scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

"A cámara negra" de Eugenio Granell / tradución do castelán ao galego por Laura Paz Fentanes

Granell, Eugenio F.; Paz Fentanes, Laura

Full text

100 | EVOHÉ A cámara negra, de Eugenio Granell Tradución do castelán ao galego por Laura Paz Fentanes Soou o timbre. Coa súa estridencia habitual anunciaba a hora da clase de xeometría. O salón era negro: as paredes e o piso, os mobles e o teito. Os alumnos ían así mesmo vestidos. O xiz recibía o estraño prestixio da súa distinción inconfundíbel. Así facíase posíbel concertar a atención, sen xénero ningún de perturbacións, no problema que se desenvolvese no marco imperceptíbel do enorme encerado. Só as faces e as mans dos estudantes competían en brancura cos sinais albinos. Mais aínda non había trazos de xénero ningún. Seguía soando o timbre. A clase ía comezar. Daría comezo como de costume: ao principio, todo negro —agás as mans e as faces. Logo, pouco a pouco, o xiz iría revelando en tal mundo apagado a súa autobiografía de caracol máxico. O timbre cesou. A cámara negra fíxose caixa de silencio. Entón foi cando entrou o Profesor. Nin el dixo nada nin nada lle dixeron. Dirixiuse cara ao atril, fronte ao taboleiro. Coa súa rixidez acostumada encarouse cun dos estudantes mediante un breve xesto. Esta vez o estudante era unha estudanta, que elevou o seu rostro por sobre os círculos das demais caras. Coñecendo a simboloxía dos xestos, a estudanta alzou a man para lanzar o xiz polo aire, pois, polos seus méritos, era a ela a quen lle correspondía executar este ritual. Como se encontraba na última fila tivo que facer un gran esforzo para que o xiz alcanzase o extremo oposto da sala. O Profesor recolleuna con gran facilidade. Nin sequera tivo que moverse. Apenas alzou un pouco a man dereita e oprimiu o cilindriño entre os dedos índice e polgar. Semellante estupenda naturalidade determinaba que os estudantes, acordes en telo por arisco e antipático, igualmente acordes, e así como o facían diariamente, o admirasen. O Profesor volveuse cara ao encerado. Non era difícil imaxinar en que estarían cavilando todos os estudantes. Conxecturaban: “Imos ver que demo de problema se lle ocorre hoxe”. O Profesor trazou unha perpendicular, perfecta de arriba a abaixo. E iso que mediría moi cerca de dous metros! Non era estraño, polo tanto, que os estudantes desorbitaran os ollos do asomo. O Profesor repetiu o alarde, cunha variación: outra liña, paralela á anterior, produciuse dun golpe dende abaixo até arriba. A admiración tomou formas distintas: —Que tío! —pensou un estudante. Outro díxose: —Por algo é o autor do Tratado da recta uniforme . E outro cavilou, tamén pola súa conta: —Agora si que creo que aos seis anos de idade era capaz de resolver problemas no chan co relevo brando da pasta de dentes! O Profesor, case sen deterse —e, dende logo, sen pensalo sequera—, fixo o resto. O resto, moi sinxelo, consistiu en unir ambos segmentos, que lle saíran tan iguais e perpendiculares, mediante outras dúas paralelas horizontais. Só que estas medirían pouco máis dun metro. Así é como quedou Monográfico CARMEN BLANCO | 101 marcada no taboleiro invisíbel a figura dun rectángulo impecábel. Un estudante, entusiasmado, non puido reprimirse: —Arrea co rectángulo! Non debeu dicilo. O Profesor volveu a face para miralo moi severamente. Os demais estudantes sentíronse cohibidos polo exabrupto do seu compañeiro. Cada cal miraba fixamente aquel sucinto alarde de rigorosidade. O relouco íntimo que adoita derivarse da contemplación de todo dato exacto, comezaba a moldear o orgullo colectivo. Mais este magnetismo non chegou a callar porque, de súpeto, a clase apercibiuse de que alí ocorría algo inexplicábel. O rectángulo esfumárase. Non ficaba rastro da súa previa auréola. Todo volvera ao negror total —facianas exceptuadas— propio daquela cámara. E no mesmo momento no que os estudantes parecían dispostos a exteriorizar a súa alarma polo acontecido, o rectángulo, perfecto, apareceu de novo. Que respiro de alivio! Alí estaba, o rectángulo. —Como?! —berrou un estudante. A clase ollouno, absorta. Mais el tiña razón, xa que se o rectángulo, certo, se vía perfectamente, ninguén podía, pola contra, dar co Profesor. Esa si que era boa! Polo tanto, o estudante que se interrogara “Como?”, non fixera máis que anticipar o estupor do resto da clase. —Onde está o Profesor? —Onde vai estar? O Profesor non entrou aínda. —Eu vino entrar! —asegurou alguén. Varios estudantes deixaron os seus pupitres e rodearon ao que afirmara ter visto ao Profesor. —Estás seguro? —Víchelo? O interpelado irritouse: —É que sodes parvos? Vímolo todos! Dado que o miraban como se dixera unha monstruosidade, case rectificou: —Ben! Creo que podería aseguralo… Iso me pareceu. A estudanta do último pupitre observou: —Entre parecer e certeza hai un abismo. O estudante así posto en cuestión, que era o primeiro que manifestara a súa admiración rectangular, repúxolle: —Anda esta! Pero se ti fuches quen lle arroxou o xiz. A estudanta, que case se turbou, quixo xustificarse: —Talvez foi un movemento mecánico, o meu. Ouvín o timbre e logo, ao cesar, crin ver o seu xesto e reaccionei por costume. Acaso así fose. Porén, entón, onde estaba o xiz? Era o que dicían todos. Onde estaba? Os estudantes comezaron a buscalo. Movían os pupitres, tropezaban entre si, pasaban o dedo pola beira que xunta o piso e a parede, sacudíanse os brazos e as pernas e rascábanse as solas. Ao tropezar uns cos outros, dicíanse “Dispensa!”, e “Non importa, rapaz!”; mais pronto mudaron a “Ten coidado, ti!” e “Vai de aí!”. E enseguida armouse grande algarabía, puntuada por ollares de asañamento e xestos de ameaza. Segundo se revelaba inútil a busca subía o barullo. O xiz non aparecía. Os estudantes rexistráronse os petos. Un meteuse os dedos nas orellas e na 102 | EVOHÉ boca —ben, ao revés—, a ver se estaría alí, por un casual. Algúns chegaron ata a espirse, volvendo a vestirse tan pronto comprobaban que alí non se achaba fragmento ningún do inconsistente obxecto da investigación. Era evidente que o xiz desaparecera do salón. Así pois, se o Profesor non entrara aínda, o xiz, en cambio, volatilizárase. Un estudante subiuse a un pupitre: —Deixádeme falar, por favor! Había demasiado barullo e preocupación, e ninguén o ouvía. Tivo que vociferar insistente, esgorxándose: —Ei, ei! Deixádeme falar! A estudanta da última fila reparou nel e berrou: —Silencio, silencio, que ese quere dicir algo! Por fin prestáronlle atención. A ver que querería. O estudante empoleirado ao pupitre razoou así: —Paréceme que todo é moi simple. Ao ouvir o timbre, axustamos o noso ánimo ao costume. Calquera ruído finxiunos ao Profesor. Logo, o movemento que fixo ela levounos a supor a existencia do xiz. Mais o que eu creo é que nin o Profesor entrou na clase, nin o xiz foi ás súas mans polo aire. Fomos vítimas dunha alucinación colectiva. —Iso é. Foi unha alucinación. —Claro! Iso tivo que ser. Era unha conveniente hipótese, só que demasiado hipotética. Por unha razón ben simple. O suposto da repentina aparición do Profesor e do xiz podería explicarse pola teoría alucinatoria: a súa desaparición proviña de non ter aparecido. Mais a partir de aquí é cando as cousas, no canto de aclararse, facíanse máis confusas. Porque, de non ter habido xiz e se o Profesor nin sequera se presentara na cámara negra, como explicar a patente presencia no encerado do enorme rectángulo perfecto? A axitación mudou a pavoroso mutismo. Todos formulábanse idéntica pregunta: de onde saíra aquel rectángulo? De súpeto, na cámara negra non se ouvía nin o sopro da respiración. Só que o silencio estaba incubando un xordo sentimento de hostilidade. Cada estudante prefería dubidar de todos os demais antes que de si mesmo. Esta recíproca desconfianza íntima converteuse enseguida en manifesta agresividade. Cada cal sentíase burlado por todos os demais. Os estudantes achegábanse ao encerado. Querían constatar e palpar con ollos e con mans aquela desconcertante evidencia visual. Mais antes de acadar o nivel do atril, un ouveo furioso desatou os ánimos. Era dun estudante, que semellaba ter enlouquecido. Dirixiuse á estudanta da última fila e agarrouna polos cabelos. A rapaza enmudeceu, espantada, mentres o seu atacante a facía quebrarse contra a aresta dun pupitre. Varios compañeiros apresuráronse a protexela. Outros suxeitaron ao furioso agresor. Aumentaron as voces e o tumulto. Ouvíanse insultos, palabras negras como aquela cámara, e tan indicíbeis como o abrancazado paralelogramo. —Que paralelogramo nin que narices? —isto foi o que ouveou outro estudante, o cal asegurou—: Pero se aí non hai rectángulo ningún! Todos ollaron cara ao encerado. Aparecía completamente negro, inmaculado, virxe do menor trazo. Polo tanto, xa sen motivo aparente para os Monográfico CARMEN BLANCO | 103 temores, refíxose a calma. Mais o cambio de ánimo non chegou a prosperar. A calma non era máis que un sinal: o terror. Os estudantes non estaban tranquilos, nin moitísimo menos. Inmobilizábaos algo desconcertante; alí non se vía, sen dúbida, o maldito rectángulo; mais si podía verse, pola contra, ao Profesor. E tiña na man o pequeno cilindro branco! O Profesor comprendeu no acto a causa do horror manifesto en todas as faces. Por iso, mentres movía o xiz entre os dedos, e como subliñando as palabras, explicou: —É que me esquecera de algo, e saín un momento. Descendeu a tensión. Agora comezará a clase, pensaron os estudantes en conxunto. Mais a clase non comezaba aínda, porque o Profesor non rematara de dicir o que tiña que dicirlles: —A señorita lanzoume o xiz. É este que teño aquí. Que tipo tan chocante!, pensaban algúns. Outros crían que, despois de todo, a súa sequidade ocultaba un formidábel sentido do humor. O Profesor continuou: —Tan pronto como recollín o xiz, lembrei que me esquecera de algo. Por iso tracei o rectángulo… Os estudantes escachaban de risa. Era un fulano churrusqueirísimo, o profesor aquel! Un dos alumnos, moi alegre, ousou preguntarlle: —Profesor…! Como puido vostede saír con tanta rapidez que ningún de nós puido velo ir até a porta? —É que saín polo rectángulo. Por iso o tracei. Xa ninguén lembraba o terror anterior. A clase enteira uníase nunha estrepitosa gargallada. Era imposíbel que puidese atoparse a ninguén máis ocorrente. O Profesor volveu a debuxar coa súa estraña destreza o rectángulo perfecto, de tamaño natural, como unha porta. Á dereita, á altura do embigo, pouco máis ou menos, marcou un puntiño. Pareceu que forcexaba co xiz, imprimíndolle á man un brusco movemento xiratorio. Logo empurrou o rectángulo, que se esvaeceu, e por alí tamén se foi, ou se esvaeceu, o Profesor. Coa súa estridencia habitual soou o timbre que anunciaba a hora da clase de xeometría. Ía comezar, como sempre, na cámara onde todo era negro: as paredes e o piso, os mobles e o teito… “Autorretrato” de Eugenio Granell