Full text
VICERREITORÍA DE EXTENSIÓN UNIVERSITARIA, CULTURA E SOCIEDADE Unha colección orientada a editar materiais docentes de calidade e pensada para apoiar o traballo de profesores e alumnos de todas as materias e titulacións da universidade Grao en Dereito — Máster oficial en Dereito Privado — Máster oficial en Dirección e Planificación do Turismo Dereito de Contratos — Protección dos consumidores e novas formas de contratación — Dereito privado da contratación e do consumo no sector turístico Antonia Nieto Alonso Departamento de Dereito Común (Área de Dereito Civil) Facultade de Dereito 4 Contrato de Viaxe Combinada
Contrato de Viaxe Combinada 4 Antonia Nieto Alonso Departamento de Dereito Común (Área de Dereito Civil) Facultade de Dereito
ADVERTENCIA LEGAL: reservados todos os dereitos. Queda prohibida a duplicacion, total ou parcial desta obra, en calquera forma ou por calquera medio (electrónico, mecánico, gravación, fotocopia ou outros) sen consentimento expreso por escrito dos editores. © Universidade de Santiago de Compostela, 2010 Deseño Unidixital Edita Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da Universidade de Santiago de Compostela Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela Imprime Unidixital Servizo de Edición Dixital da Universidade de Santiago de Compostela Dep. Legal: C 3979-2010 ISBN 978-84-9887-545-4
UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada - 3 MATERIAS: — Dereito de Contratos — Protección dos consumidores e novas formas de contratación — Dereito privado da contratación e do consumo no sector turístico TITULACIÓNS: — Dereito — Máster oficial en Dereito Privado — Máster oficial en Dirección e Planificación do Turismo PROGRAMA XERAL DO CURSO Localización da presente unidade didáctica Unidade I. O contrato de compravenda Elementos persoais, reais e formais A perfección do contrato A entrega da cousa vendida: a transmisión da propiedade A venda da cousa allea e o pacto de reserva do dominio A dobre venda Garantía e saneamento na compravenda Garantía na venda de bens de consumo no RDLex. 1/2007, de 16 novembro As garantías do vendedor ao pago do prezo: a resolución do contrato Compravendas especiais O contrato de leasing O contrato de permuta Unidade II. A doazón Concepto e natureza xurídica Capacidade das partes, obxecto e límites da doazón A forma da doazón e o problema das doazóns encubertas Perfección da doazón: a aceptación Clases de doazóns: inter vivos e mortis causa, modais, onerosas e remuneratorias Efectos da doazón: as obrigacións de doante e donatario A revogación das doazóns Redución das doazóns inoficiosas As liberalidades de uso Unidade III. O contrato de arrendamento Os arrendamentos urbanos na Lei 29/1994, de 24 novembro Os arrendamentos rústicos na Lei 49/2003, de 26 de novembro Os arrendamentos rústicos na Lei 2/2006, de 14 de xuño, de Dereito civil de Galicia O contrato de servizos Unidade IV. O contrato de viaxe combinada A regulación das viaxes combinadas na contorna da lexislación de consumo Os dereitos do consumidor e usuario de viaxes combinadas A modificación do contrato A resolución do contrato de viaxe combinada O incumprimento do contrato e a responsabilidade
4 - UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada Transporte aéreo: normas comúns sobre compensación e asistencia aos pasaxeiros: a denegación do embarque (overbooking); a cancelación e o grande atraso dos voos Transporte aéreo: a responsabilidade por destrución, perda ou retardo da equipaxe. Unidade V. O contrato de obra Os riscos no contrato de obra O incumprimento do contrato de obra: responsabilidade A obra inmobiliaria na Lei 38/1999, de 5 novembro, de ordenación da edificación Unidade VI. O contrato de préstamo O comodato O mutuo O precario Unidade VII. Contrato de mandato Mandato e representación Constitución.- Clases.- Contido do mandato Causas de extinción e revogación Contrato de mediación Unidade VIII. Contrato de depósito Concepto.- Caracteres.- Clases O contrato de garaxe O contrato de hospedaxe Unidade IX. Contrato de sociedade Sociedade civil e sociedade mercantil Capacidade das partes.- Obxecto.- Forma Contido do contrato As débedas sociais Extinción e liquidación da sociedade Unidade X. Contrato de fianza Concepto.- Caracteres.- Clases Relacións entre o acredor e o fiador Relacións entre o debedor e o fiador Extinción da fianza Unidade XI. Os contratos aleatorios Contrato de xogo e aposta A renda vitalicia e o vitalicio O contrato de alimentos Unidade XII. A responsabilidade civil e o Dereito de danos A responsabilidade contractual e extracontractual A responsabilidade por feitos propios A responsabilidade por feitos alleos A responsabilidade obxectiva A responsabilidade civil das administracións públicas
UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada - 5 ÍNDICE Presentación ............................................................................................... 7 Os obxectivos ............................................................................................. 8 A metodoloxía ............................................................................................. 9 Os contidos ............................................................................................... 10 1. A regulación das viaxes combinadas na contorna da lexislación de consumo .................................................................. 10 1.1. Introdución ................................................................. 11 1.2. Ámbito de aplicación .................................................. 11 1.3. Concepto de viaxe combinada .................................. 11 2. Os dereitos do consumidor e usuario de viaxes combinadas ... 11 2.1. A información precontractual ..................................... 11 2.2. Forma e contido do contrato ...................................... 12 2.3. Cesión da reserva ...................................................... 12 3. A modificación do contrato ........................................................ 13 3.1. Revisión de prezos .................................................... 13 3.2. Modificación significativa dalgún elemento esencial do contrato .......................................................... 13 4. Resolución do contrato de viaxe combinada ................................. 4.1. Resolución por causa imputable ao organizador (ou cancelación da viaxe) ................................................. 14 4.2. Resolución polo consumidor e usuario (ou dereito de desistencia do contrato) ............................ 15 5. Incumprimento do contrato e responsabilidades ....................... 16 5.1. Consecuencias da non prestación de servizos ......... 16 5.2. A responsabilidade dos organizadores e retallistas de viaxes combinadas ...................................... 16 5.3. A prescrición de accións ............................................ 18 5.4. A reparación dos danos morais ................................. 18 6. Transporte aéreo: normas comúns sobre compensación e asistencia aos pasaxeiros .......................................................... 19 6.1. A denegación de embarque (overbooking) ............... 20 6.2. A cancelación do voo ................................................. 20 6.3. O gran retardo dos voos ............................................ 21 7. Transporte aéreo: a responsabilidade por destrución, perdida ou retardo da equipaxe ..................................................... 22 Actividades propostas ............................................................................. 23 A posta en práctica desta UD / Avaliación da UD ................................. 25 Anexos Anexo 1: Modelo de análise dunha decisión xudicial ou xurídica . 26 Anexo 2: Modelo para un debate .................................................. 27 Anexo 3: Conceptos básicos para unha axeitada comprensión da unidade didáctica ...................................................................... 29 Bibliografía ................................................................................................ 31
UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada - 7 PRESENTACIÓN O turismo desempeña un papel cada vez máis importante na economía e, singularmente, as viaxes combinadas constitúen unha parte fundamental da actividade turística. Non cabe dúbida de que o sector dos servizos combinados se vería estimulado para alcanzar maior crecemento e produtividade adoptándose un mínimo de normas que supoñan unha serie de garantías efectivas para os consumidores e usuarios de viaxes combinadas. Dito doutro xeito, se o turismo pode ser o alicerce do progreso social e económico de calquera país, cómpre coñecer e familiarizarse con toda a normativa, a doutrina e as decisións xurisprudenciais que garanten unha axeitada protección dos consumidores e usuarios das viaxes, vacacións, circuítos combinados e do transporte aéreo. Por outra parte, coa chegada das vacacións proliferan nos medios de comunicación noticias sobre atrasos aéreos, con perdas de enlaces e de días de vacacións; extravío de equipaxes; denegacións de embarque; cancelación de voos… coas conseguintes escenas nos aeroportos dos lugares máis dispares. En efecto, os tipos de incidencia que poden ocorrer con ocasión dunha viaxe en avión son moitas e de diversa índole. Isto supuxo que, tanto no ámbito internacional, como no comunitario e interno, se adoptasen medidas tendentes a regular, por un lado, os dereitos dos pasaxeiros e, por outro, a responsabilidade dos transportistas aéreos. Partindo desas premisas, a unidade didáctica que se presenta ao alumnado como instrumento académico de traballo, ten a pretensión de afrontar as devanditas cuestións dende unha perspectiva estritamente xurídica. Así as cousas, o eixe sobre o que gravita a unidade didáctica é o estudo do contrato de viaxe combinada con todas as consecuencias que isto supón e que implica un estudo pormenorizado do Libro cuarto —arts. 150 a 165—, do Texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias —RDLex. 1/2007, de 16 novembro—, xa que logo, estúdanse, en primeiro lugar conceptos básicos da materia, o ámbito de aplicación da lexislación vixente sobre viaxes combinadas e a forma do contrato; para centrar o núcleo do estudo nos «remedios» dos que dispón o consumidor e usuario ante o incumprimento ou o defectuoso cumprimento do devandito contrato: por exemplo a resolución do contrato e a responsabilidade de organizadores e/ou retallistas das viaxes combinadas. Non pode ser ocioso lembrar que todas estas normas, relacionadas co turismo e, en xeral, coas viaxes, soen ter como denominador común a protección dos consumidores e usuarios, así acontece cunha Directiva que, dalgún xeito afecta ás viaxes, por tratar, entre outros asuntos, dos «produtos vocacionais», trátase da Directiva 2008/122/CE, de 14 xaneiro 2008, relativa á protección dos consumidores con respecto a determinados aspectos dos contratos de aproveitamento por quenda de bens de uso turístico, de adquisición de produtos de vacacións de longa duración, de revenda e de intercambio.
14 - UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada organizador se vexa obrigado a facela, de onde se podería inferir que o precepto non contempla a modificación que quede ao arbitrio deste e esíxese que dita modificación significativa se poña en coñecemento do consumidor e usuario de xeito inmediato, anterior á saída da viaxe. A continuación o precepto prevé, deixando a salvo a posibilidade de que as partes conveñan outra cousa en cláusulas negociadas individualmente, unha opción para o consumidor e usuario: entre resolver o contrato sen penalización ningunha ou aceptar unha modificación do contrato en que se precisen as variacións introducidas e a súa repercusión no prezo. Pola súa banda, esíxese ao consumidor e usuario que comunique a decisión que adopte ao retallista ou, se é o caso, ao organizador dentro dos tres días seguintes a ser notificado da modificación a que se refire este artigo. No caso contrario, se o consumidor e usuario non notifica a súa decisión nos termos indicados, entenderase que opta pola resolución do contrato sen penalización ningunha. 4. Resolución do contrato de viaxe combinada Coñecementos previos ao estudo deste apartado: • A resolución dos contratos: se o contrato de viaxe combinada é un contrato bilateral, recíproco ou sinalagmático, cómpre estudar a facultade de resolver a obrigación que o art. 1124 Cc concede á parte cumpridora fronte á incumpridora. • Responsabilidade contractual por incumprimento do contrato. Cfr., arts. 1101 e ss. Cc. • Dereito de desistencia do contrato: arts. 68 a 79 Texto Refundido —RDLex. 1/2007—. • Estudo da forza maior. Cfr., art. 1105 Cc. Véxase o Anexo 3. Entre as disposicións relativas á resolución do contrato, o Texto Refundido —RDLex. 1/2007— distingue: segundo que dita resolución se produza por causa imputable ao organizador, en cuxo caso fálase de «cancelación da viaxe» (art. 159) ou ben que a resolución do contrato sexa a instancia do consumidor e usuario, trátase do chamado «dereito de desistencia» (art. 160). Vexamos esta dobre opción da que é beneficiario o consumidor e usuario. 4.1. Resolución por causa imputable ao organizador (ou cancelación da viaxe) Esta resolución imputable ao organizador pode provir: por unha banda, da opción que ten tomado o consumidor e usuario de resolver o contrato —no canto de aceptar unha modificación do contrato, opcións [á resolución ou a aceptar a modificación] que permite o art. 158.2 do RDLex. 1/2007, para o suposto de que antes da saída da viaxe o organizador se vexa obrigado a modificar de xeito significativo algún elemento esencial do contrato—; por outra banda, a resolución tamén pode provir da decisión do organizador de cancelar a viaxe combinada antes da data de saída
UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada - 15 acordada, por calquera motivo que non sexa imputable ao consumidor e usuario. Pois ben, en calquera deses casos, nos que se produce a resolución, o consumidor e usuario terá dereito a optar entre: o reembolso de todas as cantidades pagadas ou ben á realización doutra viaxe combinada de calidade equivalente ou superior sempre que o organizador ou retallista llo poida propoñer. Xa que logo, se a viaxe ofrecida fose de calidade inferior, o organizador ou o retallista deberanlle reembolsar ao consumidor e usuario a diferenza do prezo en función das cantidades xa desembolsadas. Asemade, e independentemente dos devanditos dereitos do consumidor e usuario por mor da resolución: ao reembolso das cantidades aboadas ou á realización doutra viaxe equivalente; o organizador e o retallista serán responsables do pagamento ao consumidor e usuario da indemnización que, se é o caso, corresponde por incumprimento do contrato. Agora ben, non existirá obriga de indemnizar nos seguintes dous supostos: a) Cando a cancelación se deba a que o número de persoas inscritas para a viaxe combinada sexa inferior ao esixido e así se lle comunique por escrito ao consumidor e usuario antes da data límite fixada para tal fin no contrato, que como mínimo, será de 10 días de antelación mínima á data prevista de iniciación da viaxe, e b) Cando a cancelación da viaxe, salvo nos supostos de exceso de reservas, se deba a motivos de forza maior. 4.2. Resolución polo consumidor e usuario (ou dereito de desistencia do contrato) A relevancia do dereito de desistencia do contrato maniféstase con inusitada frecuencia nos contratos de consumo, e non é unha excepción o contrato de viaxes combinadas. Lémbrese que o RDLex. 1/2007 — TRLXDCU— dedica o Capítulo II completo ao Dereito de desistencia (dentro do Libro Segundo —Contratos e garantías— e no Título I —Contratos cos consumidores e usuarios—. E xa no ámbito do contrato de viaxes combinadas, atribúese esta facultade de desistir do contrato ao consumidor e usuario, o que supón, como teñen declarado os tribunais (por todas, pode verse a SAP Illas Baleares 25 setembro 2003 [JUR 2004, 74599]) «unha sorte de dereito á reflexión» para o consumidor. Advírtase que dita facultade poderá ser exercitada polo consumidor e usuario «en todo momento». En efecto, o art. 160 TRLXDCU —RDLex. 1/2007— faculta o consumidor e usuario para deixar sen efecto os servizos solicitados ou xa contratados en todo momento, tendo dereito á devolución das cantidades que aboase. Porén, o consumidor e usuario deberá indemnizar ao organizador ou ao retallista, salvo que tal resolución teña lugar por causa de forza maior. Así, por exemplo, considerouse como suposto de forza maior a designación da consumidora como membro dun tribunal de oposicións nas datas da viaxe, obrigación de cumprimento inescusable, o que lle deu dereito a deixar sen efecto os servizos contratados así como á devolución
16 - UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada da cantidade aboada en concepto de reserva (SAP León 18 setembro 2009 [AC 2009, 2021]). A devandita indemnización inclúe os gastos de xestión e os de anulación, se os houbese, e, ademais, unha penalización que será variable, segundo que a data de cancelación da viaxe sexa máis ou menos próxima á data de comezo da viaxe. Así, a penalización consistirá no 5 por cento do importe da viaxe, se a cancelación se produce con máis de dez e menos de quince días de antelación á data de comezo da viaxe; o 15 por cento entre os días tres e dez, e o 25 por cento dentro das corenta e oito horas anteriores á saída. Se, por último, non se presentase á saída, o consumidor e usuario está obrigado ao pagamento do importe total da viaxe aboando, se é o caso, as cantidades pendentes salvo acordo entre as partes noutro sentido. 5. Incumprimento do contrato e responsabilidade Coñecementos previos ao estudo deste apartado: • As obrigacións mancomunadas e solidarias. Cfr., arts. 1137 a 1148 Cc. • A exoneración da responsabilidade do debedor: o caso fortuíto e a forza maior. Cfr., art. 1105 Cc. Véxase o Anexo 3. 5.1. Consecuencias da non prestación de servizos A regulación das viaxes combinadas polo Texto Refundido — RDLex. 1/2007— é sen dúbida pro consumatore e unha das súas principais manifestacións atópase, precisamente, no art. 161 que contempla o suposto de que despois da saída da viaxe, o organizador (non se fala do retallista, logo, non responde neste caso) non subministre ou comprobe que non pode subministrar unha parte importante dos servizos previstos no contrato, caso no que adoptará as solucións axeitadas para a continuación da viaxe organizada, sen suplemento ningún de prezo para o consumidor e usuario e, se é o caso, deberá aboarlle a este último o importe da diferenza entre as prestacións previstas e as subministradas. Se o consumidor e usuario continúa a viaxe coas solucións dadas polo organizador considérase que acepta tacitamente as devanditas propostas. Se as solucións adoptadas polo organizador fosen inviables ou o consumidor e usuario non as aceptase por motivos razoables, aquel deberá facilitar a este, sen suplemento ningún de prezo, un medio de transporte equivalente ao utilizado na viaxe para regresar ao lugar de saída ou a calquera outro que ambos os dous conviñesen, sen prexuízo da indemnización que, de ser o caso, proceda. Obsérvese que a pesar de que o art. 161 só fai responsable ao organizador á hora de buscar solucións, despois da saída da viaxe, no apartado 3 do citado precepto, trae a colación ao outro axente de viaxes que é o retallista. En efecto, dispón o art. 161.3 que «No caso de reclamación, o retallista ou, se é o caso, o organizador deberá obrar con dilixencia para achar as solucións axeitadas». De onde se pode inferir, de
UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada - 17 novo, a querenza pola solidariedade na moderna lexislación, xa que, dalgún xeito, está implicando na responsabilidade tamén ao retallista que non actúe dilixentemente. 5.2. Responsabilidade dos organizadores e retallistas de viaxes combinadas O art. 162 do TRLXDCU —RDLex. 1/2007—, en relación co cumprimento das obrigas derivadas do contrato, dispón en primeiro lugar unha responsabilidade individual dos axentes que interveñen nas viaxes combinadas tal e como se infire do devandito precepto «Os organizadores e os retallistas de viaxes combinadas responderán fronte ao consumidor e usuario, en función das obrigas que lles correspondan polo seu ámbito respectivo de xestión da viaxe combinada...». Mesmo, o citado precepto, os fai responsables das obrigas que contraen outros axentes —pénsese, por que non, nas compañías aéreas—: «... con independencia de que estas [obrigas] as deban executar eles mesmos [organizadores e retallistas] ou outros prestadores de servizos...», claro que se deixa a salvo a posible acción de regreso ou reembolso: «... e sen prexuízo do dereito dos organizadores e retallistas a actuar contra os devanditos prestadores de servizos». Advírtase con GARCÍA RUBIO (1999, 185) que, ademais da acción de repetición (regreso) dos responsables fronte aos prestadores dos servizos, ditos responsables dispoñen dun dereito de subrogación na posición do acredor, isto é, do consumidor, con fundamento no art. 1210 Cc. Porén, a substancia deste apartado está no problema da cualificación das obrigas e, xa que logo, da responsabilidade: mancomunada ou solidaria. Advírtase que a normativa sobre protección de consumidores e usuarios establece, en xeral a solidariedade cando sexan varias as persoas que deban responder fronte ao consumidor polos danos causados. Así, por exemplo, o art. 132 TRLXDCU —RDLex. 1/2007— dispón que «As persoas responsables do mesmo dano por aplicación da presente lei, serano solidariamente...». Por outra banda, as regras do Draft Common Frame of Reference (DCFR, 2009), no art. III.4:103 (2), sinalan que se os termos da obrigación non determinan o tipo, a responsabilidade de dous ou máis debedores que deban cumprir a mesma obrigación é solidaria, o que se aplica especialmente cando sexan responsables polo mesmo dano. Do TRLXDCU —RDLex. 1/2007— infírese con claridade a configuración como solidaria da responsabilidade dos axentes que interveñen nas viaxes combinadas cando dispón o art. 162.1.2.º «A responsabilidade fronte ao consumidor será solidaria de cantos empresarios, sexan organizadores ou retallistas, concorran conxuntamente no contrato calquera que sexa a súa clase e as relacións que existan entre eles, sen prexuízo do dereito de repetición de quen responda ante o consumidor e usuario fronte a quen sexa imputable o incumprimento ou cumprimento defectuoso do contrato en función do seu respectivo ámbito de xestión da viaxe combinada».
18 - UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada Cómpre neste apartado traer a colación a posición ao respecto da xurisprudencia. Destaca a STS (Civil) 20 xaneiro 2010 (RJ 2010, 158), que declara a procedencia da responsabilidade solidaria do comerciante por xunto ou organizador e do retallista por morte e lesións de viaxeiros —viaxe a Turquía— en accidente de circulación no autocar no que viaxaban os demandantes, por culpa imputada xudicialmente ao condutor; a empresa de autocares fora contratada pola axencia organizadora. Asemade, os organizadores e retallistas de viaxes combinadas responden dos danos sufridos polo consumidor como consecuencia da non execución ou execución deficiente do contrato. Responsabilidade que cesa nos seguintes supostos: defectos imputables ao consumidor; defectos imputables a un terceiro alleo á subministración das prestacións previstas no contrato e revistan un carácter imprevisible ou insuperable; defectos que se deban a motivos de forza maior (Cfr., art. 162.2 TRLXDCU —RDLex. 1/2007—). Así, apreciouse a responsabilidade (solidaria) das axencias de viaxes, e, xa que logo, a imposibilidade de exoneración de responsabilidade dada a inexistencia de forza maior, no suposto resolto pola STS 2 febreiro 2006 (RJ 2006, 2694). Tratábase dunha viaxe turística a Exipto e prodúcese o falecemento do fillo do actor e feridas graves a este e á súa esposa por un ataque terrorista; declárase a inexistencia de forza maior, dada a previsibilidade do ataque terrorista, na medida que con anterioridade (dende 1992) se produciran outros, e as axencias sabíano. Asemade, estimouse a responsabilidade (solidaria) das axencias de viaxes sen que quedasen exoneradas por forza maior, no suposto resolto pola SAP Cantabria 7 novembro 2007 (AC 2007, 2012), no caso de autos tratábase dunha viaxe de noivos á República Dominicana que non poden gozar por causa dun furacán. E non se aprecia a existencia de forza maior pola previsibilidade, dada a frecuencia de furacáns nesa época. O alumnado debe ampliar o estudo desta epígrafe cunha análise exhaustiva da posición da derradeira xurisprudencia ao respecto. 5.3. A prescrición de accións Prescriben polo transcurso de dous anos as accións derivadas dos dereitos recoñecidos neste libro [Libro cuarto —«Viaxes combinadas»—]. Ao non aclarar dende cando se computa dito prazo, aplicarase o art. 1969 Cc, segundo o cal «O tempo para a prescrición de toda clase de accións, cando non haxa disposición especial que outra cousa determine, contarase dende o día que puideron exercitarse». 5.4. A reparación dos danos morais O TRLXDCU —RDLex. 1/2007—, ao regular as viaxes combinadas, omite toda referencia á posibilidade de indemnizar os danos morais como consecuencia do incumprimento ou defectuoso cumprimento do contrato, segue así a mesma liña iniciada pola derrogada Lei de viaxes combinadas de 1995. Sen dúbida, foi unha ocasión desperdiciada que á hora de
UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada - 19 incorporar a Directiva 1990/314/CEE, de 13 xuño, de Viaxes combinadas, vacacións combinadas e circuítos combinados, non se tivese en conta o art. 5.2.4.º da devandita Directiva, segundo o cal «Polo que se refire aos danos que non sexan corporais que resulten do incumprimento ou da mala execución das prestacións incluídas na viaxe combinada, os estados membros poderán admitir que se limite o resarcimento en virtude do contrato. Dita limitación será razoable» —a cursiva é engadida—. Xa que logo, e ao referirse aos «danos que non sexan corporais» estase a referir, sen dúbida, aos danos non patrimoniais ou morais, tal e como ten interpretado dito precepto da Directiva o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, en resposta a unha cuestión prexudicial, é de forma salientable, na STXCE de 12 marzo 2002 (TXCE 2002, 99) —asunto Simone Leitner—. Porén, aínda que o TRLXDCU —RDLex. 1/2007— non inclúa de xeito explícito a indemnización do dano moral ou extrapatrimonial, pódese inferir a posibilidade da súa indemnización do concepto amplo de dano que ofrece o art. 162.2, cando fai responder aos organizadores e retallistas de viaxes combinadas dos «danos sufridos polo consumidor e usuario como consecuencia da non execución ou execución deficiente do contrato». Refírese aos «danos», sen distinguir nin especificar, logo poderíanse incluír os danos morais xa que: ubi lex non distinguit, nec nos distinguere debemus. A xurisprudencia non permanece allea á posibilidade da reparación dos danos morais e segue un criterio aperturista á devandita indemnización, singularmente, cando se trata de viaxes de pracer como a viaxe de noivos. Resulta curioso o caso resolto pola SAP Lleida 12 marzo 1998 (AC 1998, 356), que apreciou a indemnización dos danos morais porque non é o mesmo unha viaxe de negocios, na que a incomodidade é facilmente avaliable economicamente, que unha viaxe de lúa de mel «que soe ser ou polo menos acostumaba ser única na vida…». O alumnado deba ampliar o estudo desta epígrafe cunha análise exhaustiva da posición da derradeira doutrina e xurisprudencia ao respecto. En relación ao concepto de dano moral, véxase Anexo 3. 6. Transporte aéreo: normas comúns sobre compensación e asistencia aos pasaxeiros Unha das normas máis salientables no que atinxe ás viaxes constitúea o Regulamento CE núm. 261/2004, de 11 febreiro, que establece as normas comúns sobre compensación e asistencia aos pasaxeiros aéreos en caso de denegación de embarque e de cancelación ou gran retardo dos voos; que xa no seu primeiro considerando recoñece que a actuación da Comunidade [europea] no ámbito do transporte aéreo debe ter como obxectivo, entre outros, garantir un elevado nivel de protección dos pasaxeiros. Asemade recoñece tomar plenamente en consideración os requisitos de protección dos consumidores en xeral.
20 - UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada Advírtase que este Regulamento se entende sen prexuízo dos dereitos que asisten aos pasaxeiros en virtude da Directiva 90/314/CEE, de viaxes combinadas e non se aplicará cando unha viaxe combinada se cancele por motivos que non sexan a cancelación do voo (Considerando 6). Singular relevancia ten a obriga de informar os pasaxeiros dos seus dereitos. Así, o art. 14 (Regulamento 261/2004) esixe que o transportista aéreo encargado de efectuar o voo vele porque no mostrador de facturación se expoña claramente visible para os pasaxeiros [utilizaranse medios alternativos para invidentes ou con problemas de vista], un anuncio co seguinte texto «No caso de denegación de embarque, cancelación ou retardo do seu voo superior a dúas horas, solicite no mostrador de facturación ou na porta de embarque o texto no que figuran os seus dereitos, especialmente en materia de compensación e asistencia». Cómpre salientar que o Regulamento 261/2004 establece un réxime compensatorio de mínimos aplicable aos supostos de denegación de embarque e de cancelación ou de gran retardo dos voos. En tal sentido, o art. 1 do Regulamento precisa que o seu obxectivo é establecer «os dereitos mínimos» que asistirán aos pasaxeiros, insiste na mesma idea o art. 15 do devandito Regulamento cando estima indispoñibles tales dereitos ao sinalar que as obrigas para cos pasaxeiros establecidas no Regulamento «non poderán limitarse nin derrogarse» especialmente por medio de inclusión dunha cláusula de inaplicación ou unha cláusula restritiva no contrato de transporte (cfr., art. 86 TRLXDCU —RDLex. 1/2007—, coa rúbrica: Cláusulas abusivas por limitar os dereitos básicos do consumidor e usuario), cláusula que, como abusiva, será nula de pleno dereito e terase por non posta (cfr., art. 83 TRLXDCU —RDLex. 1/2007—). Aqueles dereitos dos pasaxeiros son, segundo os casos, o dereito a unha compensación, dereito ao reembolso ou a un transporte alternativo e o dereito á atención. 6.1. A denegación de embarque (overbooking) O overbooking aéreo (voo excesivamente reservado —en tradución máis ou menos literal—) e conseguinte denegación de embarque prodúcese naquelas ocasións nas que o transportista aéreo vende, a través das súas propias oficinas ou de axencias de viaxes, un número de prazas confirmadas para un voo que exceden ás que efectivamente ten á súa disposición a aeronave. En síntese, a denegación de embarque é consecuencia da perniciosa práctica comercial dos transportistas aéreos de exceso de reservas ou sobrevenda (overbooking). O Regulamento 261/2004 define a denegación de embarque (art. 2.j) como a negativa a transportar pasaxeiros nun voo, pese a presentarse ao embarque nas condicións establecidas no apartado 2 do artigo 3 —que dispoña dunha reserva confirmada e se presente a facturación cunha antelación mínima de corenta e cinco minutos respecto da hora de saída anunciada—. E regula dita denegación de embarque no seu art. 4. Do citado art. 4, cohonestado cos considerandos 9, 10 e 11 do Regulamento, infírese que se recomenda reducir o número de pasaxeiros aos que se lles denega o embarque contra a súa vontade, esixindo para iso aos transportistas aéreos que pidan que se presenten voluntarios para
UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada - 21 renunciar ás súas reservas a cambio de determinados beneficios e que indemnicen integramente a aqueles aos que se lles denegara definitivamente o embarque contra a súa vontade. Debe ofrecerse aos pasaxeiros aos que se lles denega o embarque contra a súa vontade, a posibilidade de cancelar os voos, con reembolso dos seus billetes, ou de proseguilos en condicións satisfactorias, así como o dereito a ser ben atendidos mentres esperan un voo posterior. Tamén debe ofrecerse aos voluntarios a posibilidade de cancelar os seus voos, con reembolso dos seus billetes, ou de proseguilos en condicións satisfactorias, por canto experimentan dificultades de transporte similares ás dos pasaxeiros aos que se lles denega o embarque contra a súa vontade (Cfr., tamén, os arts. 7, 8 e 9 do Regulamento, aos que se remite o art. 4). 6.2. A cancelación do voo Define a cancelación do voo o Regulamento 261/2007, art. 2. l), como a non realización dun voo e no que se reservara, polo menos, unha praza. Regúlase a cancelación do voo no art. 5 (complementado polos arts. 7, 8 e 9) e recoñécese polo Regulamento a conveniencia de reducir os trastornos e molestias que ocasiona aos pasaxeiros a cancelación dun voo. Xa que logo, recoméndase inducir aos transportistas aéreos a informar os pasaxeiros das cancelacións antes da hora de saída prevista e ofrecerlles, ademais un transporte alternativo razoable, de xeito que os pasaxeiros poidan optar por outra solución. Os transportistas aéreos deben compensar os pasaxeiros, excepto no caso de que as cancelacións se produzan debido a «circunstancias extraordinarias» que non puidesen evitarse incluso tomando todas as medidas razoables. Advírtase que o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, dando resposta a unha cuestión prexudicial, ten declarado que o art. 5.3 (Regulamento 261/2004), que regula a cancelación de voos, debe interpretarse no sentido de que o concepto de «circunstancias extraordinarias», utilizado na citada disposición, non se aplica a un problema técnico, que xurda nunha aeronave e que provoque a cancelación dun voo, a menos que este problema se derive de acontecementos que, pola súa natureza ou a súa orixe, non sexan inherentes ao exercicio normal da actividade do transportista aéreo e escapen ao control efectivo de dito transportista (por todas, pode verse, especialmente, o apartado 72, da STXCE 19 novembro 2009 [JUR 2009, 465601] e as alí citadas). Si se apreciou a existencia de forza maior no caso resolto pola SAP Barcelona 8 setembro 2009 (JUR 2009, 462901). No suposto de autos canceláranse e retardáranse os voos como consecuencia da invasión das pistas do aeroporto polos traballadores de terra da compañía aérea, sen haber convocatoria anticipada de folga e, xa que logo, trátase dun suposto extraordinario, imprevisible, de forza maior; porén, aínda que a compañía aérea non está obrigada a pagar unha compensación (art. 7, Regulamento 261/2004), non está exonerada da indemnización de danos e prexuízos xa que a concorrencia de tales circunstancias extraordinarias non exclúe calquera outros dereitos recoñecidos aos pasaxeiros aéreos polo mesmo
22 - UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada Regulamento no art. 8 (dereito ao reembolso ou a un transporte alternativo) e no art. 9 (dereito á atención). Recoñece, asemade, o Regulamento que os pasaxeiros cuxos voos queden cancelados han de ter a posibilidade de obter o reembolso dos billetes ou un transporte alternativo en condicións satisfactorias, e deben recibir atención axeitada mentres esperan un voo posterior (cfr., arts. 5, 7, 8 e 9 do Regulamento). 6.3. O gran retardo dos voos Segundo o considerando 17 do Regulamento 261/2004, os pasaxeiros cuxos voos teñan un retardo de duración determinada deben recibir atención adecuada e han de ter a posibilidade de cancelar os seus voos, con reembolso dos seus billetes, e de proseguilo en condicións satisfactorias. O art. 6 regula de xeito detallado o retardo e declara que se un transportista aéreo encargado de efectuar un voo prevé o retardo dun voo con respecto á hora de saída prevista —refírese aos retardos a partir de dúas horas—, o transportista aéreo encargado de efectuar o voo ofrecerá aos pasaxeiros asistencia (prevista nos arts. 8 e 9). Aínda que o Regulamento 261/2007 non prevé a posibilidade dun dereito de compensación (cfr., art. 7), si previsto para os casos de denegación de embarque e de cancelación (cfr., respectivamente, arts. 4 e 5), porén, como ten declarado o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, dando resposta a unha cuestión prexudicial: «procede declarar que os pasaxeiros dos voos retardados poden invocar o dereito de compensación previsto no artigo 7 do Regulamento 261/2004 cando soportan, en relación co voo, unha perda de tempo igual ou superior a tres horas, é dicir, cando chegan ao destino final tres ou máis horas despois da hora de chegada inicialmente prevista polo transportista aéreo (STXCE, 19 novembro 2009 [JUR 2009, 465601], singularmente, apartado 61). O alumnado debe ampliar o estudo desta epígrafe —6— cunha análise exhaustiva da posición da derradeira xurisprudencia ao respecto. 7. Transporte aéreo: a responsabilidade por destrución, perda ou retardo da equipaxe Unhas das posibles continxencias que se derivan das viaxes son, precisamente, a da perda, a destrución ou o retardo da equipaxe. Xa que logo cómpre dilucidar quen responderá dos citados eventos ante o consumidor e usuario. A solución pasa pola análise, non só do TRLXDCU —RDLex. 1/2007— senón tamén da Lei sobre navegación aérea —Lei 48/1960, de 21 xullo— e o Convenio de Montreal —Convenio de 28 maio 1999 (ratificado por Instrumento de 4 xuño 2002)— e pola integración das citadas normas coas decisións dos tribunais, a través da xurisprudencia. Aínda que prima facie poida parecer que o único responsable neses casos é a compañía aérea na que se facturou a equipaxe, non pode ser
UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada - 23 ocioso rastrexar as solucións que nos ofrece o TRLXDCU —RDLex. 1/2007—, para indagar se o referido texto dá solución ao problema. Así é, cando o art. 162 TRLXDCU regula a responsabilidade dos organizadores e retallistas das viaxes combinadas polo correcto cumprimento das obrigas derivadas do contrato, mantén dita responsabilidade cando esas obrigacións deban ser executadas por «outros prestadores de servizos», entre eses outros prestadores de servizos, distintos dos organizadores e os retallistas, ben poden estar as compañías aéreas. Iso si, déixase a salvo a posibilidade de que, con posterioridade, os organizadores e retallistas que respondesen se dirixan con acción de regreso ou reembolso contra a compañía aérea, verdadeira responsable: «sen prexuízo do dereito dos organizadores e retallistas a actuar contra os devanditos prestadores de servizos». Agora ben, sen prexuízo da anterior precisión, a regulación desta materia —transporte aéreo de persoas e equipaxes— contense, tratándose de voos nacionais na Lei 48/1960, de navegación aérea, e, no caso de voos internacionais no Convenio de Montreal de 1999. Advírtase que o Regulamento 2002/889/CE, de 13 de maio (que modifica o Regulamento 2027/1997, de 9 outubro, sobre responsabilidade das compañías aéreas en caso de accidente) dispón no art. 3.1 que «A responsabilidade dunha compañía aérea comunitaria en relación co transporte de pasaxeiros e a súa equipaxe rexerase por todas as disposicións do Convenio de Montreal relativas a dita responsabilidade». Polo que atinxe aos voos nacionais, o transportista é responsable por destrución, perda, avaría ou retardo das equipaxes, facturados ou de man (art. 116.2.º, Lei 48/1960). Acláranse as indemnizacións: por perda ou avaría de equipaxes facturadas ou de man, ata o límite de 500 dereitos especiais de xiro (DEX) por unidade; e se a equipaxe facturada ou de man se transporta baixo manifestación de valor declarado, aceptado polo transportista, o límite de responsabilidade corresponde a ese valor (art. 118, Lei 48/1960). En relación aos voos internacionais, procede advertir, previamente, que a menos que se indique outra cousa, no Convenio de Montreal de 1999, o termo «equipaxe» significa tanto a equipaxe facturada como a non facturada (art. 17.4, Convenio de Montreal). Particular substancia presenta o art. 22 do Convenio, que coa rúbrica «Límites de responsabilidade respecto ao retardo, a equipaxe e a carga», dispón, respecto da equipaxe, que «No transporte da equipaxe, a responsabilidade do transportista no caso de destrución, perda, avaría ou retardo limítase a 1000 dereitos especiais de xiro por pasaxeiro a menos que o pasaxeiro lle fixese ao transportista, ao entregarlle a equipaxe facturada, unha declaración especial de valor da entrega desta no lugar de destino, e pagase unha suma suplementaria, se houbese lugar a iso. Neste caso, o transportista estará obrigado a pagar unha suma que non excederá do importe da suma declarada, a menos que probe que este importe é superior ao valor real da entrega no lugar de destino para o pasaxeiro» (art. 22.2, Convenio de Montreal). O termo «dano», subxacente ao art. 22, apartado 2, do Convenio, foi obxecto dunha importante cuestión
30 - UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada C) O secretario É o que vai anotando o que se opina no debate, a que hora e a súa coherencia. D) Uns participantes informados É necesario que cada un dos participantes do debate saiba e investigue profundamente o tema a tratar nun debate. Dentro das distintas modalidades de debates que existen, moitas veces téñense semanas, días ou só horas para a preparación dun tema. Isto determina que os equipos deban facer bo uso do tempo e realizar unha investigación exhaustiva do tema e as súas implicacións, previndo as posibles argumentacións da contraparte e tratando de encontrar argumentos favorables á posición que se representará. E) Os argumentos Os argumentos a favor chámanse probas e os argumentos en contra obxeccións. Polos primeiros inténtase demostrar a validez das afirmacións ou argumentos propios. Polos segundos, inténtanse mostrar os erros do adversario ou contrincante. Anexo 3 CONCEPTOS BÁSICOS PARA UNHA AXEITADA COMPRENSIÓN DA UNIDADE DIDÁCTICA • Beneficiario (da viaxe combinada): a persoa física en nome da cal o contratante principal se compromete a comprar a viaxe combinada. • Cesionario (da viaxe combinada): a persoa física á cal o contratante principal ou outro beneficiario cede a viaxe combinada. • Cláusulas abusivas: estipulacións non negociadas individualmente e prácticas non consentidas expresamente que, en contra das esixencias da boa fe causen, en prexuízo do consumidor e usuario, un desequilibrio importante dos dereitos e obrigas das partes que se deriven do contrato — cfr., arts. 82 a 91 TRLXDCU (RDLex. 1/2007)—. • Condicións xerais da contratación: cláusulas predispostas cuxa incorporación ao contrato sexa imposta por unha das partes, con independencia da autoría material destas, da súa aparencia externa e da súa extensión e de calquera outra circunstancias, sendo redactadas coa finalidade de ser incorporadas a unha pluralidade de contratos —cfr., art. 1.1 Lei 7/1998, de 13 abril, sobre condicións xerais da contratación—. • Consumidor ou usuario: calquera persoa en que concorra a condición de contratante principal, beneficiario ou cesionario.
UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada - 31 • Contratante principal (da viaxe combinada): a persoa física ou xurídica que compre ou se comprometa a comprar a viaxe combinada • Contrato: o acordo que vincula ao consumidor co organizador ou o retallista. O organizador e o retallista deberán ter a consideración de axencia de viaxes de acordo coa normativa administrativa. • Cuestión prexudicial: pronunciamento, de conformidade cos Tratados, do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, con carácter prexudicial, e a petición dos órganos xudiciais nacionais, sobre a interpretación do Dereito da Unión ou sobre a validez dos actos adoptados polas institucións —cfr., art. 19.3 b), Tratado da Unión Europea (consolidado segundo Tratado de Lisboa), de 13 de decembro 2007—. Tras a resposta, que produce efectos erga omnes, o xuíz nacional resolverá o litixio principal de conformidade coa decisión do TXCE. • Danos morais: noción dificultosa, relativa e imprecisa. A situación básica para que se dea lugar a un dano moral que sexa indemnizable consiste nun sufrimento ou padecemento psíquico ou espiritual, como sensación anímica de inquietude. Porén, non poden derivarse danos morais da mera molestia, aburrimento, anoxo, enfado… —cfr., a significativa STS 31 maio 2000 (RJ 2000, 5089), que segue un criterio aperturista na indemnización do dano moral—. • Denegación de embarque (véxase «overbooking»). • Dereitos especiais de xiro (DEX): están definidos polo Fondo Monetario Internacional e son definidos en termos dunha canastra de moedas fortes utilizadas no comercio internacional e as finanzas. A conversión das sumas nas moedas nacionais, no caso de procedementos xudiciais, farase conforme ao valor de ditas moedas en dereitos especiais de xiro na data da sentenza —cfr., art. 23 do Convenio de Montreal de 28 maio 1999—. • Desistencia (dereito de desistencia dun contrato): é a facultade do consumidor e usuario de deixar sen efecto o contrato asinado, notificándollo así á outra parte contratante no prazo establecido para o exercicio dese dereito, sen necesidade de xustificar a súa decisión e sen penalización de ningunha clase —cfr., arts. 68 a 79 TRLXDCU (RDLex. 1/2007)—. • Forza maior (motivos de forza maior): circunstancias alleas a quen as invoca, anormais e imprevisibles cuxas consecuencias non se poderían evitar, a pesar de actuar coa dilixencia debida — cfr., especialmente, arts. 159.4 b) e 162.2 c) TRLXDCU (RDLex. 1/2007)—. • Organizador (da viaxe combinada): a persoa física ou xurídica que organice de forma non ocasional viaxes combinadas e as venda ou ofreza en venda, directamente ou por medio dun retallista.
32 - UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada • Overbooking e conseguinte denegación de embarque: prodúcese naquelas ocasións nas que o transportista aéreo vende, a través das súas propias oficinas ou de axencias de viaxes, un número de prazas confirmadas para un voo que exceden ás que efectivamente ten a súa disposición a aeronave. • Retallista (da viaxe combinada): a persoa física ou xurídica que vende ou ofrece en venda a viaxe combinada proposta por un organizador. • Viaxe combinada: a combinación previa de, polo menos, dous dos elementos seguintes: i) transporte; ii) aloxamento; iii) outros servizos turísticos non accesorios do transporte ou do aloxamento e que constitúan unha parte significativa da viaxe combinada, vendida ou ofrecida en venda conforme a un prezo global, cando a devandita prestación exceda as 24 horas ou inclúa unha noite de estadía. BIBLIOGRAFÍA BOTANA GARCÍA, Gema Alejandra (2006): «Los daños causados por los viajes combinados», Revista Práctica de Derecho de Daños, núm. 36 (2006). GARCÍA RUBIO, M. ª Paz (1999): La responsabilidad contractual de las agencias de viaje, Madrid: Montecorvo. GILI SALDAÑA, Miriam, GÓMEZ POMAR, Fernando (2005): «El coste de volar», InDret. Revista para el análisis del Derecho, núm. 298 (2005). GÓMEZ CALLE, Esther (1998): El contrato de viaje combinado, Madrid: Civitas. HAZA DÍAZ, Pilar de la (1997): El contrato de viaje combinado, Madrid: Marcial Pons. LETE DEL RÍO, José Manuel; LETE ACHIRICA, Javier (2006): Derecho de Obligaciones. Vol. II. Contratos, Cizur Menor (Navarra): Thomson Aranzadi. MARTÍN-CASALS, Miquel (1999): «La responsabilidad civil derivada del contrato de viaje combinado», Revista General de Derecho, núms. 658-659 (1999). NIETO ALONSO, Antonia (2005): «Viajes, vacaciones y circuitos combinados. Los remedios frente al incumplimiento —las vacaciones frustradas— y las facultades y derechos de los consumidores y usuarios», Actualidad Civil, núm. 13 (2005). — (2006): «Daños morales derivados del incumplimiento o defectuoso cumplimiento de una obligación contractual. (A propósito de alguna
UNIDADE DIDÁCTICA IV: O contrato de viaxe combinada - 33 jurisprudencia reciente)», Anuario de Derecho Civil, t. LIX, fascículo III (2006). RUBIO TORRANO, Enrique (2002): «Overbooking», Aranzadi Civil, núm. 18. Parte Tribuna. SOLER VALDÉS-BANGO, Alfredo (2005): El contrato de viaje combinado, Cizur Menor (Navarra): Thomson-Aranzadi.
VICERREITORÍA DE EXTENSIÓN UNIVERSITARIA, CULTURA E SOCIEDADE Unha colección orientada a editar materiais docentes de calidade e pensada para apoiar o traballo de profesores e alumnos de todas as materias e titulacións da universidade Grao en Dereito — Máster oficial en Dereito Privado — Máster oficial en Dirección e Planificación do Turismo Dereito de Contratos — Protección dos consumidores e novas formas de contratación — Dereito privado da contratación e do consumo no sector turístico Antonia Nieto Alonso Departamento de Dereito Común (Área de Dereito Civil) Facultade de Dereito 4 Contrato de Viaxe Combinada