Introdución
Full text
Introdución Déborah González – Universidade de Vigo As tarefas ecdótica e hermenéutica dos textos literarios medievais téñense defnido reiteradamente como piares esenciais tanto para a fuición literaria desas obras por parte do lector actual como para a elaboración de calquera investigación que queira realizarse sobre o texto, sexa de tipo lingüístico, literario, retórico ou estilométrico. No ámbito da literatura medieval galego-portuguesa non faltan contribucións que ilustran ese carácter transcendente da actividade crítica e interpretativa, como, por exemplo, a monografía ao coidado de Pilar Lorenzo Gradín e Simone Marcenaro (El texto medieval. De la edición a la interpretación, 2012), ou o volume colectivo editado conxuntamente entre Mariña Arbor Aldea e Antonio Fernández Guiadanes (Estudos de edición crítica e lírica galego-portuguesa, 2010). Desde as primeiras experiencias editoriais efectuadas no ámbito da lírica galego-portuguesa ata a actualidade, trázase unha traxectoria non esgotada, aínda que poidan encontrarse resultados satisfactorios, como certas publicacións teñen posto de manifesto (entre outras, sirva como exemplo a de E. Gonçalves, “Sobre edições da lírica galego-portuguesa: uma refexão”, 2007). O camiño emprendido hai, aproximadamente, un século e medio polas edicións paleográfcas dos apógrafos italianos, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, por parte de Ernesto Monaci (1875) e Enrico Molteni (1880), sería continuado, só unhas décadas máis tarde, pola publicación das primeiras edicións de tipo crítico. A aplicación dunha metodoloxía crítica e a talentosa erudición de flólogos como Carolina Michaëlis, Henry R. Lang ou Oskar Nobiling contribuíron a que xa desde os inicios do século XX a lírica profana galego-portuguesa fose obxecto de estudo e debate, establecendo unha base considerablemente frme para flólogos e estudosos posteriores. Afortunadamente, lonxe de esmorecer ou esgotarse, a “chama flolóxica” ten continuado a arder desde entón, o que ten propiciado que, dunha forma meditada e refexiva, puidesen ser incorporados os sucesivos avances no método crítico, que o panorama se actualizase ante a descuberta de novos testemuños (como sería, destacadamente, a do chamado Pergameo Sharrer en 1990) e, á luz doutro tipo de datos novos, ten sido posible apuntalar propostas e contrastar hipóteses. 5
Introdución Porén, como é ben coñecido por parte de editores e estudosos dos textos, e tamén como é posible advertir a partir dos estudos que conforman ambos os dous volumes aos que nos referíamos máis arriba, a edición crítica dunha obra medieval non é máis ca unha hipótese de traballo, segundo a celebérrima consideración de Contini, tan recorrentemente lembrada entre os flólogos que convida a concluír que a consecución dotexto defnitivo para todas e cada unha das cantigas que conforman o corpus lírico galego-portugués non pode ser máis ca unha feliz utopía. Con todo, como é obvio, non todas as hipóteses acadan o mesmo nivel de plausibilidade, polo que poderá constituírse de maneira máis sólida se o rigor flolóxico busca sustentarse nuns adecuados e correctos coñecementos non só relativos á metodoloxía ecdótica, senón tamén de tipo lingüístico, codicolóxico, paleográfco, literario, histórico, etc. Por esta razón, unha retroalimentación constante entre as distintas disciplinas é, máis do que conveniente, imprescindible. Nos últimos cincuenta anos, aproximadamente, diversas liñas de investigación con dedicación á literatura medieval galego-portuguesa teñen experimentado tamén avances moi signifcativos. Porén, a medida que mellora a nosa perspectiva sobre certos aspectos deste legado literario, estamos en posición de presentar novos interrogantes, percibir novas vías de traballo e, non menos importante, de reformular con maior precisión parte das cuestións que aínda restan por responder tanto a propósito do texto, a lingua e os patróns estilísticos das composicións, como sobre as redes socioculturais tecidas entre os diferentes axentes que participaron no movemento lírico, as conexións intertextuais, o contexto de creación e signifcación das pezas, os círculos culturais que propiciaron a actividade lírica e os centros de produción escrita, as particularidades e avatares na conformación da tradición manuscrita, os axentes e condicionantes que mediaron na súa transmisión ata os nosos días, etc. Destas e doutras inquedanzas son tamén refexo proxectos de investigación, innúmeras publicacións e diversas ferramentas dixitais que se teñen desenvolvido nas últimas décadas, coas que se teñen acadado avances substanciais no coñecemento e divulgación da produción literaria medieval. O presente volume recolle unha serie de contribucións elaboradas por especialistas do ámbito galego-portugués e románico que atenden a cuestións específcas sobre diversos aspectos dos planos lingüístico, sociolingüístico e/ou pragmático, ofecendo novos puntos de vista e novas hipóteses a problemas concretos. A propósito da lingua e tamén da dimensión gráfca dos testemuños –observándoas en relación coas scripta que puideron confuír na tradición manuscrita–, sobresaen as investigacións que, desde hai uns anos, ven desenvolvendo Henrique Monteagudo. Precisamente nesta liña de investigación aparece encadrado o seu traballo “Para a análise grafemática da *Recompilación tardía (*Livro das cantigas)” (pp. 157-194). Esta análise contrastiva entre o valioso testemuño que ofece o Pergameo Sharrer e a sección correspondente ás sete cantigas do Rei don 6
Déborah González Denis de Portugal nos apógrafos coloccianos B e V corrobora o estreito vínculo entre o fagmento e o antígrafo destes últimos. Así mesmo, a observación sobre a distribución dunha serie de alógrafos en B e V promove unha refexión sobre os estratos textuais máis recentes identifcables na tradición, e a aproximación á presenza de determinadas grafías xeminadas na documentación portuguesa pon de manifesto datos relevantes das grafías no Cancioneiro da Ajuda. Como outros traballos anteriores do investigador con dedicación ás bases scriptográfcas subxacentes nos cancioneiros trobadorescos galego-portugueses, o estudo contribúe para un coñecemento máis pormenorizado dos sistemas gráfcos refectidos nos testemuños e concede unha perspectiva renovada sobre a complexidade do proceso de conformación da tradición. Tamén sobre a lingua das cantigas e a tradición manuscrita versa o estudo de Mercedes Brea, titulado precisamente “Cancioneiros e tradición manuscrita” (pp. 37-64). Neste caso, a autora comeza por facer un cotexo do Pergameo Vindel fonte ao testemuño das cantigas de Martin Codax concedido polos apógrafos B e V, expoñendo e analizando a variación detectada entre eles, coa fnalidade de conducirnos ata unha hipótese explicativa baseada nos procesos de compilación e a “norma lingüística” que caracterizaría cada unha das dúas ramas consideradas na tradición galego-portuguesa. Pero ademais das cantigas medievais, no interior de B e V identifícase a interpolación de textos de confección posterior á época en que se cultivou o canto trobadoresco, e que, de maneira evidente, xa se contemplarían no exemplar que serviría de modelo para a confección dos dous apógrafos quiñentistas. A presenza destas pezas diferenciadas non só pola súa cronoloxía senón tamén pola súa estética, forma e vocabulario, convida a preguntarse –entre outras cousas– sobre o contexto, as causas e as circunstancias en que serían incorporadas; con certeza, unha perspectiva máis nítida sobre os interrogantes que suscitan estas pezas de confección e inclusión posterior colaboraría a botar luz sobre certos lugares aínda escuros na historia. En relación con esta materia, co título “Cancioneiros e textos imprevisíveis” (pp. 195-232), o estudo de Maria Ana Ramos propicia a refexión sobre unha serie de textos de diferente condición presentes nos cancioneiros galego-portugueses, e que poden aparecer singularizados por seren “inesperados”, “anónimos” ou “tardíos”, características que tamén poden considerarse en relación coas chamadas “cantigas espurias”. Ademais, a investigadora atende aos seus autores, tendo presente cales serían os círculos socioculturais onde se localizarían. Así mesmo, procede a unha avaliación da posición que ocupan estas composicións no interior dos apógrafos, propiciando novos interrogantes e hipóteses sobre a entidade material do “exemplar” e os vieiros polos que transitaría a colección de cantigas medievais. Se aínda non encontraron resposta certos interrogantes sobre os testemuños manuscritos coñecidos para a lírica trobadoresca, igualmente persisten outras cuestións sobre o desenvolvemento e os contactos que puideron darse entre axentes das diferentes escolas poéticas, facendo transcender as estritas fonteiras xeográfcas e lingüísticas do contexto galego-portugués. No 7
Introdución ámbito románico, entre as pezas máis célebres e obxecto de estudo moi fecuente, encóntrase o descort plurilingüe Eras quan vey verdeyar. Esta singular composición en cinco linguas por parte do trobador Raimbaut de Vaqueiras, a miúdo estudada en directa relación coa produción lírica galego-portuguesa, ten dado pé a unha abundante bibliografía, principalmente desde os puntos de vista lingüístico e flolóxico. “Did Raimbaut de Vaqueiras really know fve languages? Notes on the descort, Eras quan vey verdeyar (BdT 392,4)” (pp. 83-112) é o suxerente título do estudo de Charmaine Lee, onde a investigadora, comezando por unha coidadosa exposición sobre o multilingüismo na época medieval, tratará das motivacións da escolla lingüística feita por Raimbaut de Vaqueiras, o contexto e as razóns desta particular creación poética en cinco linguas, e levará a unha refexión sobre a competencia para a composición por parte do autor e para a recepción por parte do público. A distancia histórica, cultural e ideolóxica que nos separa do texto medieval pode escurecer cal sería o seu contexto ideolóxico e conceptual de fondo. Arias Freixedo tratará da produción lírica galego-portuguesa de natureza satírica observándoa á luz de explicacións que se reproducen nas Partidas; en concreto, examina certos conceptos e nocións vixentes no contexto histórico e sociocultural en que se confeccionaron e interpretaron as cantigas dos trobadores (“Trobar mal, malas cantigas, dizer mal, jugar de palabra. Refexións sobre a (errada) identifcación das cantigas de escarnio e mal dizer co concepto ‘jugar de palabra’ do Título IX da Partida II”, pp. 11-36). A súa exposición será ilustrada por medio dunha cantiga satírica de Pero da Ponte, onde o trobador fxo uso de varias expresións asociables a estes conceptos ao mesmo tempo que xogou cun recurso retórico-estilístico tan recorrente nas cantigas de escarnio como a aequivocatio. Na fonteira que ocasionalmente se deseña de maneira difusa entre o xénero de amor e o de escarnio (debido á incorporación de expresións ou referencias, tales como o nome da dama, que transgriden o estrito canon contemplado para a cantiga de amor) recoñécense algúns textos que encontran testemuño no Cancioneiro da Ajuda, a pesar das restricións que puideron operar na selección e incorporación de materiais nesa etapa da tradición. Este é o caso de Pois non ei de dona Elvira, cantiga que é de tal maneira reproducida en A que parece entrar en contradición coa atribución que facilita o apógrafo B, onde se asigna a Martin Soarez. No estudo “La cantiga Pois non ei de dona Elvira: una propuesta de autoría” (pp. 233-244), Gema Vallín examinará a cuestión da autoría e, a partir da observación do contexto histórico, ofecerá unha nova proposta. Obviamente, a introdución de elementos novidosos nos textos de amor e de amigo non sempre ten como consecuencia un efecto “transgresor” do canon. Os trobadores tamén puideron diferenciar expresivamente os seus textos a través da incorporación de elementos pouco fecuentes, que de maneira eventual poderían ter sido empregados conscientemente con intención de causar algún efecto no seu público. En relación con isto, Ângela Correia concentra a 8
Déborah González súa atención en varias expresións que Joan Soarez Coelho introduciu nas súas cantigas de amigo, singularizadas por seren inusitadas na produción trobadoresca (“Inovações expressivas no cancioneiro de amigo do trovador Joam Soares Coelho”, pp. 65-82); principalmente a través da análise semántica e sintáctica de formas singulares rexistradas na obra do trobador portugués, facilítase unha comprensión máis afnada de tales expresións no contexto das cantigas de amigo en cuestión. Ademais, a exploración da produción trobadoresca e dos seus autores pode levarse a cabo desde outras perspectivas, como a aproximación sociolingüística que é ofecida por Simone Marcenaro en “Per un approccio sociolinguistico alle letterature medievali: appunti preliminari sui trobadores” (pp. 113-156). Entre outras cuestións, na súa contribución, o investigador atende á fgura “sociocultural” do trobador galego-portugués, contempla certos fenómenos e particularidades lingüísticas desde a óptica sociolingüística, e analiza as posibles relacións entre trobadores a partir de aspectos semánticos, lingüísticos e sociais, ilustrándoos a través de varios casos particularmente marcados polo emprego da aequivocatio. Do ata aquí exposto, poderá percibirse a procurada condición plural dos obxectivos e intereses que moveron aos respectivos autores, mais todos eles presentan como pano de fondo a inquedanza por acadar un coñecemento máis exacto e máis completo do legado literario medieval. 9