scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

As posiblidades da formación en voz cantada na resolución de conflitos e na mediación escolar

Casal de la Fuente, Lucía

Abstract

O canto colectivo, por ser unha expresión artística na que se traballa en grupo, implica en certa forma un xeito de compartir e de negociar. Sostense a afirmación de que a través do canto pódese traballar a prevención en resolución de conflitos, e incluso a mediación, no espazo escolar. Ofrécense pautas sobre como traballar transversalmente a mediación e a resolución de conflitos no ámbito escolar a través da arte en xeral e do canto en grupo en particular, aludindo a experiencias que o proban. Introdúcese o concepto de cantoterapia e explícanse as súas características máis xerais para centrarse nas particulares da cantoterapia activa, é dicir, na cal se fai música (cántase), e en definitiva, na que se crea, a cal ocupa a maior importancia na presente comunicación. Para crear algo en grupo necesitamos tomar decisións, algo básico para a resolución de conflitos e a mediación e por iso crese que o canto colectivo podería axudar neste aspecto

Full text

AS POSIBLIDADES DA FORMACIÓN EN VOZ CANTADA NA RESOLUCIÓN DE CONFLITOS E NA MEDIACIÓN ESCOLAR Lucía Casal de la Fuente Universidade de Santiago de Compostela [email protected] RESUMO:O canto colectivo, por ser unha expresión artística na que se traballa en grupo, implica en certa forma un xeito de compartir e de negociar. Sostense a afirmación de que a través do canto pódese traballar a prevención en resolución de conflitos, e incluso a mediación, no espazo escolar. Ofrécense pautas sobre como traballar transversalmente a mediación e a resolución de conflitos no ámbito escolar a través da arte en xeral e do canto en grupo en particular, aludindo a experiencias que o proban. Introdúcese o concepto de cantoterapia e explícanse as súas características máis xerais para centrarse nas particulares da cantoterapia activa, é dicir, na cal se fai música (cántase), e en definitiva, na que se crea, a cal ocupa a maior importancia na presente comunicación. Para crear algo en grupo necesitamos tomar decisións, algo básico para a resolución de conflitos e a mediación e por iso crese que o canto colectivo podería axudar neste aspecto. Introdución Nos tempos que corren xa non dubidamos do enorme potencial educativo da mediación escolar para contribuír ao pleno desenvolvemento dos/as nenos/as e mozos/as. Son moitas as razóns que apoian esta afirmación, mais destácase ante todo a comprensión que dende a mediación escolar se fai das relacións humanas, que non é outra que dende unha perspectiva de igualdade. Tal é o valor desta óptica de paridade, que propicia e deriva nunha forma de entender o mundo, “nunha verdadeira forma de cultura” (Viana-Orta, 2013: 32). Como moitos/as autores/as xa sinalaron (Redorta, 2007; Suares, 2008; García-Raga, Martínez-Usarralde, & Sahuquillo, 2012), a mediación pode, polo tanto, ser un motor de cambio social. O canto resulta unha forma dinámica e creativa de compromiso. Inflúe nas seis capacidades que as persoas posuímos para aprender: física, emocional, cognitiva, intuitiva/metafórica, espiritual e relacional; é por isto que Joyce (1996)considérao unha ferramenta de aprendizaxe. Sabemos ademais que o canto conecta as funcións do hemisferio dereito e esquerdo do cerebro e propicia o pensamento lateral, o cal resulta básico na resolución creativa de problemas. A música e o canto posúen un compoñente socio-afectivo de identidade e xénero, sentimento de grupo, exhibición, diversión, relacións, evasión, sobre todo de forma Atas do XII Congresso Internacional Galego-Português de Psicopedagogia. Braga: Universidade do Minho, 2013 ISBN: 978-989-8525-22-2 142 acentuada nos/as nenos/as e mozos/as. Campbell (1998) sostén que os/as nenos/as son musicais por natureza e a voz constitúe un dos alicerces básicos da educación musical, posto que posúe múltiples posibilidades educativas e expresivas. Deste xeito, o/a neno/a goza cantando porque esta acción leva implícito o xogo. Trátase dunha actividade social que permite reafirmarse e reencontrarse a si mesmo/a ao escoitarse e incluso ao mostrarse aos/ás demais cando lle escoitan. Turton e Durrant (1992: 47), sosteñen que o canto axuda a aumentar a confianza nun/ha mesmo/a á vez que intervén na construción de identidade dentro do grupo.Dito con outras verbas, o canto é un instrumento a través do cal se poden adquirir diferentes habilidades, pois leva implícito expresar o significado do texto que o acompaña (Camara, 2003). Por estas e moitas outras razóns, recoñecidos/as autores/as e pedagogos/as insistiron e plasmaron nos seus escritos os beneficios e a importancia do canto na escola, como por exemplo, Szonyi (1976); Orff (1954); Paynter (1972); Schafer (1970), etc. A cantoterapia e o canto en grupo Os gabinetes ou consultas de terapia tradicional están máis habituados a recibir persoas que, ante un problema, buscan un apoio profesional para poder afrontalo, mais a cantoterapia pódese tamén entender e traballar dende a prevención, como defende a cantoterapeuta italiana Mirella de Fonzo, afirmando que “a educación vocal podería combater eficazmente a desviación social, a dispersión escolar e tamén previr o malestar xuvenil” (De Fonzo, 2012: 17).Atreveríame a definir a cantoterapia como a formación en voz cantada para a mellora da calidade da vida das persoas. Entre os usuarios da terapia cantora que figuran no libro de De Fonzo (2012) destácanse as persoas con dificultade de comunicación e socialización ou con escasa expresividade. O traballo da voz cantada incluso pode axudar ás persoas que desexan sentirse máis seguras de si mesmas para ser mellores comunicadores/as nas relacións persoais e profesionais. O canto aumenta a autoestima (Dos Santos & Da Silva, 2009) e reduce a tensión (stress), os sentimentos depresivos e a ansia. Diminúe o medo, a vergoña ou o sentido de culpabilidade. As orixes do estudo dos beneficios do canto en grupo ou coro remóntanse a aproximadamente o século XIX. Zoltán Kodály deixounos a práctica didáctica do seu Atas do XII Congresso Internacional Galego-Português de Psicopedagogia. Braga: Universidade do Minho, 2013 ISBN: 978-989-8525-22-2 143 “método coral”. Defendía que antes de crear instrumentistas era fundamental crear coristas e reiterou o uso repetitivo e prolongado no tempo da sonoridade vocal para desenvolver o proceso natural de adaptación e comunicación. Múltiples son as experiencias que se levaron a cabo en toda esta franxa de tempo ata a actualidade, que proban o potencial do canto na axuda ao benestar das persoas, tanto a nivel grupal como a nivel individual (Casal, 2012a; De Fonzo, 2012 e 2010;Da Silva &Silva, 2010; Dos Santos & Da Silva, 2009; Camara, 2003; Joyce,1996, etc.). A relación entre a mediación e a práctica coral Como xa se explicou ao inicio desta comunicación, a mediación parte dunha perspectiva de igualdade, perspectiva que se comparte dende o traballo en grupo da voz. Nun coro cada persoa ten a súa función e o seu momento de intervención. Ao traballar por cordas (barítonos, mezzosopranos, etc.), cada individuo dentro do seu subgrupo, caracterizado pola singularidade da súa voz, ten unha responsabilidade tripla: co director/a, coa súa corda e co gran grupo. E dentro da súa corda, sen dúbida ningunha está a un mesmo nivel de igualdade e de responsabilidade. Por unha banda, o canto en grupo ou colectivo é unha actividade social, é dicir, axuda a encamiñar e manter as relacións sociais. Consigue que se poda chegar a crear entre as persoas que participan nun coro ou combo vocal un lazo de intersección que aporta unha identidade común mais diferente á suma dos individuos. No canto en grupo créase, e a sensación de satisfacción que se pode chegar a dar é tal que fai unidade e consecuentemente fai sociedade. Por outra banda, na mediación preténdese chegar a un ou varios acordos, e podemos asentir que tamén se trata dunha actividade social, pois nela participan persoas que tratan de emendar unha cuestión dunha forma pacífica, o que fai que o acto sexa socialmente concibido e considerado. Remarcouse a idea de que o canto propicia o pensamento lateral, que resulta fundamental na resolución de problemas. Baixo esta premisa, podemos afirmar que a formación en voz cantada de escolares facilita os procesos de mediación. Isto explicaríase do seguinte xeito. A mediación xorde cando hai un problema, que entre as partes afectadas non se dá arranxado. Polo tanto, trátase de buscar unha solución a través dun/ha mediador/a que intentará visualizar o problema, facilitar o entendemento, propiciar a igualdade e favorecer a empatía. Entón, se na mediación tratamos de Atas do XII Congresso Internacional Galego-Português de Psicopedagogia. Braga: Universidade do Minho, 2013 ISBN: 978-989-8525-22-2 144 arranxar un problema e o canto favorece o pensamento lateral, que é básico na resolución de problemas, claramente observamos unha relación entre canto e mediación. Se ademais no combo vocal ou coro se traballa a improvisación, traballamos sen dúbida algunha a resolución de problemas, pois escoller un ton e non outro, unha melodía que ascende ou descende, un silencio... facer un crescendo ou diminuendo… escoller unha opción ou outra na improvisación vocal estamos sen dúbida optando por un camiño (Casal, 2012b)… e na resolución de problemas tamén temos que optar por un camiño, así como na mediación escolar, unha vía que satisfaga ás partes na maior medida do posible. Vimos igualmente que a voz axuda a desenvolver as posibilidades educativas e expresivas. Sabemos que na mediación as partes deben expresarse, e han de facelo de forma clara para chegar a un máximo entendemento de posturas. Se o canto axuda a expresarse, a mediación poderá levarse a cabo dunha forma máis fluída. Ao fin e ao cabo, canto e mediación son procesos de comunicación: o canto busca comunicar a través da voz con melodía, e a mediación busca a comunicación a través da voz falada. Non podemos esquecer que, como se salientou anteriormente, o canto en grupo permite mostrar, mostrarse, escoitar e escoitarse. É importantísimo atender as indicacións do/a director/a do grupo, percibir as outras cordas e discriminalas (escoitar); así como diferenciar e ser capaces de percibir a nosa voz do resto das cordas e dentro da nosa propia corda (escoitarse). Isto lembra á “Teoría da escoita” que Quiñones (1997: 67-68) recolle no seu libro dunha forma moi clara e que desenvolve os seguintes puntos. O primeiro, “escoito”, recibo a información do/a/s interlocutor/a/es/as e identifícoos/as. O segundo, “escóitome”, escoito como desenvolvo a miña información, escoito a miña propia voz no espazo e experimento as sensacións sonoras recoñecendo a miña propia voz. E o terceiro, “escoito como me escoitades”, onde a autora destaca a importancia de valorar o ruído ambiental antes de emitir a voz, para actuar de acordo con el. Neste último punto esta fonoterapeuta e profesora de canto recorda a importancia de escoitar o silencio. Discusión e conclusións Certos estudos recentes avalan que en España a mediación escolar está a desenvolverse positivamente (Viana-Orta, 2013). A participación nun proceso de Atas do XII Congresso Internacional Galego-Português de Psicopedagogia. Braga: Universidade do Minho, 2013 ISBN: 978-989-8525-22-2 145 mediación implica unha serie de experiencias significativas de vida e de aprendizaxe relacionados co desenvolvemento de competencias persoais e sociais, esenciais para a formación de cidadáns/ás activos/as e responsables. Polo tanto, a mediación escolar resulta moi significativa para os/as nenos/as e mozos/as, pois durante os anos de escolarización están sometidos a un proceso de desenvolvemento persoal e social. Como apuntan expertos/as do tema (por exemplo, Da Silva & Dos Santos, 2009) as actividades de musicoterapia serven como vínculo e sociabilidade, e é precisamente o que se tratou de explicar neste texto. En definitiva, través da formación en voz cantada e canto en grupo podemos mellorar: a comunicación, a escoita, a autoestima, a sociabilidade, a expresividade e forma de expresarnos, a resolución de problemas (estimulando con elo o pensamento lateral do cerebro) e remarcar o principio de igualdade entre os seres humanos; principios tamén elementais nos procesos de mediación escolar ben fundamentados, traballados, planificados e executados. Referencias bibliográficas Camara Izaguirre, A. (2003). El canto colectivo en la escuela. Revista de Psicodidáctica, 15-16, pp. 105-110. Campbell, P.S. (1998). Songs in their heads. Music and its meaning in children’s lives. New York: Oxford UniversityPress. Casal de la Fuente, L. (2012a). A voz cantada como facilitadora dos procesos de participación con colectivos vulnerables. Traballo de Fin de Mestrado presentado no Mestrado de Procesos de Formación en xullo de 2012. Santiago de Compostela: Facultade de Ciencias da Educación, Departamento de Didáctica e Organización Escolar. Casal de la Fuente, L. (2012b). El déficit en resolución de problemas en mujeres víctimas de violencia de género y su mejora a través del canto. Congreso Internacional “Mediación y Violencia de Género”, 29-31 octubre. Santiago de Compostela: Facultad de Derecho. En prensa. De Fonzo, M. (2012). Canta che ti passa. Roma: Sovera Edizioni. De Fonzo, M. (2010). Cantoterapia. Il teorema del canto. Roma: Armando Editore. Da Silva Carminatti, J. & Silva Krug, J. (2010). A prática de canto coral e o desenvolvimento de habilidades sociais. Pensamiento Psicológico,7(14), pp. 8196. Da Silva de Souza, F. & Dos Santos, M. (2009). O corpo na música, a música no corpo: a comunidade em um processo de integração. Extensio: Revista Eletrônica de Extensão. Ano 6, nº 7, Julho de 2009, pp. 110-116. doi: 10.5007/18070221.2009v6n7p110. García-Raga, L., Martínez-Usarralde, M. J., & Sahuquillo, P. (2012). Hacia una cultura de convivencia. La mediación como herramienta socioeducativa. Cultura y educación,24(2), pp. 207-217. Atas do XII Congresso Internacional Galego-Português de Psicopedagogia. Braga: Universidade do Minho, 2013 ISBN: 978-989-8525-22-2 146 Joyce, M. (1996). Turn off the radio and sing for your lives! Women, singing and experiential education. En K. Warren, Women's Voices in Experiential Education (pp. 253-266). Dubuque: Association for Experiential Education, Boulder, CO; Kendal/Hunt Publishing. Orff, C. (1954). Orff-Schulwerk. MusikfürKinder. London: Schott and Co.Ltd. Paynter, J. (1972). Oír, aquí y ahora. Buenos Aires: Ricordi Americana. Quiñones Etxeberría, C. (1997). El cuidado de la voz. Ejercicios prácticos. Madrid: Escuela Española. Redorta, J. (2007). Entender el conflicto. La forma como herramienta. Barcelona: Paidós Ibérica. Schafer, R.M. (1992). Cuando las palabras cantan. Buenos Aires: Ricordi Americana. Suares, M. (2008). Mediación. Conducción de disputas, comunicación y técnicas.Buenos Aires: Paidós. Szonyi, E. (1976). La educación musical en Hungría a través del método Kodály. Budapest: Editorial Corvina. Turton, A. & Durrant, C. (1992). A study of adults’attitudes, perceptions and reflections on their singing experience in secondary school: some implications for music education. British Journal of Music Education, 19, pp. 31-48. Viana-Orta, M.I. (2013). Aims or purposes of school mediation in Spain. New approaches in educational research,2(1), January 2013,pp. 32–38. Atas do XII Congresso Internacional Galego-Português de Psicopedagogia. Braga: Universidade do Minho, 2013 ISBN: 978-989-8525-22-2 147 voltar