scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Sempre en Galicia, unha experiencia radiofónica no exilio

Rebolo Vázquez, Mónica

Abstract

Sempre en Galicia es un programa de radio hecho por emigrantes y exiliados gallegos en Uruguay. Lleva emitiéndose ininterrumpidamente desde 1950. La audición es un ejemplo de cómo los republicanos utilizaron los medios de comunicación para difundir sus ideas.

Full text

RESUMEN: Sempre en Galicia es un programa de radio hecho por emigrantes y exiliados gallegos en Uruguay. Lleva emitiéndose ininterrumpidamente desde 1950. La audición es un ejemplo de cómo los republicanos utilizaron los medios de comunicación para difundir sus ideas. Sempre en Galicia is a programme’s radio founded for galician’s emigrants and exiles in Uruguay. It has been broadcasting uninterruptedly since 1950. The programme is an example of how republicans used mass media for spreading their ideas. SEMPRE EN GALICIA, UNHA EXPERIENCIA RADIOFÓNICA NO EXILIO Mónica Rebolo Vázquez (Universidade de Santiago de Compostela) 1-. O nacemento de Sempre en Galicia 2-. Os obxectivos 3-. O financiamento 4-. Etapas e contidos 5-. Os oíntes 6-. O futuro A emigración e o exilio marcaron a Galicia. Miles de persoas marcharon e marchan de Galicia levando canda eles un pedaciño da Terra, unha semente que acaban plantando aló onde vaian e que inevitablemente dá froitos. Son moitos os autores que se ocuparon de relatar as venturas e desventuras dos galegos do exterior, os seus logros e fracasos, pero aínda queda moito por contar do que fixeron e fan nos lugares de acollida. Cinguíndonos ó eido da comunicación, un ámbito cheo de iniciativas interesantes por parte dos nosos paisanos, tamén hai historias que permanecen agochadas ou polo menos que non son tan coñecidas como deberían. A de Sempre en Galicia é unha delas. Habería moitos xeitos de aborda-la historia sobre Sempre en Galicia, é o primeiro programa de radio feito en galego, é o espazo máis veterano da nosa radiodifusión, é unha referencia cultural e social para a colectividade galega do Río da Prata… e tamén é un exemplo de como os republicanos se valeron dos medios de comunicación para defende-las súas ideas. Sempre en Galicia xogou un papel fundamental na oposición ó franquismo, foi o púlpito dende o que os exiliados da Arxentina e do Uruguai denunciaron os excesos do réxime e animaron á xente a loitar. A vertente política da audición é un feito malia que algúns a tentaron agochar tras un carácter estritamente cultural, ben é certo que a longa traxectoria do programa permite falar de épocas distintas e de variadas orientacións pero o espírito galeguista e republicano sempre estivo aí. De seguido bosquexaremos os máis de cincuenta anos de traxectoria da audición radial co único propósito de sacar á luz unha experiencia merecente de ficar en letras maiúsculas na nosa historia, sexa cal sexa a óptica coa que a miremos. 1-. O nacemento de Sempre en Galicia O sete de xaneiro de 1950 morría en Bos Aires Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A súa morte causou un fondo pesar no Río da Prata, dentro e fóra da colectividade galega, pero foi especialmente sentida polo grupo de galeguista que traballaban con el man a man. Aínda sen sobrepoñerse á perda, este grupo de amigos e colaboradores decide non deixar esmorece-lo facho prendido por Castelao e como primeira medida acordan facerlle unha homenaxe ó rianxeiro, querían argallar algo duradeiro, unha homenaxe que perdurase no tempo e que axudase a espalla-lo espírito galeguista que abandeirara o guieiro. Alguén propón facer un programa de radio e a idea é acollida con entusiasmo polo grupo. Oito homes se comprometen no proxecto radiofónico: Alfredo Somoza, Manuel Meilán, Lois Tobío, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xesús Canabal, Emilio Pita e Manuel Leiras. Algúns destes homes eran vellos residentes no Uruguai, chegaran ó Río da Prata moi novos, en pleno auxe dos fluxos de emigrantes, é o caso de Xesús Canabal ou de Manuel Meilán. Outros fundadores como o diplomático Lois Tobío, o doutor Pedro Couceiro ou o ex-deputado coruñés Alfredo Somoza chegaran exiliados a esas terras había pouco tempo pero xa estaban totalmente implicados na campaña galeguista que se levaba a cabo neses anos. Cada un dos patriarcas asumiu un papel dentro de Sempre en Galicia, o grao de compromiso co proxecto foi diferente en cada caso e tamén o tempo que botaron á fronte da audición. Especialmente salientable nestes primeiros momentos do programa é o traballo desenvolvido por Alfredo Somoza, curmán de Castelao, foi el quen propuxo a idea de facer unha audición radial, tamén fai a proposta de bautiza-lo espazo co nome da obra senlleira do rianxeiro, será por estes feitos que Somoza se converte na cabeza visible do proxecto e asume a xestión e selección de material para o programa. Foi un traballo valioso, sen dúbida, pero quedou interrompido bruscamente ó morrer Alfredo Somoza tan só once meses despois de que Sempre en Galicia saise ó aire. Tamén marchou axiña –pero este cara á Arxentina- o poeta e músico Emilio Pita. Só seis meses despois de comeza-lo programa abandona Montevideo e, aínda que volve colaborar puntualmente, non ha desenvolver un traballo continuado dentro da audición. Con todo, Pita deixa a súa pegada na parte creativa de Sempre en Galicia porque é el quen interpreta ó piano a Muiñeira de Chantada que soa ó comezo de cada programa e porque tamén escribiu o saúdo e despedida que dende 1950 se repiten na audición. Se botamos contas, dos oito homes que comezan o proxecto radiofónico só catro se manteñen á fronte del pasado un tempo: Lois Tobío, que é o encargado de face-los editoriais do programa; Pedro Couceiro, que fai a selección musical; Antón Crestar, unha das voces emblemáticas da audición; e Manuel Meilán que hoxe é considerado o verdadeiro xestor de Sempre en Galicia , non de balde pasa corenta e catro anos da súa vida á fronte dos micrófonos de Radio Carve. Quedaría un quinto fundador do que é imprescindible falar, Xesús Canabal; como veremos máis adiante, el convértese no verdadeiro mecenas do espazo radial e en peza clave para a súa supervivencia. Diciamos hai un momento que Manuel Meilán se fai cargo da xestión do programa, Meilán era un home de certa influenza en Montevideo e por iso foi el o encargado de buscar unha emisora de radio dende a que poder emitir. Os seus ollos estaban postos en CX16 Radio Carve, unha das emisoras máis importantes e máis potentes de Montevideo, Radio Carve chega a todo o territorio uruguaio, parte da Arxentina e incluso ó sur do Brasil. É curioso contar como conseguiron que unha emisora tan importante dese cabida ó proxecto radiofónico que matinaban estes galegos porque, como é lóxico, a cadea non se dedicaba a emitir este tipo de espazos. O caso é que en 1950 o director de Radio Carve era Raúl Fontaina, foi a el a quen Meilán lle fixo a proposta, este escoitouno e aceptou o proxecto poñendo unha única condición, que o programa non fose algo pasaxeiro, que tivese vocación de durar. O tempo revelou que aquel señor Fontaina era en realidade o señor Fontaíña, natural de Pontevedra, ¡quen lle había dicir que cumprirían a súa condición sobradamente! Hai outra cuestión que me gustaría considerar antes de nos mergullar máis na historia do programa, ¿por que aqueles oito homes fundadores deciden sacar adiante o seu proxecto cultural e galeguista a través do medio radiofónico? Por incrible que pareza xa nos anos cincuenta a radio revelara o seu gran potencial, aqueles homes –sen relación ningunha co xornalismoeran conscientes de que as ondas radiofónicas lles permitirían achega-la súa mensaxe a miles de persoas dun xeito sinxelo. Baseaban tal coñecemento nas numerosas experiencias radiofónicas que os emigrantes xa levaban a cabo naqueles anos no Río da Prata, cómpre citar aquí exitosos programas como “Recordando a Galicia” de Maruja Boga, “Galicia arte y cultura” de Maruxa Villanueva ou “Galicia emigrante” de Luis Seoane. Outro motivo para apostar polo programa foi coñece-la gran tradición radiofónica que existía -e existeno Uruguai, dende que comezou a radio no ano 1922 pódese dicir que un feito non é noticia para os uruguaios ata que non o escoitan no seu aparato de radio. 2-. Os obxectivos A audición radial Sempre en Galicia foi concibida baixo tres parámetros fundamentais: ser unha audición galeguista, republicana e cultural. A carón destas tres premisas, os fundadores enunciaron outras complementarias como aquela prioritaria de que Sempre en Galicia fose unha audición independente. Independente da política de Galicia e das institucións galegas do Río da Prata, non querían ter vencellos cun panorama franquista que estaba presente en parte da colectividade e que, por outra banda, lles impediría cumprir cun dos seus principais obxectivos: se-la voz crítica da Galicia exterior. Dende os micrófonos de Sempre en Galicia denunciáronse os problemas e inxustizas da Terra, criticáronse as condutas erradas, sinaláronse co dedo os culpables e animouse ós galegos a loitar polo seu país. Como veremos, o afán combativo e batallador da audición marcou importantes etapas do programa pero a carón del houbo tamén un desexo de manter vivo o recordo de Galicia, fomentar unha identidade galega entre os exiliados e emigrantes e procura-la unidade da colectividade nas terras riopratenses. Cómpre non esquecer tampouco o importante papel que xogou o espazo radiofónico a prol da cultura galega. Sempre en Galicia proponse espalla-la nosa riqueza cultural a través das ondas cun dobre obxectivo: dala a coñecer ós galegos do Río da Prata e amosarlla á xente dos países de acollida. A formulación daquelas persoas era a seguinte: o espallamento da cultura galega fará saber ós arxentinos e uruguaios que os galegos dos que adoitan burlarse teñen unha identidade de seu e, ademais, permitirá que os propios compatriotas rematen co frecuente autodesprezo ó tomaren conciencia dos valores que ten o seu pobo. Con todos estes argumentos na man, concluímos que Sempre en Galicia pretende ser –máis que outra cousa- un foro de reflexión. Reflexión sobre o papel dos galegos que viven lonxe da Terra e reflexión sobre as obrigas e deberes que teñen para con ela. 3-. O financiamento Nesta primeira definición que estamos facendo de Sempre en Galicia merece un capítulo á parte falar do financiamento do programa porque é dabondo significativo para determinar cal é a súa filosofía. A independencia da que se quixo impregnar dende o comezo tivo vantaxes e desvantaxes para os promotores do proxecto. Por unha banda, tal independencia deulles ós fundadores unha marxe importante á hora de trata-los contidos do programa, ó non estar vencellada a ningunha institución nin entidade galega a audición radial puido cumpri-la súa vocación de se-la voz crítica da colectividade do Río da Prata. Non obstante, esa mesma independencia traduciuse en dificultade ó falar do financiamento, Sempre en Galicia non quixo contar con ningunha organización para paga-los seus gastos e por iso chegou un momento no que os propios colaboradores tiveron que buscalas achegas económicas que sacaran adiante o proxecto radiofónico. Foi unha das grandes batallas da xente da audición, foino hai cincuenta anos e aínda hoxe o é. Así as cousas, ó longo destas cinco décadas de traxectoria os colaboradores do programa tiveron que discorrer mecanismos de financiamento que fosen respectuosos coa súa independencia. Un deses recursos foi a introdución da publicidade: primeiro buscouse o patrocinio de empresas uruguaias para evitar suspicacias, máis adiante tamén houbo empresas galegas que colaboraron coa audición. O caso é que non sempre a vía publicitaria foi posible, por exemplo nos anos sesenta o Banco de Galicia suspendeu as súas achegas ó non estar conforme coa dura liña antifranquista que defendía o programa, de xeito que os propios colaboradores –que sempre traballaron totalmente de baldepagaron do seu peto os gastos do espazo radiofónico. Hai outras vías de financiamento que cómpre subliñar, por unha banda, Sempre en Galicia contou cun mecenas que asumiu a maior parte dos custos durante moitos anos, foi un daqueles oito fundadores, Xesús Canabal. A historia deste emigrante santiagués é unha das moitas semblanzas da nosa diáspora que aínda quedan por facer, é sorprendente descubrir como un rapaz de trece anos que chega a América sen un peso logra converterse nun grande empresario e mecenas da nosa cultura no exterior. O apoio económico de Xesús Canabal foi fundamental para manter con vida Sempre en Galicia, dende 1950 ata o momento da súa morte foi o principal valedor do proxecto radiofónico. A día de hoxe, o financiamento da audición é un problema realmente grave para a xente que segue no programa. Aínda que os custos do espazo son mínimos –unicamente paga-lo alugueiro á emisora Radio Carve-, os colaboradores teñen grandes dificultades para xunta-los cartos tódolos meses. É preciso apuntar que Sempre en Galicia se financia practicamente coas colaboracións dos socios do Padroado da Cultura Galega e, dada a mala situación económica que atravesa Uruguai, non sempre é posible pagar esas cotas. O programa conta, ademais, cunha pequena axuda institucional e coa solidariedade dalgúns galegos que, ante a ameaza cada vez máis preocupante de que a audición poida desaparecer, decicimos abrir unha conta solidaria para axudalos no posible. 4.- Etapas e contidos Unha vez que detallámo-los aspectos “técnicos” do programa, é hora de fixarnos nos seus contidos. Sempre en Galicia é un espazo semanal de media hora de duración no que ten cabida a actualidade da Galicia de acó e da Galicia de aló, a estrutura é máis ou menos fixa: saúdo de Manuel Meilán soando de fondo a Muiñeira de Chantada, editorial do director do programa, bloques de noticias, entrevistas, letura dun poema e despedida de Manuel Meilán. Como fío condutor indispensable está a música galega, un aspecto que sempre se coidou moito no programa e que “enganchou” a moitos oíntes. En máis de cincuenta e cinco anos de traxectoria mudaron moito as circunstancias sociais e políticas nas que se enmarca a audición pero curiosamente aínda hoxe persiste boa parte do “fondo” que os fundadores lle deron en 1950. En función dos contidos, dos colaboradores que traballaron no programa e das circunstancias socio-políticas que se sucederon en máis de cinco décadas de vida, sinalámo-las seguintes etapas en Sempre en Galicia: • O lirismo de Lois Tobío. 1950-1962 O diplomático Lois Tobío, recentemente falecido, foi quen orientou a liña editorial do programa nos primeiros anos. El escribiu os editoriais dende 1950 ata 1962, ano no que marcha para España. Trátase de documentos cheos de lirismo, amabilidade e sinxeleza, falan da xeografía galega, dos escritores do país, da nosa arte... pero tras deles agóchase unha fon daerudición e unha forte carga ideolóxica. Nestes primeiros anos o peso do programa lévano os fundadores pero axiña entran dous colaboradores que pasarán máis de vinte anos ante os micrófonos: a luguesa Iolanda Díaz e o vigués Xosé Luis Villaverde. • Os combativos anos sesenta A partir da marcha de Tobío comezan os anos máis combativos do programa. O xiro vén provocado pola situación que vive Galicia nese momento, Sempre en Galicia amosa abertamente a súa oposición ó réxime de Franco, chama ós galegos a actuar e fai unha forte defensa da identidade e da cultura galega. Esta actitude bate cos intereses dunha colectividade na que o franquismo esperta bastantes simpatías. Igual que identificámo-la primeira etapa coa figura de Lois Tobío, esta segunda leva o nome doutro colaborador, Fernando Pereira. • Unha nova xeración á fronte do programa 1976 é un punto de inflexión na traxectoria de Sempre en Galicia, por unha banda cambia o contexto político de Galicia coa chegada da democracia e, pola outra, hai moitos cambios no cadro de persoal de colaboradores. Así, a comezos dos anos oitenta morren tres dos fundadores do programa e dos oito patriarcas só queda Manuel Meilán, ademais hai xente que volve a Galicia e outra que se une ó proxecto. Aquí entran o actual director do espazo, Toni de Seárez, Marisa Barrio e Manuel Suárez, entre outros. Todos eles lle dan un novo estilo á audición, agora priorízase a reflexión sobre o que acontece, hai un maior seguimento da actualidade e bótase man dun ton máis espontáneo, familiar e irónico. • A audición en mans do Padroado da Cultura Galega. Anos 90 1994 volve ser un ano de cambios, daquela morre Manuel Meilán e ábrese un debate sobre a conveniencia de seguir co proxecto radiofónico e como facelo. Logo de momentos difíciles, os colaboradores deciden poñe-lo programa baixo o amparo dunha entidade afín, o Padroado da Cultura Galega. Nestes últimos vinte anos Toni de Seárez dirixe o espazo e canda el están Marisa Barrio e Luz Corvillón. As prioridades seguen sendo a difusión da cultura galega, a atención a Galicia e á colectividade e a crítica e denuncia de todo aquilo que non vai ben. 5-. Os oíntes Ó longo da miña investigación, un dos descubrimentos máis emotivos e reveladores que fixen sobre Sempre en Galicia foron os seus oíntes, abonda escoitalos falar para comprender que para eles é moito máis ca un programa de radio. Estes testemuños e ducias de cartas amarelecidas que chegaron á audición ó longo destes anos compensan a falta de datos de audiencia e permítenos afirmar, sen lugar a dúbidas, que a acollida de Sempre en Galicia foi extraordinaria. Pero ¿por que existe esta reacción, que é o que esperta o interese do público? A resposta deuma en Montevideo unha desas oíntes “poñíame ó pé do aparato de radio e sentía a Galicia preto”. Para moitos emigrantes e exiliados a audición foi o