As capitulacións matrimoniais
Abstract
A unidade didáctica desenvolve unha materia propia do Dereito de familia e corresponde ao módulo sobre organización económica do matrimonio, pois as capitulacións son a manifestación máis clara do principio de autonomía da vontade en materia matrimonial. Os cónxuxes ou noivos que pensan casar en breve poden pactar, con algúns límites, sobre os aspectos patrimoniais da súa relación. O tema conecta tamén con contidos doutras materias da titulación, como Dereito Civil I, no que se estuda o negocio xurídico, do que as capitulacións matrimoniais constitúen unha especie, pois é un negocio xurídico-familiar
Full text
VICERREITORÍA DE EXTENSIÓN UNIVERSITARIA, CULTURA E SOCIEDADE Unha colección orientada a editar materiais docentes de calidade e pensada para apoiar o traballo de profesores e alumnos de todas as materias e titulacións da universidade Licenciatura en Dereito Dereito Civil V. Familia e Sucesións Ana Díaz Martínez Departamento de Dereito Común (Área de Dereito Civil) Facultade de Dereito 3.4 As Capitulacións Matrimoniais
As Capitulacións Matrimoniais 3.4 Ana Díaz Martínez Departamento de Dereito Común (Área de Dereito Civil) Facultade de Dereito
ADVERTENCIA LEGAL: reservados todos os dereitos. Queda prohibida a duplicacion, total ou parcial desta obra, en calquera forma ou por calquera medio (electrónico, mecánico, gravación, fotocopia ou outros) sen consentimento expreso por escrito dos editores. © Universidade de Santiago de Compostela, 2010 Deseño Unidixital Edita Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da Universidade de Santiago de Compostela Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela Imprime Unidixital Servizo de Edición Dixital da Universidade de Santiago de Compostela Dep. Legal: C 3978-2010 ISBN 978-84-9887-544-7
UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais - 3 MATERIA: Dereito Civil V. Familia e Sucesións TITULACIÓN: Licenciatura en Dereito PROGRAMA XERAL DO CURSO. LOCALIZACIÓN DA PRESENTE UNIDADE DIDÁCTICA A unidade didáctica desenvolve unha materia propia do Dereito de familia e corresponde ao módulo sobre organización económica do matrimonio, pois as capitulacións son a manifestación máis clara do principio de autonomía da vontade en materia matrimonial. Os cónxuxes ou noivos que pensan casar en breve poden pactar, con algúns límites, sobre os aspectos patrimoniais da súa relación. O tema conecta tamén con contidos doutras materias da titulación, como Dereito Civil I, no que se estuda o negocio xurídico, do que as capitulacións matrimoniais constitúen unha especie, pois é un negocio xurídico-familiar. DEREITO CIVIL V. FAMILIA E SUCESIÓNS PRIMEIRA PARTE. DEREITO DE FAMILIA 1 INTRODUCIÓN. Familia e Dereito 2 O MATRIMONIO. Concepto, natureza e caracteres. O sistema matrimonial español vixente. Efectos do matrimonio: dereitos e deberes dos cónxuxes 3 A ORGANIZACIÓN ECONÓMICA DO MATRIMONIO. Sistema de organización económica do matrimonio. Determinación do réxime económico no Dereito español. O réxime económico no Código Civil. As capitulacións matrimoniais. Doazóns por razón de matrimonio. Sociedade de gananciais. O réxime de separación de bens. O réxime de participación nas ganancias: liquidación 4 CRISES MATRIMONIAIS. Nulidade, separación e divorcio. Efectos comúns 5 RELACIÓNS PATERNO-FILIAIS. Filiación: nocións fundamentais e clases. Accións de filiación. A adopción. Patria potestade 6 GARDA DE MENORES E INCAPACITADOS 7 ALIMENTOS ENTRE PARENTES SEGUNDA PARTE. DEREITO DE SUCESIÓNS 1 A SUCESIÓN MORTIS CAUSA EN XERAL Clases de sucesión. A sucesión intestada e contractual. Os sucesores: o herdeiro e o legatario. Momentos do fenómeno sucesorio. O sistema de adquisición da herdanza no Código Civil. A comunidade hereditaria. A partición 2 A SUCESIÓN TESTADA Testamento: concepto, contido e caracteres. Capacidade. Clases de testamentos. Institución de herdeiro: as substitucións hereditarias: concepto e tipos. Os legados. A execución testamentaria. Ineficacia do testamento 3 LÍMITES Á LIBERDADE DE DISPOÑER MORTIS CAUSA: reservas e lexítimas. Protección da lexítima. Preterición. Desherdamento
UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais - 5 ÍNDICE Presentación ................................................................................................... 7 Destinatarios ................................................................................................... 7 Obxectivos ...................................................................................................... 7 Principios metodolóxicos .............................................................................. 7 Contidos básicos ............................................................................................ 8 1 Función actual das capitulacións matrimoniais ................................. 8 2 Concepto, significado e suxeitos outorgantes ................................. 10 3 Contido e límites ............................................................................. 11 4 Tempo do outorgamento e forma .................................................... 13 5 Réxime de publicidade: requisitos para e súa opoñibilidade fronte a terceiros ............................................................................. 14 5.1 Eficacia entre cónxuxes e fronte a terceiros .............. 14 5.2 Publicidade no Rexistro Civil, o da Propiedade e o Mercantil .............................................................. 14 6 Capitulacións que modifican o réxime económico e terceiros acredores ........................................................................ 16 6.1 Acredores con dereitos anteriores á modificación ..... 16 6.2 Terceiros que adquiren dereitos con posterioridade á modificación do réxime ........................................... 17 7 Ineficacia das capitulacións: especial referencia á impugnación das que liquidan a sociedade de gananciais .................................. 18 7.1 Nulidade, anulabilidade e caducidade ....................... 18 7.2 Rescisión por lesión ................................................... 19 Conceptos xurídicos básicos ...................................................................... 20 Actividades propostas ................................................................................. 20 1 Actividade práctica 1ª .......................................................... 20 2 Actividade práctica 2ª ........................................................... 21 3 Actividade práctica 3ª ........................................................... 22 4 Actividade práctica 4ª ........................................................... 22 Avaliación da unidade didáctica .................................................................. 22 Bibliografía básica ........................................................................................ 23 Anexos lexislativos ....................................................................................... 24
UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais - 7 PRESENTACIÓN Duración: 6 horas (3 expositivas e 3 prácticas ou interactivas). Ademais das horas presenciais, habería que computar 2 horas máis de traballo do alumnado fóra das aulas para preparar as actividades prácticas. DESTINATARIOS A unidade didáctica está dirixida ao alumnado do penúltimo curso da carreira. Os contidos e as actividades programadas terán en conta que os destinatarios xa teñen os coñecementos xurídicos básicos que aprenderon durante os seus primeiros anos de formación universitaria e ven preto o seu futuro profesional. OBXECTIVOS Os obxectivos xerais da materia Dereito Civil V (Familia e Sucesións) son: – Identificar as materias especialmente conflitivas no ámbito das relacións familiares (matrimonio e filiación) e sucesorias (adquisición da herdanza, testamento, sistema lexitimario, sucesión legal). – Manexar correctamente as normas legais vixentes e as orientacións xurisprudenciais actuais arredor dos problemas básicos propios da disciplina. – Adquirir coñecementos prácticos básicos sobre a intervención do xurista nos conflitos familiares e sucesorios: desenvolvemento dos procesos matrimoniais, accións de filiación, análise de testamentos, realización de escrituras particionais… Os específicos da unidade didáctica, en relación con aqueles, son: – Comprender a virtualidade das capitulacións matrimoniais como instrumento xurídico de convenio dos cónxuxes, quer no eido económicomatrimonial, quer, cando sexa posible, sucesorio. – Coñecer as utilidades das capitulacións para facer previsións para o caso dunha futura crise do matrimonio. – Asimilar a posición da xurisprudencia sobre os principais conflitos xurídicos que orixinan as capitulacións, principalmente no eido da modificación do réxime económico dos cónxuxes fronte a terceiros e a súa impugnación por un dos outorgantes. PRINCIPIOS METODOLÓXICOS Combínanse na docencia un método expositivo e un problemático. No primeiro, a profesora dá conta dos máis importantes conflitos verbo das capitulacións matrimoniais, analizando a xurisprudencia do Tribunal Supremo máis actualizada e as normas do Código Civil e a Lei de Dereito Civil de
14 - UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais contratos enumerados no devandito precepto non sexan solemnes, agás no tocante ás propias capitulacións, á repudiación dunha herdanza e ao poder para contraer matrimonio. 5 Réxime de publicidade: requisitos para a súa opoñibilidade fronte a terceiros 5.1 Eficacia entre cónxuxes e fronte a terceiros A eficacia entre os cónxuxes das capitulacións non está sometida a réxime de publicidade ningún, sendo eficaces directamente desde o seu outorgamento. Así e todo, fronte a terceiros teñen que ser coñecidas para que lles sexan opoñibles, coñecemento ou, cando menos, cognoscibilidade legal, ligados ao sistema de publicidade das capitulacións no Dereito español. Aínda que o sistema elixido polo lexislador español, a diferenza doutros países, non fora a creación dun rexistro especial unicamente destinado a lles dar publicidade fronte a terceiros ás capitulacións matrimoniais, desde logo, os que entran en relación cos cónxuxes no tráfico xurídico deben poder coñecer cal é o réxime económico dese matrimonio. Máis aínda, interésanlles as concretas regras polas que se rexen, se optaron para modificar a normativa legal dalgún dos réximes regulados no noso Dereito, pois este tipo de pactos pode incidir nos poderes de disposición de cada un dos esposos e nas responsabilidades que contraian. 5.2 Publicidade no Rexistro Civil, o da Propiedade e o Mercantil En principio, o réxime de publicidade das capitulacións céntrase no Rexistro Civil. Como pon de manifesto o art. 1333 CC, na inscrición de matrimonio que alí conste cómpre facer mención, no caso de que se outorgaran, das capitulacións, a través dun asento tecnicamente chamado «indicación» (art. 77 LRC), que dá simplemente noticia da existencia destas e da data da correspondente escritura pública, reenviando ao protocolo do notario que o autoriza. O acceso ao seu texto íntegro facilítase, segundo o art. 266 RRC in fine, nos casos permitidos pola lexislación notarial e, en particular, a calquera solicitante que presente un principio de proba que o acredite como titular dalgún dereito patrimonial fronte a calquera dos cónxuxes. En todo o caso, as indicacións relativas á existencia de capitulacións matrimoniais son practicadas a petición do interesado, pero non son obrigatorias nin teñen carácter constitutivo, pois, como xa se dixo anteriormente, son eficaces internamente desde o seu outorgamento, malia os termos imperativos do art. 1333 CC. O réxime de publicidade está ligado, xa que logo, á opoñibilidade fronte a terceiros das capitulacións ou ás súas modificacións; no caso de que non accederan ao Rexistro, non terán eficacia os seus pactos fronte a persoas distintas dos outorgantes, aínda que cómpre ter en conta que nunca está protexido o terceiro que non actúa de boa fe. Non o fai –malia que, como é sabido, no noso Dereito a boa fe, en principio,
UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais - 15 hai que presumila− o que coñece a situación verdadeira do réxime económico matrimonial ou a debera coñecer se a súa actuación fose o suficientemente dilixente. Pola contra, o coñecemento derívase como unha presunción iuris et de iure se as capitulacións cumpren o sistema de publicidade imposto polo CC e a lexislación complementaria. Ademais, cómpre contemplar outra forma de publicidade rexistral das capitulacións á que se refire o último inciso do art. 1333 CC, desta volta a través do Rexistro da Propiedade, cando afecten bens inmobles, malia que resulta moi controvertido precisar o alcance e o significado que se lle deba atribuír, neste contexto, á devandita inscrición rexistral. En particular semella especialmente difícil determinar cal ha de ser a posición do terceiro acredor dun dos cónxuxes cando, despois de practicar a procedente indicación do cambio de réxime económico nos libros do Rexistro Civil e de consentir aquel, que é o que acontece decote, en substituír o réxime de gananciais por un de separación, non se fixese o mesmo no Rexistro da Propiedade e despois pretendese o acredor que un ben inmoble que substantivamente xa non é común quede afecto á responsabilidade que da débeda contraída deriva. Neste sentido, cómpre recoñecer inicialmente que algunhas afirmacións xenéricas e difusas do Tribunal Supremo, como as vertidas en sentenza de 6 de xuño de 1994, contribúen a manter viva a discusión sobre o tema. O Supremo apuntou que, malia que a validez das capitulacións depende da súa constancia en escritura pública e a súa eficacia e opoñibilidade está en función da inscrición no Rexistro Civil, «estas circunstancias non alteran o réxime de publicidade rexistral inmobiliario, coas garantías que a terceiros lles ofrece, respecto dos inmobles concretos afectados no tocante á toma de razón no Rexistro da Propiedade na forma e cos efectos previstos na Lei Hipotecaria». Con estas palabras semella que se postula, en relación cos acredores e non con outro tipo de terceiros (pois aos primeiros fai referencia esta decisión xudicial) que a inscrición no Rexistro da Propiedade ou, no seu caso, a falta de acceso a el non pode ser indiferente para delimitar a súa posición xurídica, engadindo un plus sobre a simple indicación das capitulacións matrimoniais no Rexistro Civil, á marxe da inscrición do matrimonio. Unha indefinición semellante pode advertirse na sentenza do Tribunal Supremo de 25 de setembro de 1999, que afirma que «o cambio de réxime patrimonial non despraza os dereitos adquiridos con anterioridade por terceiros sobre o patrimonio dos cónxuxes, mentres non se publiquen nos Rexistros correspondentes», tras invocar o art. 1333 CC, pero sen precisar con que efectos se terán que facer constar as capitulacións no da Propiedade, cando se trate de inmobles. Máis claridade e contundencia que a manifestada nas devanditas sentenzas do Tribunal Supremo pode observarse nalgunhas de audiencias provinciais, que inciden no carácter determinante do acceso ao Rexistro da Propiedade das capitulacións que afecten a inmobles para a súa plena opoñibilidade. Cuestión diferente é, ao fío dalgunhas afirmacións vertidas polo Tribunal nas sentenzas comentadas, que, efectivamente, poidan ser obxecto de críticas o sistema de publicidade das capitulacións matrimoniais e as súas modificacións que o noso Dereito debuxa, sobre todo no tocante ao papel esencial que se lles atribúe ao Rexistro Civil e mais ao tipo de asento elixido polo lexislador para lles dar publicidade aos cambios de réxime económico, o de indicación, talvez non o máis axeitado.
16 - UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais Téñase en conta, por outra parte, que o suposto inverso ao que aquí formulamos, é dicir, que figurase no Rexistro da Propiedade o cambio de réxime económico producido sen indicación ningunha de tal circunstancia no Rexistro Civil, que provocou certa inquedanza na doutrina outrora, hoxe non podería ter lugar na práctica tras a nova redacción que ao art. 266.6º RRC se lle dá en virtude do Real Decreto 1917/1986, de 26 de agosto, que impide a toma de razón no Rexistro da Propiedade dunhas capitulacións que non tiveran o correspondente reflexo previo no Civil. Finalmente, o réxime de publicidade das capitulacións matrimoniais presenta unha especialidade no caso de que un dos cónxuxes sexa empresario ou, na terminoloxía máis tradicional, un comerciante. Nese suposto, segundo se desprende do art. 21 Cco, as capitulacións que non accederan ao Rexistro Mercantil non serán opoñibles a terceiros −neste caso semella claro que dentro da palabra «terceiros» terán que se comprender tanto acredores como adquirentes−. Algúns autores sostiveron que as capitulacións son inopoñibles, malia que foran obxecto de indicación no Rexistro Civil, se non constan no Mercantil e a adquisición ou crédito do terceiro deriva dun acto de comercio realizado por un dos cónxuxes empresario, porque a publicidade do Rexistro Mercantil é especial e o seu sistema se ten que superpoñer ao xeral. 6 Capitulacións que modifican o réxime económico e terceiros acredores 6.1 Acredores con dereitos anteriores á modificación Malia que moitos autores, ao comentar a reforma levada a cabo no Código Civil español por Lei de 2 de maio de 1975, que introduciu o principio de liberdade na mutabilidade do réxime económico matrimonial (art. 1325 CC), non querían crer que iso fose acontecer así, o certo é que, ás veces, o cambio de réxime económico, constante matrimonio, foi utilizado polos cónxuxes con ánimo defraudatorio de terceiros acredores. O proceso, como pon de manifesto Yáñez Vivero, pode describirse do seguinte modo: cando un dos cónxuxes contrae débedas e o patrimonio ganancial é posto en perigo pola acción dos acredores, ambos os dous outorgan capitulacións matrimoniais, substituíndo o réxime comunitario polo de separación de bens, que inscriben no Rexistro Civil, e cometen algunhas irregularidades na liquidación, consistentes na omisión da débeda −ganancial− no inventario, infravaloración dos bens inmobles, que lle adxudican ao cónxuxe que non contraeu a débeda e paralela sobrevaloración dos de escaso valor, que se lle adxudican ao non debedor, de xeito que, formalmente, se respecta o principio de división equitativa. Cando os acredores anteriores á modificación pretenden embargar os bens gananciais, comproban que a meirande parte do patrimonio ou os bens de maior interese para eles lles foron adxudicados ao non debedor. Iso complica o reflexo rexistral do embargo e suscita a dúbida de se teñen que impugnar as capitulacións matrimoniais outorgadas por fraude de acredores. En todo caso, a reacción diante destas dificultades dos tribunais de xustiza e a doutrina non foi clamar ante o lexislador pedindo
UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais - 17 a volta ao sistema de inmutabilidade do réxime económico durante todo o tempo que dure o matrimonio, senón arbitrar recursos xurídicos, partindo da normativa civil existente, que permitan o amparo dos lexítimos dereitos dos acredores. Así, a protección dos acredores con dereitos anteriores ao cambio de réxime fundaméntase no art. 1317 CC, do que deriva a inopoñibilidade da modificación aos que tivesen dereitos adquiridos. O Tribunal Supremo, agás nalgunha sentenza illada, resolveu reiteradamente que os acredores non teñen que exercitar acción rescisoria das capitulacións que liquidan a sociedade de gananciais e pactan o réxime de separación de bens para o futuro, fundada no prexuízo dos seus dereitos. Tampouco é preciso promover xudicialmente a súa nulidade por causa ilícita do negocio capitular, senón que, por aplicación do devandito art. 1317, en relación co 1401 CC, conservarán o seu crédito contra o cónxuxe debedor con responsabilidade ilimitada e, ademais, o outro responderá tamén cos bens que lle foran adxudicados nas operacións particionais, no suposto de que se realizara correctamente o inventario −constando a débeda no pasivo− e ultra vires noutro caso. En definitiva, os bens que foron gananciais continúan a responder fronte aos acredores, malia que lle fosen adxudicados ao cónxuxe que non contraeu a débeda, o que permite falar dunha «perpetuación da responsabilidade real da masa ganancial», sendo desestimadas as terceirías de dominio interpostas por aquel cando se embargan bens que lle foron adxudicados tras a liquidación da sociedade. Os problemas rexistrais antes existentes á hora de practicar a anotación preventiva do embargo se os bens xa estaban inscritos exclusivamente ao seu nome removéronse coa nova redacción do art. 144.4. aptdo. 2º RH, que permite realizar o asento cando se demandou o cónxuxe que contraeu a débeda e se lle notificou o embargo ao outro. 6.2 Terceiros que adquiren dereitos con posterioridade á modificación do réxime Malia que, sen discusión, os problemas expostos son os máis complexos, tampouco está exento de dúbidas determinar en que medida o cambio de réxime económico dun matrimonio lle é opoñible a terceiros tras as capitulacións matrimoniais, que son eficaces inter partes desde o mesmo momento do seu outorgamento. Certamente, as regras que disciplinan as relacións patrimoniais dos esposos non só lles interesan a eles, senón tamén aos que con eles se relacionan contractualmente, ao incidir sobre os seus poderes dispositivos, capacidade de xestión e responsabilidade. Resulta indiscutible que tal eficacia fronte a terceiros está ligada á publicidade das capitulacións, pero o art. 1333 CC, relativo a isto, deixa sen resolver certas cuestións, como xa adiantamos. Así, aínda que cómpre que as capitulacións accedan ao Rexistro Civil cando se quere que teñan efectos fronte a terceiros, pois na inscrición de matrimonio estará indicado o seu outorgamento, nos termos do art. 77.1º LRC, devén controvertido determinar o alcance da referencia final do precepto que comentamos, en canto ao acceso das capitulacións ao Rexistro da Propiedade, se afectasen a bens inmobles. Neste sentido, non ten o consenso da doutrina nin quedou
18 - UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais definitivamente resolto nos tribunais determinar cales son os efectos fronte a terceiros dunhas capitulacións que modifican o réxime económico do matrimonio e, afectándolles a inmobles, teñen publicidade no Rexistro Civil pero non tiveron acceso ao da Propiedade, malia que semella que, aplicando as regras xerais de publicidade rexistral inmobiliaria, non lles serían opoñibles. Finalmente, lembremos que se algún dos cónxuxes é comerciante, as capitulacións teñen acceso tamén ao Rexistro Mercantil e non lle serán opoñibles ao acredor do comerciante, se actúa de boa fe, as que non consten alí (art. 21 Cco). 7 Ineficacia das capitulacións: especial referencia á impugnación das que liquidan a sociedade de gananciais Como calquera outro negocio xurídico, as capitulacións matrimoniais están suxeitas a un réxime de ineficacia xeral, dentro do que podemos aplicar as categorías de nulidade, anulabilidade, caducidade e rescisión. Nesta última destaca especialmente a rescisión por lesión cando contiñan liquidación da sociedade de gananciais, pois xa analizaramos que a rescisión por fraude de acredores fora case absorbida polo principio de inopoñibilidade derivado do art. 1317 CC. En todo o caso, non se pode esquecer que o negocio capitular escapa da idea de contrato como intercambio de bens e servizos: é un contrato normativo, que non se acomoda á dicotomía gratuidade e onerosidade e ao que non lle é aplicable a resolución por incumprimento. Isto terá algunhas consecuencias peculiares no réxime xeral de ineficacia e os efectos da invalidez. 7.1 Nulidade, anulabilidade e caducidade A nulidade absoluta procederá tanto por defectos estruturais do negocio −causa ilícita, defecto formal ao non se outorgar escritura pública…−, canto por vulneración de normas imperativas. Sen dúbida o son moitas do chamado réxime matrimonial primario, recollidas nos arts. 1318 e ss. CC, pero tamén se pode tratar de normas sucesorias ou de calquera outra natureza−. Tamén serán nulas as capitulacións contrarias os bos costumes −así se ven, ás veces, os pactos relativos a aspectos persoais que contradigan os arts. 67 e 68 CC− ou o principio de igualdade dos cónxuxes, que presenta algunhas dúbidas, como quedou dito, sobre a licitude de cláusulas como a que exclúe con carácter definitivo un dos cónxuxes da xestión da sociedade de gananciais, encomendándolla en exclusiva ao outro. Con todo, nestes últimos casos de vulneración dos límites do art. 1328, a nulidade pode ser só parcial se, privado da cláusula que os excedeu, o negocio capitular continúa a manter coherencia e cumpre a súa finalidade. Por outra banda, malia que os trastornos psíquicos dun dos outorgantes non anulen o consentimento se non significan falta de discernimento, cando así sexa ou exista calquera outro defecto de capacidade, así como nos supostos de vicios do consentimento, as capitulacións serán anulables. Tanto no caso de nulidade absoluta ipso iure como no de que se estime xudicialmente a acción de anulabilidade o efecto
UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais - 19 principal da invalidez das capitulacións será a substitución do réxime pactado polo legal, é dicir, a aplicación das normas do CC sobre gananciais, segundo deriva do art. 1316 CC. Os terceiros que actúan de boa fe non os prexudicarán as consecuencias da anulación, de xeito que non se verán modificadas as adquisicións de dereitos reais nin de crédito realizadas con base no réxime matrimonial pactado (art. 1335 CC). No tocante á caducidade, no caso das capitulacións prenupciais quedarán sen efecto as outorgadas cando o matrimonio non se chegase a contraer no prazo dun ano, segundo deriva do art. 1334 CC, e, se finalmente os noivos casasen, deberían subscribir, de conservar ese interese, novos pactos capitulares. Por outra banda, sempre que se outorgan capitulacións prenupciais estas non producirán efecto ningún ata que o matrimonio se celebre –en xeral este adoita entenderse como conditio iuris daquelas, malia que algúns autores prefiren dicir que constitúe a súa base obxectiva e causal–. 7.2 Rescisión por lesión Unha vez que se presenta unha crise matrimonial, se a parella tivese sometidas as súas relacións económicas ao réxime de gananciais, a sociedade pódese liquidar de diversos modos, entre os que destacan o convenio regulador de separación ou divorcio (art. 90 aptdo E) CC), o procedemento xudicial dos arts. 806 e ss. LEC, e as capitulacións matrimoniais. Tanto cando se fai remisión a estas no propio convenio regulador, se o proceso matrimonial se tramita pola vía do consenso, como no caso de que non sexa así, a liquidación de gananciais verificada en capitulacións pode ser rescindida por lesión dos dereitos dun dos cónxuxes en máis dunha cuarta parte do valor dos bens adxudicados, en aplicación do art. 1290 CC, a que se remite o art. 1074, sobre a partición hereditaria, que rexe na liquidación de gananciais en virtude do disposto polo art. 1410 CC. Así, deixando á marxe a impugnación dunha liquidación feita doutro xeito, no prazo de caducidade de catro anos, contados desde o outorgamento das capitulacións matrimoniais, o cónxuxe que sufrise a lesión económica aludida poderá exercitar acción rescisoria, agás no caso de que á sinatura daquelas ambos os dous renunciaran expresamente a presentar a rescisión por lesión. Ademais, como resalta Rebolledo Varela tras unha exhaustiva análise xurisprudencial, a renuncia pódese deducir de actos ou condutas que de xeito inequívoco leven á afirmación de que esta existiu, como acontece cando os cónxuxes afirman que «non se teñen nada que reclamar», que «a liquidación non supuxo desequilibrio económico para ningún deles» ou que os valores asignados aos bens eran aproximados e os cónxuxes sabedores das consecuencias económicas e xurídicas de ter practicado desta maneira as operacións particionais. Por outra banda, cómpre ter en conta, malia que o devandito autor o matice e non considere apropiado sostelo en termos absolutos para vedar toda a rescisión por lesión nestes casos, que o Tribunal Supremo español é remiso a admitir a impugnación por lesión das liquidacións incorporadas ao convenio regulador de separación ou divorcio, pois outorga a este unha natureza transaccional e considera que o acordo sobre adxudicación de bens, coa pertinente valoración destes, que pode non
20 - UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais atender a valores de mercado, está interrelacionado con outros pactos en materias como a pensión compensatoria, as alimenticias dos fillos ou certas indemnizacións, formando con eles un todo inseparable. En definitiva, pois, esta posición xurisprudencial, non carente de contradición nalgunha outra sentenza do Supremo, presume que un dos cónxuxes puido aceptar que na liquidación de gananciais non fose, en termos económicos, atendida a valoración real dos bens, igualitaria, e admitise a incorporación de valores ficticios destes, a cambio doutras vantaxes nalgunha das disposicións que disciplinan as relacións económicas dos ex-cónxuxes tras a ruptura, polo que non se pode fraccionar o conxunto dos pactos e permitir a rescisión por lesión das capitulacións incorporadas ao convenio regulador. CONCEPTOS XURÍDICOS BÁSICOS Nulidade Inopoñibilidade Rescisión Publicidade rexistral Solemnidades Modificación do réxime económico Contido típico Contido atípico Pactos previos Caducidade Autorregulación ACTIVIDADES PROPOSTAS Actividade práctica 1ª Caso práctico Antes de presentar a súa demanda de divorcio nun procedemento por consenso, fundamentalmente atendendo o ben dos seus dous fillos, Marta e Álvaro outorgan ante notario escritura de capitulacións na que liquidan a súa sociedade de gananciais e realizan as correspondentes adxudicacións de bens aos respectivos haberes. Algúns anos despois, Marta aprecia que aquelas operacións a prexudicaron de maneira notoria e vai na procura de asesoramento xurídico, asegurando que foi enganada por Álvaro, que se valeu da súa boa fe e aproveitou a forte depresión que ela estaba a atravesar como consecuencia da súa ruptura, o que provocou que fosen infravalorados maliciosamente os bens adxudicados no lote do seu ex-marido e quedasen fóra do inventario outros que dicía eran privativos e ela consideraba gananciais. Cuestións
UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais - 21 1 Pode exercitar Marta algunha acción xudicial para deixar ineficaz a escritura de capitulacións? Formula as distintas posibilidades que o noso Dereito ofrece. 2 Que prazo habería para presentar a demanda? 3 Corrixe a intervención notarial os posibles vicios do consentimento prestado por Marta na escritura? 4 Que farías se o único problema da liquidación fose a omisión dun ben no activo da sociedade de gananciais? 5 É posible aplicarlle á ineficacia dunhas capitulacións matrimoniais a figura da nulidade parcial? 6 Argumenta xuridicamente a defensa procesual de Álvaro se finalmente fose demandado por Marta instando a ineficacia da escritura de liquidación de gananciais. Actividade práctica 2ª Caso práctico Jaime e Rita, ambos os dous nacidos en Trujillo (Cáceres) e residentes nesta localidade ata o momento do seu matrimonio, casan civilmente en 1990 en Barcelona, de onde era orixinaria a nai da noiva, sen outorgar capitulacións prenupciais, e comezan a vivir en Madrid, onde ambos os dous acababan de atopar novos traballos. Rita desenvolve unha intensa actividade empresarial nunha academia de idiomas onde ten contratadas catro persoas. Nun determinado momento o seu negocio comeza a dar problemas económicos, o que lle impide afrontar o pagamento dos salarios dos seus empregados, así como cumprir as súas obrigas fiscais. Os dous deciden, con asesoramento xurídico, cambiar de réxime económico e poñer a nome de Jaime os bens inmobles propiedade de ambos. Cuestións 1 Determina cal era o réxime económico polo que inicialmente se rexía o matrimonio, tendo en conta a lei aplicable. 2 Explica cal será, atendendo ás circunstancias do caso, o contido básico das capitulacións matrimoniais outorgadas por Jaime e Rita. 3 Lograron os cónxuxes deixar fóra do alcance dos acredores de Rita os bens gananciais adxudicados a Jaime? Por que? 4 Existiría algunha diferenza se os créditos salariais e fiscais nacesen con posterioridade ao outorgamento das capitulacións matrimoniais? 5 Recomendaríaslles a Jaime e Rita que fixesen constar o contido das súas capitulacións nalgún rexistro? Por que? 6 Se foses o avogado dos traballadores da empresa de Rita, exercitarías a acción rescisoria en defensa dos seus intereses?
22 - UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais Actividade práctica 3ª Comentario de sentenza Comentario á STS de 15 de xaneiro de 2004, RJ 2004/202. Outorgamento de capitulacións con vicio do consentimento dun dos cónxuxes: intimidación. Prazo de exercicio da acción e cómputo deste. Actividade práctica 4ª Consulta xurídica por escrito Argumenta xuridicamente, co oportuno apoio legal, doutrinal e xurisprudencial −ou, no seu caso, sentenzas de audiencias provinciais−, a validez das seguintes cláusulas que pretende incluír o teu cliente nunha escritura de capitulacións matrimoniais prenupciais, segundo as súas propias palabras «polo desexo de evitar problemas en caso de ruptura» e «para aproveitar a visita ao notario para solucionar algúns temas pendentes»: 1 Atribución de carácter ganancial aos bens que adquiran calquera dos cónxuxes a través de doazóns ordenadas en favor de cada un deles por terceiros con carácter persoal e perfeccionadas durante o matrimonio. 2 Pacto de que os cónxuxes non terán a obriga de se gardar fidelidade, reservando para cada un unha plena esfera de autonomía nas súas relacións persoais con terceiros. 3 Renuncia á pensión compensatoria no caso de separación ou divorcio, malia que se cumprisen os requisitos que o Código Civil establece para a súa xeración. 4 Establecemento dunha indemnización por ano de matrimonio no caso de que a ruptura non sexa de común acordo senón a instancia dun dos cónxuxes. O que desexase continuar coa convivencia matrimonial terá dereito igualmente á parte rateada que lle corresponda polos períodos de tempo de duración do matrimonio inferiores a un ano. 5 Doazón a un sobriño dunha pequena parcela que linda co terreo da súa propiedade cuxa extensión necesita sumar a esta para que o concello lle dea a licenza para edificar. 6 Atribución ao voso cliente das facultades exclusivas de administración e disposición de todo o patrimonio ganancial. 7 Recoñecemento dun fillo froito da súa anterior relación con outra muller. AVALIACIÓN DA UNIDADE DIDÁCTICA Un alumno debe ser quen de responder por escrito, con apoio nos textos legais de aplicación ao caso −Código Civil e Lei de Dereito Civil de Galicia− preguntas sinxelas sobre o réxime xurídico das capitulacións matrimoniais, os conflitos máis frecuentes que orixinan e a interpretación que
UNIDADE DIDÁCTICA: As capitulacións matrimoniais - 23 fai deles a xurisprudencia. O exame ten un valor de 6 puntos na nota final, aos que se lles poderán sumar 3 puntos máis se fixo, correctamente orientadas, as prácticas propostas, malia que fose sen acerto total nas solucións dadas, e 1 punto pola asistencia ás aulas e a súa participación activa nelas. No exame valoraranse, ademais dos contidos, a capacidade de expresión e o manexo da terminoloxía xurídica. BIBLIOGRAFÍA BÁSICA AMORÓS GUARDIOLA, Manuel (1984): «Comentario a los arts. 1325 a 1335», Comentarios a las reformas del Derecho de familia, vol. 2º, Madrid: Tecnos, 1520 e ss. BAYOD LÓPEZ, M. Carmen (2007): «Efectos de la invalidez de las capitulaciones matrimoniales en el marco de la teoría general del contrato: ajustes y desajustes», ADC, n.º 3 (2007), 1109-1162. BLASCO GASCÓ, Francisco de P. (1990): La mejora irrevocable. Análisis de la mejora ordenada por capitulaciones matrimoniales o por un contrato oneroso con un tercero, Valencia: Tirant lo blanch. — (1993): «Modificación del régimen económico matrimonial y perjuicio de terceros: la norma del artículo 1317 CC», ADC, abril-xuño (1993), 599641. CARCABA FERNÁNDEZ, María (1992): Las capitulaciones matrimoniales, Oviedo: Servicio de Publicaciones de la Universidad de Oviedo. COSTAL RODAL, Lucía (2009): «Comentario a los arts. 1325 a 1335», BERCOVITZ RODRÍGUEZ-CANO, Rodrigo (coord.): Comentarios al Código Civil, Pamplona: Aranzadi, 3ª ed., 1573-1581. CUTILLAS TORNS, José María (2003): Las capitulaciones matrimoniales. Estudios de su ineficacia y de sus acciones impugnatorias, Valencia: Revista General del Derecho. EGEA FERNÁNDEZ, Joan (2003): «Pensión compensatoria y pactos en previsión de una ruptura matrimonial», Estudios jurídicos en homenaje al profesor Luis Díez-Picazo, t. III, Madrid: Thomson-Civitas, 4451-4574. GUILARTE GUTIÉRREZ, Vicente (1991): Gestión y responsabilidad de los bienes gananciales, Valladolid: Lex Nova. PASTOR VITA, Francisco Javier (2003): «La renuncia anticipada a la pensión compensatoria en capitulaciones matrimoniales», RDF, n.º 19 (2003), 25-55. REBOLLEDO VARELA, Ángel Luis (2008): «Pactos en previsión de una ruptura matrimonial. Reflexiones a la luz del Código Civil, del Código de Familia y del Anteproyecto de Ley del Libro II del Código Civil de Cataluña», GÓMEZ GÁLLIGO, Javier (coord.): Homenaje al profesor Manuel Cuadrado Iglesias, vol. I, Pamplona: Aranzadi, 735-755. — (2009): «Crisis matrimoniales y sociedad de gananciales: impugnación de la liquidación incorporada al convenio regulador», Aranzadi Civil, n.º 6 (2009), 647. ROMÁN GARCÍA, Antonio M. (2004): El matrimonio y su economía. Régimen económico matrimonial legal y regímenes convencionales, Colegio de Registradores de la Propiedad y Mercantiles de España.