Regulamento de creación e funcionamento dos centros propios da Universidade de Santiago de Compostela
Full text
REGULAMENTO DE CREACIÓN E FUNCIONAMENTO DOS CENTROS PROPIOS DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (Claustro Universitario do 20 de maio de 1999) Título I. Definición e estructura Artigo 1.- Os centros propios da Universidade de Santiago de Compostela (USC) (centros, no que segue) son centros destinados esencialmente á investigación científica e técnica así como á creación artística. Artigo 2.- As funcións dos centros son: a. Facilita-lo desenvolvemento científico técnico e artístico, en calquera dos seus ámbitos, dentro da USC. b. Realizar actividades docentes relacionadas con estudios de terceiro ciclo e de especialización, dentro da organización dos programas de estudio da USC. c. Prestar asesoramento técnico no marco da súa competencia. Artigo 3.- Os centros rexeranse polas disposicións legais e estatutarias que lles sexan aplicables, e deben estar dotados dun regulamento de réxime interno aprobado pola Xunta de Goberno. Artigo 4.- Os centros dependerán organicamente da Xunta de Goberno, nos termos establecidos nos seus Estatutos, neste regulamento e en cadanseu regulamento de réxime interno. Artigo 5.- Os centros poderán propoñer á USC o asinamento de convenios con grupos ou centros de outras universidades ou organismos públicos de investigación. Estes convenios poderán levar á creación de centros mixtos. Artigo 6.- As persoas que conclúan estudios dispensados nos centros terán dereito á titulación específica correspondente. Título II. Da creación de centros propios Artigo 7. 1.- A iniciativa para a creación de centros corresponde a varios grupos de investigación pertencentes a varias áreas de coñecemento. 2.- A solicitudes serán presentadas diante do rector, quen solicitará os seguintes informes: a. Dos consellos de departamento ós que pertenzan os grupos de investigación. b. Dos consellos de departamento que realicen labores investigadores nas mesmas áreas ou áreas afíns ó centro proposto. c. Dun ente avaliador externo coma a actual "Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva", outra similar, ou un panel de expertos. 3.- Recibida esta información, a Xunta de Goberno tomará o acordo, de se-lo caso, de creación do centro elevándoa ó Consello Social 4.- En todo caso a solicitude deberá incluír: a. Unha memoria na que, cando menos, consten: - Obxectivos e programas de investigación do centro enmarcados, de selo caso, nos plans galego, español ou europeo de I + D, e facendo notar, de se-lo caso, a incidencia no contorno socioeconómico.
- Xustificación da necesidade de creación do centro, atendendo ó seu carácter interdisciplinario, alta especialización e imposibilidade de logralos obxectivo propostos dentro doutras estructuras da USC, especialmente dos departamentos e institutos existentes. - Programación plurianual de actividades. - Persoal científico que se integraría no centro, especificando o seu curriculum (con expresión detallada do financiamento acadado nos últimos anos), a súa procedencia, o seu réxime de dedicación e a porcentaxe da xornada investigadora que dedicarán ó centro. - Estimación dos medios necesarios para o funcionamento do centro, orzamento aproximado, e fontes de financiamento. b. Proxecto de regulamento de réxime interno. Artigo 8.- Unha vez aprobada a creación do centro, o rector nomeará un director en funcións entre os membros do grupos promotores que cumpran as condicións establecidas no artigo 18.1, que cesará como tal ó se cumpri-las previsións regulamentarias sobre constitución do consello do centro. Artigo 9.- Os centros remitirán á Xunta de Goberno no primeiro trimestre de cada ano unha memoria de actividades e unha memoria económica para a súa avaliación. En función desta, ponderarase a comenencia da súa continuidade. De se-lo caso, a Xunta de Goberno, a partir do segundo ano, poderá propoñer ó Consello Social a supresión do centro. Título III. Do persoal dos centros Artigo 10.- O persoal científico dos centros estará integrado por profesores, axudantes e investigadores da USC. Artigo 11.- Poderán pertencer tamén ó persoal do centro, en calidade de colaboradores, as persoas integradas nalgún proxecto ou programa do centro. Artigo 12.- O profesorado universitario integrado no centro manterá as súas obrigas docentes en primeiro e segundo ciclos. A súa dedicación ó centro afectará so á súa xornada investigadora, sen prexuízo da posibilidade de dispensar docencia de terceiro ciclo ou posgrao no centro. Artigo 13.- O persoal científico inicial do centro será o dos grupos promotores. A creación deste implicará a autorización para que os membros dos grupos promotores se incorporen ó centro nas condicións solicitadas. Artigo 14.- Os órganos de goberno do centro terán autonomía para admitiren novos membros, dentro do establecido neste regulamento. A súa decisión poderá ser, en todo caso, recorrida perante a Xunta de Goberno. Artigo 15.- Os profesores, axudantes e bolseiros que soliciten o ingreso nun centro xa creado deberán contar coa autorización previa do consello de departamento para desenvolver no centro a totalidade ou parte da súa xornada investigadora. No caso de que o departamento lle denegue a autorización, o interesado poderá recorrer este acordo perante a Xunta de Goberno. Título IV. Dos órganos de goberno dos centros Artigo 16. 1.- Os órganos de goberno dos centros serán:
a. O Consello de Centro. b. O director. c. O secretario. 2.- O Consello de Centro estará composto por: a. O director do centro, que o convocará e presidirá. b. O secretario do centro, que o será tamén do Consello do Centro. c. Un representante da Xunta de Goberno da Universidade nomeado polo rector. d. Os membros do persoal do centro que especifique o seu regulamento de réxime interno. Artigo 17.- Serán funcións do Consello de Centro: a. Elixi-lo director do centro e propoñe-lo seu nomeamento ó rector e, de se-lo caso, a súa remoción mediante acordo adoptado do xeito que estableza o regulamento de réxime interno. b. Aproba-lo orzamento e a programación anual das actividades do centro. c. Aproba-la memoria anual de actividades e a memoria económica. d. Aproba-lo ingreso de novos membros do persoal científico do centro e o seu cesamento. e. Emitir informes sobre os contratos do centro e dos seus profesores ós que se refire o artigo 23 deste regulamento. f. Propoñer á Xunta de Goberno a aprobación ou modificación do regulamento do centro. g. Aqueloutras que estableza o seu regulamento de réxime interno en desenvolvemento dos Estatutos ou deste regulamento. Artigo 18. 1.- O director do centro será un funcionario dos corpos docentes universitarios da USC, co título de doutor e dedicación a tempo completo. 2.- A duración do seu mandato será fixada polo regulamento de réxime interno do centro, e en ningún caso será superior a catro anos, non podendo desempeñar máis de dous mandatos consecutivos. Artigo 19.- Correspóndelle ó director: a. Convocar e presidir as reunións do Consello do Centro, e executa-los seus acordos. b. Representa-lo Centro no ámbito da súa competencia. c. Elabora-las propostas anuais de programación e o orzamento do centro. d. Redacta-la memoria de actividades e a memoria económica. e. Nomea-lo secretario. f. Dirixir e coordina-las actividades do centro. g. Autoriza-los gastos dentro do orzamento anual. Artigo 20.- O secretario será nomeado polo director entre os membros do Consello de Centro. Artigo 21.- Son funcións do secretario: a. Redacta-las actas das sesións do Consello do Centro.
b. Custodia-los arquivos e a documentación do centro. c. Expedi-las certificacións no ámbito da súa competencia. Título V. Do réxime económico dos centros Artigo 22.- O financiamento da actividade investigadora do centro produciráse pola vía de recursos externos. Só excepcionalmente poderán ter asignacións específicas nos orzamentos da Universidade, e poderáselles asignar persoal de administración e servicios con cargo ós recursos comúns da USC. Artigo 23.- Os centros e o seu profesorado a través deles, poderán contratar con entidades públicas e privadas e con persoas físicas a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, así como o desenvolvemento de cursos de especialización, nas condicións establecidas na Lei de reforma universitaria e nos Estatutos da USC. Artigo 24.- Os bens inventariables que adquiran os centros ou os seus investigadores para o cumprimento deses contratos serán propiedade da USC. En caso de investigacións ou cursos con financiamento compartido con outras institucións ou empresas, establecerase un convenio particular para establece-las propiedades dos bens adquiridos con ese financiamento e a propiedade das patentes ou modelos de utilidade a que desen lugar. Disposición adicional En todo aquilo non establecido neste regulamento os centros rexeranse polas disposicións legais e estatutarias que lles sexan aplicables. Disposición final O presente regulamento entrará en vigor ó día seguinte da súa aprobación polo Claustro Universitario da USC.