estudantado de hoxe non poda dicir que está ocioso como sinalaba Josep Plá referíndose a 1918. 4 Pero ao meu modo de ver hai outro cambio aínda mais relevante que ten que ver co papel da Universidade cara á sociedade. Cambiou moito a Universidade nestes cen anos que median entre estas dúas grandes pandemias, focalizándose estes cambios de forma especial no último cuarto do século XX e nestes vinte anos do XXI. - Ata os anos 70 a Universidade asumía como central a súa función docente, de formación superior dun número moi reducido de persoas que conformaban as elites dirixentes. - Coincidindo coa transición democrática no noso país democratizouse tamén o acceso á Universidade e, ao mesmo tempo, empezou a cobrar forza a faceta investigadora como esencial na actividade universitaria. - Nos últimos anos do século pasado esa función investigadora empeza a mirar para fóra dos seus laboratorios e a entender que ademais de xerar coñecemento é preciso transferilo e poñelo ao servizo da mellora da sociedade. - Cos inicios deste século e nestes anos nos que estamos, as universidades non podemos conformarnos con formar, investigar e transferir, senón que se nos pide que asumamos un papel de liderado dos movementos de transformación social, incorporando esa transformación no ensino universitario, pero tamén investigando, transferindo e operando como tractores doutras institucións públicas e privadas para a mellora das condicións de vida da sociedade. Neste contexto, e case sen avisar, aparece un coronavirus que xera esta pandemia global e que demanda respostas, tamén dende a institución universitaria. A USC reaccionou diante da pandemia buscando solucións para a actividade docente mediante o emprego de ferramentas dixitais que permitiron, por outros medios, unha alternativa á temporalmente imposible presencialidade. Grazas ao enorme esforzo de toda a comunidade universitaria, profesorado, persoal de administración e servizos, e estudantando, e a pesar de todas as dificultades penso que 5 fomos quen de rematar razoablemente o curso 2019-20, e estamos agora inaugurando este 2020-21, ao que logo me referirei. Entendemos que a Universidade tiña que poñer todos os seus recursos e capacidade ao servizo da sociedade nun momento tan crítico coma este. E así, por citar algúns exemplos, puxéronse a disposición das autoridades sanitarias equipos de protección, tan escasos neses primeiros momentos, fabricáronse 9.000 litros de xel sanitizante para atender as necesidades máis inmediatas do persoal sanitario cando no mercado non había dispoñibilidade, e ofrecéronse as nosas instalacións e equipamentos para o que o sistema sanitario precisase. Pero o que, ao meu entender, é o mais importante de todo, puxemos tamén toda a nosa potencialidade investigadora a traballar na loita contra a pandemia. Unha investigación que necesariamente ten que ser transversal, o que fai que ninguén como a Universidade abordala: investigación no ámbito das matemáticas, elaborando modelos evolutivos da pandemia que tan útiles se revelaron na toma de decisións, no das ciencias sociais analizando a evolución xeográfica da pandemia, ou tamén no da análise da presenza do virus en augas residuais, ou ferramentas de intelixencia artifical ou realidade aumentada para seguimento e control de aforos, e mesmo dos contactos de risco. E, como non, investigación no ámbito da biomedicina, dos tratamentos, e no da análise xenética como ferramenta esencial para prever o comportamento do virus e orientar a loita contra a pandemia. E, deliberadamente, deixo para o final o eido das vacinas, onde dos 12 proxectos financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Fondo COVID 19 xestionado polo Instituto de Salud Carlos III, dous son liderados dende Santiago de Compostela por investigadores vencellados ao CIQUSC e noutros dous hai unha participación moi relevante de investigadoras do CIMUS, a través de proxectos consorciados a nivel nacional e internacional. Fóra do protagonismo notable do CSIC, ningunha outra entidade pública de investigación pode acreditar unha posición tan predominante. 6 Estaremos todos de acordo en que neste momento a sociedade, consternada e rodeada de incertezas, mira cara á investigación, cara ao novo coñecemento, como a peza clave para parar a pandemia e, consecuentemente, para saír da crise que está a xerar. Nestes momentos recobra todo vigor esa expresión, que xa vén sendo un tópico dende hai anos, de que estamos inmersos nun novo modelo de sociedade que vimos denominando como sociedade do coñecemento, no que as Universidades, especialmente na nosa contorna, son axentes esenciais. Ás veces fan falta circunstancias extraordinarias, como esta que estamos a vivir, para tomar conciencia das nosas debilidades, pero tamén das nosas potencialidades. A Universidade quixo, deliberadamente, facerse presente neste momento de crise para reivindicar o seu papel de formadora, pero tamén de xeradora dun coñecemento que, lonxe de esconderse nunha torre de marfil, acaba sendo motivo de esperanza para unha sociedade atribulada. Agora ben, debemos insistir tamén en que as solucións, a xeración de coñecemento, non se improvisa. Este protagonismo da investigación levada a cabo desde Compostela é o froito dunha traxectoria de anos apostando por ela, por estruturas de investigación como Institutos ou Centros Singulares que permiten competir a nivel nacional e internacional, pola colaboración entre académicos e sanitarios a través de estruturas conxuntas como é o caso do IDIS, pola potenciación da transferencia nas súas diferentes modalidades, incluíndo as máis innovadoras para a atracción de proxectos. Aínda así, seguimos contando con mecanismos de financiamento da investigación centradas no financiamento de proxectos ou iniciativas concretas, o que dificulta tanto o financiamento basal desas estruturas, como a axeitada contratación do persoal que se necesita para ese desenvolvemento. Vimos de asinar no pasado xullo un acordo coas representacións sindicais pioneiro a nivel nacional que supón un paso adiante moi importante na regularización desas situacións, pero seguimos demandando mecanismos de financiamento que permitan sustentalos no tempo máis aló dos proxectos singulares. Temos que convencer aos nosos dirixentes e á sociedade da necesidade deses cambios. E nesa liña de concienciación social podemos enmarcar o proxecto Suma Valor, unha campaña de micromecenado lanzada en plena 7 pandemia coa que queremos, por unha banda, abrir a porta para que a cidadanía poida colaborar con modestas achegas beneficiándose do réxime fiscal do mecenado e, por outra e sobre todo, facer que eses cidadáns sintan tamén como seus os proxectos universitarios. Isto compleméntase coa utilización doutras fórmulas como os convenios de colaboración en actividades de interese xeral que poden canalizar maiores achegas, pensando xa en sociedades ou fundacións. Con uns e outros queremos sumar a complicidade da sociedade cos valores da Universidade, unha alianza para nós estratéxica. E se a investigación pode ser unha gran solución para estes momentos de crise, dende o punto de vista da formación, da docencia universitaria, a pandemia acelerou os procesos e púxonos, case de repente, fronte a un importante reto de futuro: como vai ser a docencia universitaria do futuro. É verdade que eses debates xa estaban enriba da mesa, pero coa mirada posta nun horizonte de anos, case de decenios que agora se acelera. Na festividade de San Tomé de 2019, reflexionabamos xa sobre esa Universidade 4.0, e que en palabras de John Dewar, Reitor de La Trobe University, se caracterizaría por cambiar o foco pasando de pensar en si mesmas a centrarse nos demais. E diciamos que dende esta Real Universidade de Santiago de Compostela, así recoñecida pola cédula de Carlos III, non queremos renunciar á presencialidade, e loitaremos por facer os nosos campus atractivos, e mantelos cheos de mozas e mozos pero, ao mesmo tempo, temos que apostar decididamente por ofrecer solucións para quen queira estudar connosco desde calquera parte do mundo. Esa aposta pola presencialidade non é ningún retorno ao pasado nin supón apostar por repetir máis que por anticipar, senón que responde a razóns e principios básicos da formación universitaria pública. En primeiro lugar, porque seguimos entendendo que a convivencia das persoas, entre estudantes, e estudantes e profesores, é un elemento esencial do proceso formativo. Unha formación que non se limita a contidos, senón que incorpora tamén valores, competencias e habilidades sociais que se aprenden e cultivan presencialmente. 8 En segundo lugar, porque a presenza nos nosos campus, nas nosas aulas, introduce un factor de igualdade de oportunidades que sofre cando cada quen ten que seguir o proceso formativo de acordo coas súas peculiares circunstancias. A experiencia do remate do curso pasado púxonos de manifesto esa realidade, fronte á que implantamos todo tipo de axudas e solucións posibles dentro das nosas posibilidades. Finalmente, porque as Universidades somos tamén un elemento de dinamización económica e social na nosa contorna, papel que cobra maior relevancia no caso da USC, establecida en dúas cidades históricas de tamaño medio, o que fai mais importante e visible aínda a pegada universitaria. Percibimos ademais que esta aposta pola presencialidade conecta ben coas demandas do estudantado, e comprobamos con satisfación como na matrícula de alumnos que acceden por primeira á Universidade se produciu un incremento do 6,6 %, no conxunto da Universidade, pero que no campus de Lugo ese incremento chega ao 36,4 %, pasando para este curso de 595 a 812 alumnos de primeiro. Confírmase así o éxito da redefinición da oferta de estudos, coa implantación dos graos de Bioquímica, e Empresa e Tecnoloxía, que se suman ao grao de Robótica, e que cobren todas as súas prazas, xerando mesmo listas de agarda. Por todas estas razón, e como dixo o Profesor Viaño, “mais alá dos necesarios debates sobre máis ou menos docencia presencial, o que necesitamos é unha universidade con presenza. Con presenza na sociedade, nas institución, nas crises e nas súas solucións, presente e valorada pola cidadanía”. Neste senso, a nova versión Magna Charta Universitatum, tamén afectada pola COVID-19, que retrasou ese acto de sinatura previsto para xuño deste ano 2020, sen cambiar nada dos valores da declaración orixinal pretende dar resposta aos novos retos das Universidades, recoñecendo unha vocación global, pero tamén un amplo nivel de responsabilidades locais, como as que constan nas seguintes afirmacións. 9 As universidades aceptan que teñen a responsabilidade de ser solidarias e responder ás aspiracións e retos do mundo ao que serven. Tamén están incrustadas nas culturas locais e son moi relevantes para o seu futuro e enriquecemento. Estando inmersas nas culturas locais e relacionadas cos desenvolvementos globais, participan plenamente e asumen funcións de liderado nas comunidades e nos ecosistemas locais. Remato Xa. Se hai unha verba que cobrou protagonismo nestes tempos foi a de resiliencia: a capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa. E, se unha institución ten dado mostras de resiliencia, esa é a Universidade. A nosa vén de cumprir hai quince días, o 4 de setembro, 525 anos, dende que Lope Gómez de Marzoa fundase, co apoio dos monxes bieitos, que lle cederon casa e bens, un Estudio para pobres, que, aínda que de corta vida, foi o xermolo deste faro que hoxe segue a brillar. Moitas foron as calamidades e adversidades polas que se tivo que transitar ata chegar a ser o que hoxe somos. Por iso, diante desta pandemia, estamos seguros de que sairemos adiante. Porque somos capaces, porque temos as ferramentas e a capacidade que nunca antes tivemos e porque a sociedade nos necesita. Está na nosa mán estar a altura das expectativas e da confianza depositada en nós. E, por se fose pouco, non nos queda outra opción, e ninguén sabe o forte que é ata que ser forte é a única opción que lle queda. DIXEN