Full text
Carmen Rodríguez Rocha Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Xuño de 2024 Traballo de Fin de Grao presentado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela para a obtención do Grao en Economía Traballo de fin de grao
2 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Resumo A ruralidade, como moitos outros termos empregados polas ciencias sociais, trátase dun concepto multidimensional sobre o cal non existe un criterio de definición xeralmente aceptado. Esta falta de consenso, xunto coa multitude de disciplinas científicas implicadas na súa análise, fan do rural un termo difícil de aproximar. Así, o presente traballo ten como obxectivo facer unha proposta para medir o grao de ruralidade dun territorio a través da metodoloxía dos indicadores sintéticos, co obxectivo último de aplicala sobre as comarcas galegas. Para acadar este obxectivo, comézase repasando as diferentes acepcións que se lle confiren ao medio rural, facendo fincapé no enfoque pragmático e operativo baseado en variables demográfica empregado polas institucións cara este fin. Preséntanse, ademais, algúns traballos previamente elaborados que tiñan por obxecto medir a ruralidade de diferentes territorios, facendo posteriormente un repaso da metodoloxía dos indicadores sintéticos, punto no que se idenfitican as fases a seguir na construción dos mesmos e as posibles metodoloxías a empregar en cada unha delas. Finalmente, en base ao marco teórico previamente elaborado, defínese un índice sintético que permita medir a ruralidade tendo en conta o seu carácter multidimensional. Dito índice é posteriormente aplicado sobre as comarcas galegas, comparando os resultados obtidos cos dos outros traballos que buscaban definir este concepto para Galicia. Conclúese así que o emprego do índice sintético de ruralidade proposto permite unha maior diferenciación entre rexións que os outros estudos realizados para este fin, ao tempo se que coincide con eles na heteroxeneidade que presentan as rexións galegas no relativo á súa ruralidade, observable ao comparar o leste das provincias de Ourense e Lugo, caracterizadas por un maior nivel de ruralidade, coas comarcas do Eixo Atlántico, que -xunto coas das principais cidades do interior de Galiciason as zonas nas que se constata un menor grao de ruralidade. Número de palabras do traballo: 9812 Palabras chave: ruralidade, índice sintético, Galicia.
3 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Índice Resumo ............................................................................................................................. 2 Índice ................................................................................................................................ 3 Índice de táboas, gráficos ou figuras ................................................................................ 4 Introdución ....................................................................................................................... 5 1 Marco teórico ............................................................................................................ 6 1.1 Un marco teórico para a ruralidade ....................................................................... 6 1.1.1 Traballos previos sobre a ruralidade ................................................................. 10 1.2 A construción de índices sintéticos ...................................................................... 12 1.2.1 O proceso de construción dos índices sintéticos .............................................. 13 1.2.2 Metodoloxías para a normalización das variables ............................................ 15 1.2.3 O problema da ponderación na construción de índices sintéticos ................... 15 1.2.4 Posibles metodoloxías de cara á agregación dos indicadores parciais ............. 17 2 Un índice sintético para medir a ruralidade das comarcas galegas ........................ 18 2.1 Un índice sintético para medir a ruralidade ......................................................... 18 2.1.1 Un marco teórico para a ruralidade .................................................................. 18 2.1.2 Selección de indicadores parciais...................................................................... 21 2.1.3 Análise estatístico multivariante ....................................................................... 26 2.1.4 Normalización das variables .............................................................................. 27 2.1.5 Ponderación dos indicadores parciais que compoñen o índice ........................ 28 2.1.6 Agregación dos indicadores parciais ................................................................. 29 2.2 Estimación da ruralidade para as comarcas galegas ............................................ 29 2.2.1 Aplicación do índice sintético de ruralidade para Galicia ................................. 29 2.2.2 Comparación do índice sintético de ruralidade con outros estudos sobre ruralidade feitos para Galicia ......................................................................................... 35 Conclusións, limitacións e ampliacións .......................................................................... 39 Bibliografía ...................................................................................................................... 41
4 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Índice de táboas, gráficos ou figuras Táboa 1.1: Dimensións e variables empregadas no índice de ruralidade para Galicia .. 11 Táboa 2.1: Indicadores de ruralidade e variables empregadas ..................................... 20 Táboa 2.2.: Dimensións e variables do CIR ..................................................................... 21 Táboa 2.3: Dimensións e indicadores parciais do índice de ruralidade ......................... 25 Táboa 2.4: Fontes dos datos dos indicadores parciais do índice de ruralidade ............. 25 Táboa 2.5: Resumo estatístico dos indicadores parciais ................................................ 26 Táboa 2.6: Matriz de correlacións entre os indicadores parciais ................................... 27 Táboa 2.7: Ponderación asignada a cada dimensión e indicador parcial ...................... 28 Táboa 2.8: Índice sintético (IS) de ruralidade aplicado ás comarcas galegas ................ 30 Táboa 2.9: Grupos de comarcas segundo o índice de ruralidade .................................. 31 Figura 2.1: Índice sintético de ruralidade aplicado ás comarcas galegas....................... 32 Figura 2.2: Concellos de Galicia segundo o subgrao de urbanización ........................... 36 Figura 2.3: Índice de ruralidade. Delimitación urbano – rural en Galicia. ..................... 37
5 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Introdución Ao longo dos séculos a ruralidade xogou, e aínda xoga, un papel crucial na configuración da identidade galega. Desde Rosalía de Castro ata Emilia Pardo Bazán, foron moitos os autores que fixeron referencia nas súas obras a esta característica intrínseca á propia concepción de Galicia. Pero, que é exactamente o rural? En que medida presentan as comarcas galegas esta característica que tantas veces se lles ten atribuído? A resposta á primeira destas dúas preguntas parecía inequívoca ata ben entrado o século XX, durante o que se entendía unha clara correspondencia entre o “rural” e o “agrario”. Porén, en pleno afianzamento da sociedade postindustrial, os contrastes entre o rural e o urbano son cada vez máis difusos e difíciles de establecer (Sancho et al., 2012). En consecuencia, o debate sobre a propia definición de espazo rural, concibida inicialmente por oposición ao urbano, está actualmente á orde do día e búscanse novas fórmulas que recollan a estrutura e funcionalidade destas áreas. O presente traballo ten por obxectivo definir e facer unha proposta para medir o grao de ruralidade dun territorio, para o cal se fará emprego da metodoloxía dos indicadores sintéticos (IS), tendo así en conta un conxunto de indicadores parciais que sinteticen as múltiples concepcións que desde os diferentes ámbitos da ciencia se lle confiren ao concepto. O fin último é aplicalo posteriormente sobre as comarcas galegas para determinar o seu respectivo nivel de ruralidade, analizando ata que punto o territorio galego presenta hoxe unha maior heteroxeneidade no relativo a este termo. Despois desta introdución, a estrutura do traballo divídese en catro apartados: 1) marco teórico, 2) indicadores sintéticos, 3) proposta de IS para medir o grao de ruralidade, e 4) aplicación ás comarcas galegas. Por último, inclúese un apartado de conclusións, limitacións e posibles ampliacións que se poderían facer e a bibliografía coas referencias empregadas.
6 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia 1 Marco teórico 1.1 Un marco teórico para a ruralidade A ruralidade, tal e como acontece con outros tantos termos empregados nas ciencias sociais, trátase dun concepto que carece dunha definición universalmente aceptada. As variadas funcións e significados que teñen sido atribuídos ao medio rural fixeron del un termo complexo e ambiguo, sendo moi difícil explicar por que un espazo é rural ou urbano, así como trazar unha liña que separe ambos conceptos (Woods, 2011). Este difícil consenso acerca do significado do termo ruralidade é consecuencia, entre outros factores, da heteroxeneidade que presenta dependendo do territorio obxecto de estudo, así como dos grandes cambios sufridos nas últimas décadas ou do seu enfoque multidimensional, froito das diversas disciplinas científicas implicadas na súa análise (Castellano–Álvarez et al., 2019). Desta maneira, mentres que os economistas de cara a describir este concepto botan man de definicións funcionais baseadas en variables cuantitativas, entre as que salientan a renda, a produción ou o emprego; ecoloxistas e especialistas en ciencias ambientais tenden a facer énfase sobre características máis propias do contorno natural, tales como a súa función ambiental, ecolóxica ou paisaxística (Goerlich et al., 2015). Así, dadas estas distintas percepcións sobre os elementos que caracterizan a ruralidade, aos que se unen as dificultades que entraña o proceso de recadar datos relevantes a nivel municipal, existen diversas definicións para describir os territorios rurais (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, 2009). Un punto común que se adoita atopar entre estas múltiples definicións son a baixa densidade de poboación que lle atribúen aos territorios que reciben a denominación de rurais, así como a presenza neles de amplos espazos naturais abertos e a escasa intervención do ser humano en termos de infraestruturas de carácter artificial. Sen embargo, malia á diverxente natureza destes tres atributos, a meirande parte das definicións outorgadas ao concepto ruralidade enfócanse en factores
7 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia demográficos, de forma que os criterios que se acostuman empregar son a densidade de poboación ou diferentes umbrais establecidos sobre o total de habitantes en termos absolutos. Diferentes institucións e organismos, ante a obriga de delimitar os territorios rurais, sobre todo co fin de orientar as liñas de actuación das políticas de desenvolvemento destas rexións, adoptaron criterios propios de cara a abordar esta complexa tarefa (A. Quintiá et al., 2017). Porén, as institucións tanto españolas coma europeas máis que definicións o que achegan son delimitacións desde un enfoque pragmático e cuantitativo ao concepto de ruralidade, baseándose para elo case en exclusiva en criterios meramente demográficos. Co obxectivo de demostrar a veracidade desta afirmación, analízanse a continuación as acepcións que teñen sido outorgadas ao concepto ruralidade desde as diferentes organizacións baixo cuxa xurisdición se atopa España. A Lei 45/2007 para o Desenvolvemento Sostible do Medio Rural A nivel nacional, o artigo 3 da Lei 45/ 2007, de 13 de decembro, para o Desenvolvemento Sostible do Medio Rural define o medio rural como o “espazo xeográfico formado pola agregación de municipios ou entidades locais menores (...) que posúan unha poboación inferior a 30.000 habitantes e unha densidade inferior aos 100 habitantes por km2” considerando, asemade, municipios rurais de pequeno tamaño “todos aqueles que posúan unha poboación residente inferior aos 5000 habitantes e estean integrados no medio rural”. O Instituto Nacional de Estatística Pola súa banda, o INE, á hora de diferenciar as áreas urbanas das rurais emprega como variable o volume demográfico. En base a este criterio, denomina zonas rurais a aquelas entidades cunha poboación menor ou igual aos 2000 habitantes e todas aquelas que, aínda contando cunha poboación comprendida entre os 2000 e os 10.000 habitantes, non teñan dentro dos seus lindes ningún núcleo de poboación que supere as 2000 persoas (A. Quintiá et al., 2017).
8 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia A OCDE Xa a nivel internacional, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), nun intento de pór solución á heteroxeneidade que presentan os ámbitos xeográficos e realidades sociais comprendidos na súa xurisdición, adoptou en 1994 un sistema para identificar diferentes tipos de rexións en función da súa densidade de poboación. Desenvolveu así un proceso de clasificación dividido en dúas etapas fundamentais que fai uso de dous niveis xerárquicos: o municipal e o rexional. A nivel local foron consideradas áreas rurais aquelas que posuíran unha densidade de poboación inferior aos 150 habitantes por km2, mentres que a nivel rexional fíxose unha diferenciación en tres tipos en función da poboación que residía en cada unha delas (A. Quintiá et al., 2017). Xurdiu así unha tipoloxía que clasificaba as rexións en “predominantemente rurais”, “intermedias” e “predominantemente urbanas”, segundo a cal pertencerían ao primeiro destes tres grupos todas aquelas rexións nas que máis da metade da poboación vivise en municipios rurais (OCDE, 1994) (Reig Martínez et al., 2016). A Oficina de Estatística da Unión Europea Unha definición do concepto de ruralidade de gran importancia a nivel europeo é a establecida pola Oficina de Estatística da Unión Europea (Eurostat), que, ao igual que a OCDE, cuxa clasificación emprega como base, diferenciou as diferentes rexións empregando o criterio de densidade de poboación. A Unión Europea pretende así, a través do grao de urbanización, caracterizar a intensidade do asentamento nas áreas onde reside a poboación, para o cal define tres categorías de áreas baseándose en criterios de contigüidade xeográfica, densidade e volume de poboación (IECA, 2018). Para isto, elaborou unha clasificación baseada en datos de celas de poboación de 1 km2, buscando así evitar as distorsións causadas polo emprego de unidades territoriais de diferentes tamaños. O primeiro paso establecido por dita metodoloxía é clasificar as celas en diferentes grupos en función dunha serie de niveis, denominando celas urbanas a todas
9 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia aquelas que cumpran dúas condicións: en primeiro lugar, que teñan unha densidade de poboación igual ou superior aos 300 habitantes; e en segundo lugar, que a súa poboación e mais a doutras celas contiguas que tamén cumpran a condición de densidade alcance os 5000 habitantes. En caso de cumprir estes dous atributos, dito conxunto de celas conformará un aglomerado urbano e, en caso de que a súa poboación sume máis de 50.000 habitantes ou se contan en conxunto cunha densidade de poboación superior aos 1500 habitantes por km2, dito conxunto será denominado centro urbano. Finalmente, serán celas da cuadrícula rural todas aquelas que non estean comprendidas en ningún destes grupos. Esta clasificación do grao de urbanización obtense de forma consecutiva na seguinte orde: primeiro os centros urbanos, logo os aglomerados e por último as celas de malla rural. Así, a maioría das celas cualificadas como rurais terán unha densidade poboacional inferior aos 300 habitantes por km2, pero coida que esta circunstancia non se cumpra, dado que pode haber celas que sexan consideradas rurais polo feito de non pertenceren aos outros dous grupos. Finalmente, o último paso dentro da metodoloxía establecida por Eurostat é pasar da rede de poboación ao nivel rexional. Para isto, determínase se unha rexión é “predominantemente urbana” ou Zona densamente poboada (ZDP), “intermedia” ou Zona de densidade Intermedia (ZIP), ou “predominantemente rural” ou Zona pouco poboada (ZPP), considerando predominantemente rural toda aquela rexión na que máis do 50% da súa poboación viva en celas da rede rural (Eurostat, n.d.). Dadas estas definicións conclúese, polo tanto, como malia ás diferentes perspectivas a través das cales se pode determinar se unha rexión é rural ou non, desde as autoridades téndense a establecer criterios baseados en variables demográficas, deixando de lado outro tipo de posibles indicadores fornecidos por ciencias como a economía ou a ecoloxía.
16 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia mellor esquema de ponderacións, lévano a ser o método máis empregado en investigacións empíricas. Métodos participativos Os métodos participativos permiten obter medidas sintéticas, definidas coma sumas ponderadas, a partir das valoracións subxectivas dun conxunto de individuos de referencia sobre os distintos aspectos que se desexa avaliar. Entre os máis empregados salientan o método do Panel de Expertos (Tsaur et al., 2006; Ugwu et al., 2006), e o método de Opinión Pública (Cottrell et al., 2004), sendo a principal diferencia entre ambos o colectivo de individuos ao que van dirixidos. Métodos estatísticos A continuación, descríbense brevemente algúns dos enfoques metodolóxicos estatísticos que poden ser empregados no proceso de obtención de indicadores sintéticos e que foron recollidos no traballo de Domínguez et al. (2011). Cómpre salientar que se seleccionaron aqueles considerados máis útiles no ámbito das ciencias sociais e que non se tratan aquí algunhas metodoloxías que, sendo útiles para o fin que ocupa a este traballo, requirirían dunha análise máis pormenorizada dada a súa complexidade. ➢ Análise de Compoñentes Principais e Análise Factorial A Análise Factorial é unha técnica estatística de síntese da información que ten por obxectivo atopar relacións matemáticas que permitan expresar as variables orixinais do índice en termos dun número menor de factores. A súa finalidade é tratar de perder a menor cantidade de información posible, para o cal ten en conta aqueles os factores comúns ás variables observadas e os específicos de cada unha delas (Luque, 2000). Entre os métodos comprendidos na Análise Factorial un dos máis destacados é a Análise de Compoñentes Principais, cuxa aplicación no referido ao desenvolvemento de indicadores compostos ten unha tripla vertente, de forma que pode ser empregada: 1) para identificar a dimensión dos fenómenos 2) para agrupar os indicadores parciais, ou 3) para ponderar o peso de cada un dos subíndices sobre o índice composto (Joint Research Centre, 2002).
17 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia ➢ Escalamento óptimo As técnicas de escalamento óptimo resultan as máis adecuadas cando as variables a considerar son de tipo categórico, cuxa natureza cualitativa dificulta a análise, posto que se descoñecen as relacións entre as diferentes categorías, así como a distancia real que as separa. 1.2.4 Posibles metodoloxías de agregación dos indicadores parciais Son diversas as propostas metodolóxicas dispoñibles de cara a agregar a información procedente dos indicadores parciais. Entre elas salientan: o método de agregación lineal, consistente na suma ponderada dos indicadores parciais; a agregación xeométrica, que implica unha compensación parcial entre indicadores; e os métodos multicriterio, que se diferencian dos anteriores no feito de seren non compensatorios (Valcárcel, 2013). Ao longo deste apartado foron postas de manifesto as diferentes fases establecidas por Nardo et al., (2008) de cara á elaboración de indicadores sintéticos, así como as metodoloxías que se poden empregar en cada unha delas. Estableceuse así o marco de actuación a seguir no seguinte apartado, co obxectivo de definir un índice composto que permita a medición do grao de ruralidade dunha rexión, coa posterior aplicación ao caso das comarcas galegas.
18 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia 2 Un índice sintético para medir a ruralidade das comarcas galegas O marco teórico sobre a ruralidade inicialmente exposto e a posterior revisión da metodoloxía de construción de indicadores sintéticos tiñan por obxecto sentar as bases do presente apartado, no que se elaborará unha proposta de indicador sintético que permita avaliar o grao de ruralidade dunha rexión para despois aplicalo ás diferentes comarcas galegas. Así, o índice sintético construído non foi deseñado de forma específica para ditas rexións, polo que en principio podería ser aplicado noutros territorios de cara a determinar o seu nivel de ruralidade. 2.1 Un índice sintético para medir a ruralidade Seguindo as liñas xerais da metodoloxía para a construción de indicadores sintéticos exposta por Nardo et al. (2008), pasarase a continuación a describir con detalle o proceso de elaboración do índice de ruralidade que constitúe o núcleo deste traballo. 2.1.1 Un marco teórico para a ruralidade A complexidade e subxectividade intrínsecas no propio concepto de ruralidade, que derivan na súa difícil cuantificación e medición, ademais da falta de consenso sobre a súa definición, foron postas de manifesto ao longo do apartado 1.1. Nel salientouse, asemade, a tendencia das institucións tanto nacionais como internacionais a definir o concepto desde unha óptica cuantitativa e pragmática, tendo para elo en conta criterios meramente demográficos, deixando outras variables de carácter económico ou físico fóra da ecuación á hora de definir a ruralidade. No referido aos traballos previos sobre este concepto para Galicia, fíxose mención do estudo publicado polo IGE en 2017, que clasificaba os concellos galegos a partir da definición previamente establecida por Eurostat, así como do traballo levado a cabo por Francisco Xosé Armas Quintá e Xosé Carlos Macía Arce, profesores do departamento de Didácticas Aplicadas da USC que desenvolveron un índice composto a
19 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia través do cal clasificaron os municipios galegos en función da súa ruralidade, tendo para isto en conta variables basicamente demográficas e do territorio e considerando vagamente as variables económicas. Salientouse tamén o Índice Composto de Ruralidade (CIR) desenvolvido por Caschilli et al., (2015), a través do cal os autores mediron este concepto empregando variables de tipo económico, demográfico e do territorio. Así, dados os diferentes enfoques que se lle poden dar ao termo obxecto de estudo, aos que se une a súa difícil cuantificación, faise patente a necesidade de especificación das compoñentes do concepto de ruralidade. Ditas compoñentes serán moi variadas, dado o seu enfoque multidimensional tamén destacado no apartado 1.1, de forma que non haberá unha unidade común para medilas nin unha maneira obvia de ponderalas. Percíbese, en consecuencia, a utilidade que para a medición da ruralidade pode ter unha ferramenta como os indicadores sintéticos, que permiten, tal e como se demostrou no apartado 1.2, resumir de forma global indicadores parciais representativos de distintas dimensións. De entre os marcos teóricos referentes á ruralidade que ata agora teñen sido recollidos, no presente apartado emprégase como base o Índice Composto de Ruralidade (CIR) proposto por Caschili et al. (2015) no seu traballo denominado Indicadores de accesibilidade e ruralidade para o desenvolvemento rexional, ademais dalgunhas consideracións e metodoloxías recollidas no índice de ruralidade desenvolvido por Armas Quintá e Macía Arce (2017). Así, débese comezar por sinalar que o CIR está deseñado á súa vez a partir de tres índices de ruralidade previamente propostos: o Rural Urban Index (Smith e Parvin, 1973), o Index of Relative Rurality (Waldorf, 2006) e o Index of Multiple Depravation (Higgs e White, 2000). Estes tres índices están compostos á súa vez polas variables recollidas na Táboa 2.1.
20 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Táboa 2.1: Indicadores de ruralidade e variables empregadas Fonte: Elaboración propia a partir de Caschili et al., (2015) Como se mostra na Táboa 2.1, moitas das variables que compoñen os tres índices que serven como base para o CIR coinciden, situación ante a cal os autores do traballo tentaron, co fin de construír o índice composto, articular unha serie de subcompoñentes abarcando todas as posibles facetas e minimizando a redundancia que se daba en moitos casos, para despois clasificar as variables resultantes en tres dimensións: demografía (D), economía (E) e asentamento (S), sendo o indicador CIR unha combinación lineal das variables comprendidas nestes tres grupos. Así, volvendo aos conceptos desenvolvidos no apartado 1.2, obsérvase como os autores fan emprego, de cara á construción do CIR, da Análise de Compoñentes Principais, unha técnica estatística de redución de datos consistente en expresar as variables orixinais dos indicadores parciais que se pretende agregar a través dos factores comúns a todas elas mais os específicos de cada unha.
21 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Na Táboa 2.2 vense reflectidas as diferentes variables seleccionadas polos autores, clasificadas dentro das súas respectivas dimensións. Táboa 2.2.: Dimensións e variables do CIR Fonte: Elaboración propia a partir de Caschili et al., (2015) Desta forma, o marco teórico descrito acerca da ruralidade, xunto coas variables potenciais que poderían contribuír a aproximar as súas dimensións, servirán de base para elaborar un índice sintético que, tendo en conta a limitación que supón a falta de datos a nivel comarcal, permita medir o nivel de ruralidade de diferentes territorios, co obxectivo no caso particular deste traballo de analizar esta circunstancias para o caso concreto das comarcas galegas. 2.1.2 Selección de indicadores parciais A construción do indicador sintético da ruralidade que neste traballo se pretende elaborar basearase, tal e como se vén de indicar, no índice desenvolvido por Caschili et al. (2015), polo que require considerar as dimensións descritas no punto 2.1.1 e os indicadores que os autores do texto de referencia empregan para a súa aproximación. Porén, cómpre ter en conta a falta de dispoñibilidade de datos que en ocasións presenta o nivel comarcal, que leva nalgúns casos á necesidade de buscar variables alternativas ás inicialmente propostas polos autores. Malia esta circunstancia, procurouse atopar o conxunto de datos que reflectise da forma máis fiel posible a idea de índice proposta no traballo de referencia. A fonte empregada de cara a conseguir os datos precisos para desenvolver o índice que a continuación se exporá é o Instituto Galego de Estatística (IGE), en cuxa base
22 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia de datos se recollen unha serie de variables a nivel comarcal, así como as “fichas” de cada unha das comarcas galegas, que proporcionaron a información necesaria para reproducir o índice empregado como base. Débese salientar como excepción a esta circunstancia a última das variables empregadas -a distancia en coche á cidadecuxa fonte é o Google Maps. A idea de empregar esta variable como substitutivo do que Caschili et al. denominan “estradas extraurbanas” extráese do índice desenvolvido por A. Quintá e Macía Arce (2017), que fai emprego desta co obxectivo de pór sobre a mesa a importancia da proximidade dunha rexión con respecto a un centro urbano para determinar a súa ruralidade. A continuación recóllense, dentro das súas respectivas dimensións, as variables que foi posible ter en conta para a elaboración do índice sintético de ruralidade obxecto deste traballo, xunto cos anos de referencia empregados para cada unha delas. Sinálase, en primeiro lugar, a denominación que se lles concede no CIR e as siglas que neste se empregan para facer referencia a elas, indicando a continuación o nome que se lles concederá no índice obxecto de estudo, as siglas empregadas para representalas e a súa correspondente explicación. No referente ao ano de referencia dos datos, cómpre salientar que foi posible obter en todos os casos datos para o ano 2021, o cal lles confire unha maior fiabilidade ás conclusións obtidas. Demografía ❖ Poboación (POP): poboación total (2021) (POB): Recóllese como un indicador negativo, de maneira que canta máis poboación teña unha comarca, menor será o seu nivel de ruralidade, posto que a medida que aumenta o número de habitantes dunha rexión esta tende a desenvolver unha serie de características máis urbanas que a levan a perder os trazos intrínsecos na propia acepción de territorio rural. ❖ Densidade de poboación (PD): densidade de poboación (2021) (DEN): Recóllese tamén como un indicador negativo por razóns semellantes ás que levan a afirmar a influencia negativa da poboación total. Así, canto maior sexa o nivel de densidade de
23 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia poboación nun territorio, este tenderá a perder os atributos que permiten cualificalo como rural. ❖ Crecemento da poboación (PG): crecemento total da poboación (2021) (CREC): Esta variable recolle, novamente, unha influencia negativa sobre o índice obxecto de estudo, posto que canto maior sexa o crecemento demográfico dunha rexión, maior será tamén o seu dinamismo neste sentido, afastándose deste xeito das acepcións xeralmente atribuídas á ruralidade. De cara ao cálculo desta variable, recorreuse á taxa de variación da poboación total de cada comarca entre o 1 de xaneiro de 2021 e a mesma data do ano 2022, co obxectivo de coñecer o cambio sufrido pola poboación durante este período de tempo. Economía ❖ Empregados no sector primario (PS): proporción de afiliados no sector da agricultura e a pesca (EP) (2021) : Trátase dun indicador de tipo positivo, circunstancia que se debe a que, a maior número de empregados no sector primario, maior dependencia terá a rexión con respecto a dita rama da actividade e, polo tanto, maior será o seu nivel de ruralidade, afirmación que se fai, de novo, en base ao disposto na definición máis entendida de dito termo. Á hora de cuantificar esta variable, calculouse a proporción que os afiliados ao sector da agricultura e a pesca supuxeron no ano 2021 con respecto ao total de afiliados en alta laboral da comarca. ❖ Ingreso per cápita (I): renda per cápita (2021) (REN): É un indicador de influencia negativa que recolle os ingresos anuais por habitante da rexión e permite, polo tanto, facer unha aproximación do seu nivel de vida. De cara a cuantificala, recórrese á renda dispoñible bruta por habitante da comarca. Caschilli et al. xustifican o emprego desta variable como explicativa do nivel de ruralidade dun territorio a raíz da hipótese de que, canto maiores sexan as rendas dunha comarca, maior será a actividade produtiva concentrada nela, e polo tanto menores serán os atributos que permiten cualificala como rural.
24 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia ❖ Provisión de servizos de saúde (H): proporción de afiliados en actividades sanitarias e servizos sociais (SAUD): Trátase, de novo, dun indicador de tipo negativo, posto que se presume que, a maior proporción de traballadores no sector da saúde, mellores prestacións deste servizo haberá na comarca. De cara a calcular este indicador, tal e como se fixo cos afiliados ao sector da agricultura e da pesca, procedeuse a dividir o número total de afiliados en actividades sanitarias e servizos sociais sobre o total de afiliados da comarca. O emprego desta variable como explicativa da ruralidade apóiase, ademais de no seu emprego no índice tomado como base, nun estudo publicado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2021 no que se afirma que a escaseza de recursos sanitarios adoita ser máis acusada en zonas rurais, onde a densidade de persoal da saúde tende a ser inferior á media. Asentamento ❖ Extensión das áreas desenvolvidas (DA): proporción de parcelas urbanas (URB) (2021): É un indicador con influencia negativa sobre o índice obxecto de estudo, de modo que canto maior sexa a proporción de superficie da comarca destinada a parcelas urbanas, menor será o seu nivel de ruralización. Para calculala dividiuse a superficie das parcelas urbanas da comarca entre os seus km2 totais. ❖ Estradas extraurbanas (EXU): distancia en coche á cidade (DIST) (2024): como ben se indicou con anterioridade, e facendo de novo referencia á carencia que presentan certos datos a nivel comarcal, o IGE non conta con datos relativos á proporción de estradas extraurbanas en cada unha das comarcas galegas. En consecuencia, co obxectivo de empregar un indicador que permita incluír no índice composto a variable da distancia, e tomando como referencia o índice desenvolvido por A. Quintá et al. (2017), recórrese ao tempo de desprazamento en coche desde a cabeza de comarca ata o núcleo poboacional de máis de 50.000 habitantes máis próximo, un indicador de influencia positiva que se basea nos minutos que a ruta máis curta ofrecida polo Google Maps indica que
25 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia supón a viaxe desde a capital de cada comarca ata o municipio máis próximo que cumpra estas características. En consecuencia, o ano de referencia para este dato será 2024. Considérase de interese tomar en conta esta variable en base ao feito de que, canto menor sexa a distancia dunha rexión con respecto a unha área urbana, maiores facilidades de acceso a certos recursos -como grandes superficies comerciais, hospitais centrais, centros educativos de diversa natureza, etc.- terán os seus habitantes. Táboa 2.3: Dimensións e indicadores parciais do índice de ruralidade Fonte: Elaboración propia Táboa 2.4: Fontes dos datos dos indicadores parciais do índice de ruralidade Fonte: Elaboración propia
32 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Figura 2.1: Índice sintético de ruralidade aplicado ás comarcas galegas Fonte: Elaboración propia En vista do disposto tanto na Táboa 2.8 como na Figura 2.1, a primeira conclusión que se pode extraer é a clara diverxencia que amosan as comarcas galegas no referido á súa ruralidade. Esta diferencia é constatable ao comparar a comarca de Santiago -que é a que amosa un menor nivel de ruralidade, cun índice de 0,108coa comarca de Viana, que é a comarca galega máis rural segundo os cálculos executados, cun índice de 0,769. Chama a atención o feito de que Santiago presente un menor nivel de ruralidade que as comarcas de Vigo e A Coruña, as dúas cidades máis importantes de Galicia en canto a poboación. Este feito débese a que comarca que alberga a capital é das únicas dentro de Galicia que presenta un crecemento poboacional positivo. Este dato é resultado, entre outras cuestións, do feito de conter dentro dos seus lindes o concello de Ames, o máis próspero entre os municipios galegos no relativo a esta variable. Afecta, asemade, a proporción de empregados no sector da saúde e dos servizos sobre o total de empregados da comarca, máis elevado na comarca compostelá que nas comarcas de Vigo e A Coruña, probablemente a raíz de contar dentro da súa xurisdición co Hospital
33 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Clínico Universitario de Santiago, que leva a que o seu número de empregados no sector da saúde en termos relativos sexa superior. Así, xunto con Santiago, as comarcas galegas que presentan un menor índice de ruralidade e que, polo tanto, están comprendidas no Grupo 1 da Táboa 2.9, son aquelas cuxa cabeza de comarca é algunha das sete principais cidades galegas (Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol). Este dato non chama a atención, dado que o feito de contar dentro das súas fronteiras cunha cidade de máis de 50.000 habitantes leva a que o nivel de ruralidade que se lle confire a cada unha delas en función dos indicadores parciais que compoñen o índice sintético aquí desenvolvido sexa menor. Así, todas elas amosan datos menos favorables de cara á ruralidade en moitos dos indicadores cos que se traballa, tales como distancia en coche desde a cabeceira da comarca á cidade máis próxima (que no caso de todas elas toma o valor 0), ou a proporción de parcelas urbanas. Seguindo coa xerarquía na Táboa 2.9, contrastamos que as comarcas comprendidas no Grupo 2 son Betanzos, O Condado e O Morrazo, entre outras. O punto común a todas elas é que se trata de comarcas moi próximas ás principais cidades galegas, o cal as leva a ter, por exemplo, un menor valor en comparación co resto no indicador da distancia en coche á cidade. Sen embargo, este non é o único factor que leva á súa pertenza a este grupo. No caso de Betanzos e O Condado, diferéncianse polo grande crecemento que sufriu a súa poboación durante o ano 2021, cunha diferenza positiva de case 1,2 puntos no caso da primeira, dato bastante elevado en comparación coa media galega, que ten un valor negativo de -0,4 puntos. Porén, o caso do Condado é distinto, posto que aquilo que o diferencia do resto de comarcas galegas e que o fai menos rural en comparación é, ademais da súa proximidade a Vigo, a súa elevada densidade de poboación, moi por encima da media.
34 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia No tramo comprendido entre valores do índice de 0,3 e 0,4 puntos atópase un gran número de comarcas polo que, de cara a facer unha mellor diferenciación entre elas, procedeuse a separalas en dous grupos, estando o Grupo 3 da Táboa 2.9 conformado polas comarcas cun índice de entre 0,3 e 0,35 e o Grupo 4 por aquelas cun índice de entre 0,35 e 0,4. Así, constátase como dentro do primeiro están comprendidas comarcas que rodean ás principais cidades da comunidade galega -a excepción de Lugotales como Ordes, O Salnés ou Caldas. No caso do grupo de comarcas comprendidas no Grupo 5, chama a atención que un aspecto en común que presentan boa parte delas é que se trata de comarcas rodeadas doutras cun maior índice de ruralidade. É o caso, por exemplo, de Verín, Valdeorras, a Mariña Central ou Terra de Lemos, cuxa capital está conformada por unha vila de relativa importancia a nivel económico e demográfico dentro da súa respectiva provincia, como é o caso de Verín, o Barco de Valdeorras, Mondoñedo ou Monforte de Lemos respectivamente. No outro lado da balanza, encabezando a lista das comarcas máis rurais de Galicia segundo o índice sintético desenvolvido, atópanse as comarcas de Viana e A Fonsagrada, situadas ambas nas áreas máis montañosas das provincias de Ourense e Lugo respectivamente e caracterizadas por unha moi baixa densidade de poboación, ademais de por un moi negativo crecemento demográfico, unha elevada proporción de afiliados no sector primario e unha longa distancia en coche á cidade. Séguenas outras comarcas tamén situadas no leste ourensán e lucense e caracterizadas por trazos semellantes. Así, a nivel xeral son varias as conclusións que se poden extraer en vista da distribución das comarcas en función da súa ruralidade proporcionada pola Figura 2.1: ❖ A primeira delas é o feito de que as comarcas máis rurais da comunidade galega atópanse case en exclusiva nas provincias de Lugo e Ourense, coa excepción de Ortegal, pertencente á Coruña.
35 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia ❖ A segunda delas é que, canto máis ao leste se atopan as comarcas e canto máis afastadas estean das principais cidades galegas, maior é o seu índice de ruralidade. Esta afirmación faise partindo de que a propia distancia con respecto ás cidades é un indicador parcial dentro do índice sintético empregado, mais tendo en conta que este non é o único subindicador e que a súa influencia, dado o sistema de pesos empregado na ponderación, non supón un cambio determinante na denominación dunha comarca como rural ou non, senón que entran en xogo moitos outros factores. ❖ En terceiro lugar, cómpre resaltar o Eixo Atlántico, área que se articula ao redor da autoestrada AP-9 e que se estende de norte a sur desde Ferrol ata Vigo-Baixo Miño, que presenta baixos niveis de ruralidade en comparación co resto de comarcas galegas. ❖ É salientable, asemade, a unión que co Eixe Atlántico parece xerar a cidade de Ourense, articulada tamén ao redor dunha estrada: neste caso a autovía A-52, que une Vigo e Benavente. En consecuencia, a rexión comprendida entre Ourense e Vigo e Pontevedra está conformada por comarcas dun baixo nivel de ruralidade. 2.2.2 Comparación do índice sintético de ruralidade con outros estudos sobre ruralidade feitos para Galicia Unha vez extraídos os niveis de ruralidade que o índice sintético presentado no apartado 2.1 lles confire a cada unha das comarcas galegas, así como a distribución das mesmas en función desta variable, é de interese comparar os resultados obtidos cos dos outros traballos que perseguían este fin xa presentados no apartado 1.1, co obxectivo último de determinar se o feito de engadir variables ao índice e estudalo desde unha óptica multidimensional leva a que os resultados sexan diferentes aos obtidos por outros estudos.
36 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Comparación dos resultados obtidos coa clasificación rural-urbano do IGE (2017) A través da súa clasificación, o IGE dividía os concellos en base ó seu nivel de urbanización seguindo a metodoloxía establecida por Eurostat, sendo o resultado de dita clasificación o representado na Figura 2.2. Figura 2.2: Concellos de Galicia segundo o subgrao de urbanización Fonte: IGE (2017) Malia á dificultade na comparación que supón o feito de que a clasificación do IGE teña por obxecto os concellos galegos e que o índice proposto neste traballo puxera o foco nas comarcas, pódese apreciar como, clasificando os concellos en base unicamente a criterios demográficos, o IGE apenas fai diferenciación entre os municipios situados no interior de Galicia e, consecuentemente, entre as súas comarcas. Así, o feito de non incluír outro tipo de variables que si que foron incorporadas ao índice sintético obxecto deste traballo leva a que a “Galicia profunda” sexa considerada de forma homoxénea, non tendo en conta as especificacións propias de cada territorio, tales como a estrutura do seu mercado de traballo ou a distancia que presentan con respecto aos principais núcleos urbanos, que poden levar a certas desvantaxes de cara á prestación de determinados servizos.
37 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Porén, si que se percibe certa coincidencia na consideración dos territorios do Eixo Atlántico e as principais cidades como aqueles que presentan un menor grao de ruralidade. Comparación dos resultados obtidos co índice de ruralidade deseñado por A. Quintiá et al. (2017) O índice de ruralidade deseñado polos profesores da Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente aplicado aos concellos galegos estaba conformado por variables de tipo demográfico e do territorio, tendo en consideración unicamente a poboación empregada no sector agrario como variable económica. Figura 2.3: Índice de ruralidade. Delimitación urbano-rural en Galicia Fonte: A. Quintiá et al., (2017) Como se pode apreciar na Figura 2.3, o índice elaborado por A. Quintiá et al. (2017) denota unha elevada compoñente rural para a maioría do territorio galego, facendo unha maior diferenciación que a clasificación do IGE entre os concellos das provincias de Ourense e Lugo.
38 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia De novo, o feito de que se aplicara para os concellos en lugar de para as comarcas dificulta a comparación co índice de ruralidade desenvolvido no presente traballo. Porén, si que se pode destacar que coinciden en que as rexións galegas cunha menor compoñente rural son as situadas no oeste da comunidade. Asemade, ambos conclúen que o leste das provincias de Lugo e Ourense son os casos máis destacados en canto á ruralidade, ademais de confirmar a excepción que a zona da Costa da Morte, Arzúa, Terra de Melide e Ortegal na Coruña e o Deza en Pontevedra supoñen respecto aos baixos niveis de ruralidade das súas respectivas provincias. Así, malia á difícil comparación entre o índice de ruralidade desenvolvido por A. Quintiá et al. (2017) e o presentado neste traballo, considérase que o feito de ter tido en conta máis variables de carácter económico na construción do índice, atendendo á súa natureza multidimensional, permite considerar un maior número de elementos á hora de tomar decisións no referente ás políticas de desenvolvemento rexional e facer, polo tanto, unha diferenciación entre territorios máis fiel á realidade. En base a isto, e considerando as limitacións que esta proposta de indicador poida ter, hai algo que resulta evidente: un concepto multidimensional como é a ruralidade non pode ser analizado a través de variables dunha única natureza, xa que outras manifestacións do fenómeno que teñan base en aspectos diferentes do puramente demográfico non serán contempladas co grao de atención que deberían. En consecuencia, as vantaxes dun índice sintético da ruralidade que teña en conta outro tipo de dimensións resultan fundamentais, posto que permite enfocar o concepto desde unha óptica alternativa á que se vén aplicando ata agora no contexto galego e, polo tanto, tomar decisións de cara ás políticas de desenvolvemento rexional que vaian máis aló do meramente demográfico, tendo en consideración outro tipo de puntos fortes ou débiles dos diferentes territorios.
39 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Conclusións, limitacións e ampliacións O presente traballo centrouse en desenvolver un índice sintético da ruralidade que permitise cuantificar este concepto desde unha óptica diferente ás que se lle viñan outorgando ata agora. Así, comezouse poñendo de manifesto a dificultade que entraña a definición do rural dada a súa natureza multidimensional, así como as pragmáticas perspectivas empregadas polas institucións para concederlle un sentido que sirva como base para as políticas de desenvolvemento rexional. Procedeuse, a continuación, á presentación da metodoloxía dos índices sintéticos co fin último de empregala para desenvolver un instrumento de medición o máis fiel posible ao nivel de ruralidade dunha rexión e aplicalo posteriormente ás comarcas galegas. Buscábase así determinar canto de diferentes son estes territorios en base a este criterio, de cara a analizar ata que punto o territorio galego presenta hoxe unha maior heteroxeneidade no seu grao de ruralidade. Concluíuse, tras o desenvolvemento do índice e a súa posterior aplicación ás comarcas galegas, que o carácter rural de Galicia é máis complexo do que á simple vista puidera parecer e que o feito de engadir na medición deste termo indicadores diferentes aos que se veñen empregando ata agora confírelle unha maior heteroxeneidade que permite un máis profundo coñecemento das diferentes circunstancias das comarcas galegas. Así, en resposta á pregunta formulada na introdución, na que se prantexaba en que medida presentan os territorio galegos a característica de rurais, pódese afirmar que Galicia é un territorio heteroxéneo en canto á ruralidade das súas comarcas, posto que dentro dos seus lindes abrangue rexións con características moi diversas merecedoras dun estudo diferenciado e individualizado, non tomándoas coma un conxunto uniforme. En calquera caso, se ben o modelo proposto procurou apoiarse nun marco teórico sólido para explicar de maneira fundamentada e coherente a ruralidade, así
40 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia como nunha metodoloxía particularmente precisa para o estudo desta, é necesario matizar de novo que a información de aquí extraída debe considerarse con cautela. Así, o método de ponderación empregado de cara á posterior agregación dos indicadores que compoñen o índice pode ser considerado como relativamente simple, xa que reparte o peso total do índice entre os indicadores en base ao número deles comprendidos en cada dimensión, non tendo en conta posibles aspectos que poderían levar a que un indicador tivera un maior peso que outro. Asemade, o emprego de certas variables de cara á determinación da ruralidade dunha rexión, como é o caso da renda per cápita, pode resultar certamente controversial, posto que presume que o feito de que os habitantes dun territorio teñan uns menores ingresos o convirte en rural, tomando así a ruralidade como algo negativo. Porén, á hora de desenvolver o índice sintético obxecto deste traballo considerouse que o emprego destas variables era adecuado, dada a súa inclusión no traballo tomado como referencia, ao que se une a falta de datos a nivel comarcal, malia que de seguro non era a mellor das opcións. En base a isto, a proposta de modelos alternativos ao aquí presentado mediante a aplicación de métodos de ponderación máis complexos, tales como a Análise de Compoñentes Principais, así como mediante a substitución destas variables que poderían dar lugar a debate por outras máis fieis ao nivel de ruralidade dun territorio, poden ser unha opción a considerar nun futuro. Porén, o estudo dos aspectos relacionados coa ruralidade e das súas múltiples facetas faise urxentemente necesario dada a situación de éxodo rural que tanto Galicia como o resto de España e Europa están a sufrir, para o cal cómpre coñecer de xeito máis preciso as características específicas de cada lugar, co obxectivo de salientar as diferentes situacións e desafíos que os territorios enfrontan á hora de acadar uns mellores niveis de vida e desenvolvemento para os seus habitantes.
41 Proposta dun indicador sintético de ruralidade: unha aplicación ao caso de Galicia Bibliografía Armas Quintá, F. X., & Macía Arce, X. C. (2017). Reflexiones acerca de la delimitación y definición del medio rural. Diseño de un índice de ruralidad para Galicia. Finisterra, LII(106), 85-101. Blancas Peral, F. J., González Lozano, M., Guerrero Casas, F. M., & Lozano Oyola, M. (2010). Indicadores sintéticos de turismo sostenible: Una aplicación para los destinos turísticos de Andalucía. Revista Electrónica de Comunicaciones y Trabajos de ASEPUMA, 11, 85-118. Camacho, M., & Horta, R. (2020, marzo). Metodologías para la construcción de índices compuestos. Departamento de Administración y Finanzas, UCU. Recuperado de https://www.researchgate.net/profile/MicaelaCamacho/publication/340607621_Metodologias_para_la_Construccion_de_Ind ices_Compuestos/links/5e9484c8a6fdcca789152a5d/Metodologias-para-laConstruccion-de-Indices-Compuestos.pdf Caschili, S., De Montis, A., & Trogu, D. (2015). Accessibility and rurality indicators for regional development. Computers, Environment and Urban Systems, 49, 98–114.