Acordo do Consello de Goberno do 29-07-2016 polo que se aproba o Regulamento de réximen interno do Instituto da Lingua Galega
Full text
REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DO INSTITUTO DA LINGUA GALEGA O Instituto da Lingua Galega (ILG) é un instituto universitario de investigación propio da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O ILG cumpre os requirimentos para a constitución de institutos universitarios de investigación esixidos tanto na Lei Orgánica de Universidades (LO 6/2001, de 21 de decembro, modificada pola LO 4/2007, de 12 de abril) coma nos propios Estatutos da USC. Deste xeito, o ILG é un centro destinado á investigación científica e técnica da lingua propia de Galicia, presta asesoramento técnico sobre esta materia, promove a formación neste ámbito, organiza cursos e encontros de carácter científico e está capacitado para desenvolver programas e estudos de doutoramento e de posgrao. A acta fundacional do ILG foi asinada o 26 de xullo de 1971 e contén os seus primeiros estatutos. Desde entón a normativa de funcionamento revisouse en diversas ocasións co fin de axustarse ao establecido nas leis e normas de carácter xeral vixentes en cada momento. A última revisión do seu Regulamento de Réxime Interno, o vixente ata o momento da aprobación do presente texto, tivo lugar en 2007. Desde a súa creación este Instituto vén desenvolvendo ininterrompidamente traballos de investigación sobre a lingua galega, de difusión do seu coñecemento e de impulso da súa normalización social, e desempeñou un papel central na codificación do galego. O labor realizado durante estes anos levou o ILG a converterse nunha institución de referencia dentro da lingüística galega. Na actualidade o ILG reafírmase no seu compromiso coa innovación e o desenvolvemento da investigacio n linguística, coa divulgación de coñecemento e coa promoción da normalización social do galego, como forma de contribuír ao desenvolvemento científico, cultural e social de Galicia e dos territorios exteriores de lingua galega. TÍTULO I DA NATUREZA E OBXECTIVOS DO ILG Artigo 1° O Instituto da Lingua Galega configúrase como un instituto universitario propio, dedicado especialmente á investigación no campo da lingua galega en todos os seus aspectos. Ademais, de acordo co establecido na lexislación vixente, esta condición capacítao para desenvolver programas e estudos de doutoramento e de posgrao, e para prestar asesoramento técnico no marco da súa competencia. Artigo 2° O ILG rexerase pola lexislación estatal e autonómica de aplicación e mais polo disposto nos Estatutos da USC e neste regulamento. Artigo 3°.- Obxectivos
Os obxectivos do ILG son: a) Desenvolver a investigacio n cientí fica e te cnica no campo da linguística e filoloxía galegas. b) Poñer á disposición da comunidade investigadora e da sociedade en xeral os resultados das investigacións e o coñecemento sobre a lingua galega. c) Desenvolver ferramentas tecnolóxicas que poidan ser de aplicación para a investigación sobre a lingua galega e para a difusión dos seus resultados. d) Programar ou promover actividades formativas dirixidas a estudantes de posgrao e desenvolver actividades de especialización e de formación continua dirixidas a profesionais relacionados coa lingua galega. e) Prestar asesoramento técnico institucional en materias relacionadas co seu ámbito de estudo. f) Promover e colaborar na organización de debates, xornadas, congresos, reunións científicas, seminarios e actividades análogas que estean en conexión coa natureza e funcións propias do ILG. g) Contribuír á normalización da lingua galega, especialmente nos territorios galegófonos. Artigo 4°.- Relacións de colaboración Para a consecución dos seus obxectivos, o ILG poderá promover a colaboración con outros institutos, departamentos, grupos de investigación e centros da USC ou doutras universidades, así como con entidades públicas ou privadas, sempre de acordo coas normas vixentes para a formalización de contratos e convenios. TÍTULO II DOS ÓRGANOS DE GOBERNO Artigo 5° O ILG ten órganos de goberno colexiados e individuais. Os órganos colexiados son a Xunta de Goberno, o Consello Científico e a Comisión Permanente. Os órganos individuais son o director e o secretario. Artigo 6º O ILG poderá dotarse, ademais, dun Comité Asesor Externo formado por investigadores de recoñecido prestixio, con funcións de orientación, acompañamento e avaliación da actividade investigadora do Instituto e dos seus membros. A Xunta de Goberno Artigo 7°.- Composición A Xunta de Goberno do ILG está formada por: a) O reitor da USC, ou vicerreitor en quen delegue, que a convocará e presidirá. b) O vicerreitor da USC con competencias en materia de investigación. c) Un representante da Secretarí a Xeral de Polí tica Linguística da Xunta de Galicia ou do departamento con competencias nesta materia dentro da administración autonómica. d) Un representante do departamento ou departamentos da Xunta de Galicia con competencias en materia de investigación.
e) Un representante da Real Academia Galega. f) Un representante do Consello da Cultura Galega. g) Un representante da Fundación Barrié. h) O decano da Facultade de Filoloxía da USC. i) O director do Departamento de Filoloxía Galega da USC. j) O director do Instituto da Lingua Galega. k) O secretario do Instituto da Lingua Galega, que o será tamén da Xunta de Goberno. Artigo 8°.- Funcións Son funcións da Xunta de Goberno: a) Elixir o director do ILG a proposta do Consello Científico e, de darse o caso, propoñerlle a súa remoción ao reitor, mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros. b) Propoñerlle o orzamento e a programación anuais do Instituto ao Consello de Goberno da USC. c) Aprobar a memoria de actividades e a memoria económica anuais, das cales se dará conta ao Consello de Goberno da USC. d) Promover o financiamento e a dotación necesarios para o normal funcionamento do Instituto e para a consecución dos seus obxectivos. e) Propoñer ao Consello de Goberno da USC a incorporación á Xunta de Goberno de novos membros, en representación da comunidade universitaria ou de institucións públicas ou privadas. f) Propoñer ao Consello de Goberno da USC a modificación do presente regulamento de acordo co preceptuado no seu Título VI. g) Resolver sobre aquelas cuestións que o Consello Científico someta á súa consideración. Artigo 9°.- Funcionamento 1. A Xunta de Goberno reunirase polo menos unha vez ao ano en sesión ordinaria, convocada polo seu presidente, e con carácter extraordinario sempre que se considere necesario, por iniciativa do presidente ou a pedimento dun terzo dos seus membros. 2. Para a súa constitución e funcionamento, a Xunta de Goberno do ILG rexerase polo establecido nos Estatutos da USC para os órganos de goberno colexiados. O Consello Científico Artigo 10° O Consello Científico é o órgano ordinario de goberno do ILG encargado de programar e supervisar a súa actividade investigadora e docente. Artigo 11°.- Composición O Consello Científico está formado por: a) O director do ILG, que o convocará e presidirá. b) O secretario do ILG, que o será tamén do Consello Científico. c) Todos os membros doutores do Persoal Docente e Investigador con vinculación permanente á USC membros do Instituto, que representarán o 70% do total de membros do Consello Científico.
d) Unha representación dos investigadores colaboradores con título de doutor e dos investigadores posdoutorais sen vinculación permanente á USC, que suporá o 15% do total de membros do Consello Científico. Esta representación será elixida por votación entre os membros deste sector. En todo caso, os demais investigadores colaboradores e posdoutorais sen vinculación permanente poderán, se o solicitan, asistir ás reunións do Consello Científico e participar nelas con voz pero sen voto. e) Unha representación do persoal investigador non doutor vinculado contractualmente ao Instituto, que suporá o 15% do total de membros do Consello Científico. Esta representación distribuirase do seguinte xeito entre os distintos sectores que integran este colectivo: 10% para o persoal investigador con contrato predoutoral e 5% para o persoal contratado para tarefas de apoio á investigación. Esta representación será elixida polos sectores correspondentes entre os seus membros. Artigo 12°.- Funcións Son funcións do Consello Científico: a) Propoñer á Xunta de Goberno o nomeamento do director do Instituto. b) Aprobar o ingreso de novos membros do persoal científico do Instituto e o seu cesamento. c) Emitir informe sobre as propostas de programas, orzamentos e memoria económica e de actividades do Instituto. d) Elaborar a programación das actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do Instituto e velar pola súa execución. e) Emitir informe sobre os contratos e convenios subscritos polo Instituto ou polo seu persoal investigador. f) Aprobar as propostas de novos proxectos que se pretendan vincular ao Instituto. g) Aprobar a creación ou a supresión de seccións e designar as persoas responsables delas. h) Elixir os membros da Comisión Permanente, así como acordar a creación de comisións estables ou temporais e elixir os seus membros. i) Aprobar a convocatoria de contratos con cargo aos orzamentos do Instituto. j) Promover diante da Xunta de Goberno a modificación do Regulamento de Réxime Interno. k) Adoptar calquera outro tipo de acordos relativos ao funcionamento ordinario do Instituto que o presente Regulamento e a lexislación vixente non atribúan expresamente a outros órganos. Artigo 13°. Funcionamento 1. O Consello Científico reunirase en sesión ordinaria un mínimo de dúas veces ao ano en período lectivo. Ademais, sempre que sexa necesario, celebraranse sesións extraordinarias, ben por iniciativa do director ben por petición dun 15% dos seus membros. 2. A convocatoria coa orde do día da sesión deberá estar en poder dos membros do Consello Científico cunha antelación mínima de dous días hábiles, prazo no que tamén deberá estar ao seu dispor a documentación ou información relacionada cos asuntos da convocatoria. 3. A orde do día das sesións ordinarias fixaraa o director, asistido polo secretario. Entre os seus puntos deben figurar obrigatoriamente a aprobación da acta ou actas
anteriores, así como os asuntos de trámite e os rogos e preguntas. 4. A orde do día das sesións extraordinarias fixaraa o director, cando se convoquen por iniciativa súa, ou os membros do Consello que promovan a súa convocatoria. 5. Os membros do Consello Científico poderán propoñerlle á Dirección a inclusión de puntos na orde do día dunha sesión. As propostas avaladas pala sinatura dun 15% de membros do Consello terán que ser incluídas na orde do día da sesión inmediata. Noutros casos, o director decidirá sobre a pertinencia da súa inclusión. 6. As sesións do Consello Científico quedan constituídas validamente en primeira convocatoria ao estaren presentes polo menos a metade máis un dos seus membros e, en segunda convocatoria, co presenza do vinte e cinco por cento dos membros. Para a constitución válida do órgano teñen que estar presentes o director e o secretario, ou persoas que legalmente os substitúan. 7. O secretario levantará acta de cada sesión, especificando a orde do día, lugar e data, asistentes e puntos principais das deliberacións, xunto cos acordos adoptados. As actas das sesións aprobaranse na seguinte sesión ordinaria e serán asinadas polo director e polo secretario. 8. O Consello Científico poderá delegar en comisións o estudo e informe sobre as actividades docentes e investigadoras do Instituto. A Comisión Permanente Artigo 14º A Comisión Permanente ten como función a toma de decisión sobre asuntos relacionados coa xestión cotiá do Instituto que pola súa entidade ou urxencia o director decida someter á súa consideración. Artigo 15°.- Composición A Comisión Permanente está formada por: a) O director do Instituto, que a convocará e presidirá. b) O secretario do Instituto, que o será tamén da Comisión. c) Tres membros do Consello Científico elixidos por este, dos que polo menos dous serán doutores. Artigo 16°.- Funcionamento A Comisión Permanente reunirase por convocatoria do director e baixo a súa presidencia. Dos acordos adoptados pola Comisión Permanente darase conta na primeira sesión ordinaria que celebre o Consello Científico. O director ou directora Artigo 17° O director será elixido pola Xunta de Goberno do ILG, por proposta do seu Consello Científico, entre o persoal docente e investigador doutor da USC con vinculación permanente e dedicación a tempo completo, e que forme parte do seu Consello Científico. Artigo 18° O director ocupará o cargo por un período de catro anos e poderá ser reelixido. En
todo caso, de acordo co que establecen os Estatutos da Universidade para os órganos unipersoais electivos, o cargo de director non poderá ser exercido en máis de dous mandatos consecutivos. Artigo 19°.- Funcións Correspóndelle ao director do Instituto: a) Convocar e presidir as reunións do Consello Científico, executar os seus acordos e representalo diante da Xunta de Goberno. b) Representar o Instituto dentro do ámbito da súa competencia. c) Elaborar as propostas de orzamento e a programación do Instituto. d) Redactar a memoria de actividades e a memoria económica. e) Propoñerlle ao reitor o nomeamento do secretario. f) Dirixir e coordinar as actividades do Instituto. g) Autorizar os gastos dentro do orzamento anual. O secretario ou secretaria Artigo 20° O secretario será nomeado polo reitor, por proposta do director, entre o persoal científico do Instituto que reúna os requisitos establecidos no artigo 71 dos Estatutos ou entre o persoal funcionario dos subgrupos A1 e A2 que preste servizos no Instituto. Artigo 21°.- Funcións Correspóndelle ao secretario do Instituto: a) Dar fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Instituto e redactar e custodiar as súas actas. b) Custodiar os arquivos e a documentación administrativa do Instituto. c) Expedir as certificacións dos actos e acordos dos órganos de goberno. d) Supervisar o labor do persoal de administración e servizos. e) Auxiliar o director nas súas funcións. f) Coordinar e dar conta diante do Consello Científico das actividades do grupo de investigación do ILG. TÍTULO III DO PERSOAL Artigo 22° O persoal científico do ILG está formado por membros pertencentes ás seguintes categorías: a) Persoal docente e investigador da USC que desenvolve toda ou parte da súa actividade investigadora no marco de proxectos adscritos ao ILG. b) Persoal investigador pre e posdoutoral contratado ao abeiro de programas de ámbito autonómico, estatal ou europeo e adscrito ao ILG. c) Persoal contratado con cargo a actividades de investigación. d) Tamén poderá formar parte do persoal científico do ILG, en calidade de persoal investigador colaborador, o persoal docente e investigador doutras universidades ou doutros centros de investigación que colabore nun proxecto adscrito ao ILG, e o persoal investigador non pertencente á comunidade universitaria que sen relación
contractual colabore nun proxecto adscrito ao ILG. En calquera caso, a condición de investigador colaborador non implica a existencia de ningún tipo de relación laboral nin de pertenza á USC, nin supón a consideración de membro da súa comunidade universitaria. Artigo 23° A condición de membro do persoal do Instituto da Lingua Galega adquírese a través da participación nun proxecto de investigación enmarcado dentro da programación aprobada polo Consello Científico. O persoal docente e investigador membro da USC que reúna esta condición ingresa por petición propia, que debe ser estudada e aprobada polo Consello Científico. A condición de membro do persoal do Instituto manterase durante o desenvolvemento do proxecto ou actividade en que participe. O cesamento como membro pódese producir por petición propia, que debe ser notificada por escrito á Dirección do Instituto, ou ben por acordo do Consello Científico, cando a persoa en cuestión leve más de dous anos sen participar en ningún proxecto activo adscrito ao Instituto e sen contribuír á súa produción científica. O persoal investigador pre e posdoutoral e o persoal contratado con cargo a actividades de investigación ingresa e cesa nas datas marcadas nos respectivos nomeamentos ou contratos. O persoal investigador colaborador ingresa por acordo do Consello Científico, a proposta do investigador principal do proxecto realizada co consentimento da persoa interesada. Poderá cesar por petición propia, por acordo do Consello Científico ou cando finalice o proxecto en que colabora ou cando remate a súa participación nel. Artigo 24° O persoal docente e investigador da USC integrado no ILG manterá as súas obrigas docentes na USC. A súa dedicación ao Instituto afectará só á súa xornada investigadora, sen prexuízo da posibilidade de dispensar docencia de doutoramento ou de especialización no ILG. A dedicación ás actividades de xestión, docencia e investigación do ILG será tomada en consideración no cómputo das súas obrigas na USC, segundo estableza a normativa vixente de dedicación do profesorado. Artigo 25° O ILG ten persoal de administración e servizos, adscrito pola Reitoría da USC dentro do cadro de PAS da Universidade. TÍTULO IV DA ORGANIZACIÓN INTERNA Artigo 26° Para un mellor cumprimento dos seus obxectivos, o Instituto da Lingua Galega dotarase dunha estrutura organizativa e de xestión adecuada ás actividades que desenvolve. Para isto poderá crear Seccións. Artigo 27° As Seccións son unidades organizativas en que se integran proxectos e liñas de
investigación afí ns dentro do campo da linguí stica galega. As Seccións crearanse ou suprimiranse por acordo do Consello Científico, que designará tamén a persoa responsable da súa coordinación. Artigo 28° O Instituto dispón de infraestruturas de xestión e de apoio á investigación: biblioteca, arquivo documental, administración e xestión económica, e equipamento informático. TÍTULO V DO RÉXIME ECONÓMICO E MEDIOS MATERIAIS Artigo 29º O ILG terá orzamento propio de ingresos e gastos, que se integrará no orzamento xeral da Universidade. Artigo 30° A proposta de distribución do orzamento será elaborada anualmente polo director e, despois de informada polo Consello Científico, someterase á aprobación da Xunta de Goberno. Cos mesmos requisitos procederase á aprobación da liquidación do orzamento. Artigo 31° Serán ingresos do ILG: a) As cantidades que no orzamento da Universidade se lle adscriban anualmente. b) As cantidades que se poidan derivar de publicacións, así como de calquera servizo a entidades públicas ou privadas e persoas físicas. c) As cantidades recibidas en concepto de proxectos, convenios, contratos, infraestrutura e axuda á investigación polo persoal investigador e grupos vinculados ao ILG. d) As subvencións, doazóns, legados e axudas de todo tipo outorgadas por entidades públicas ou privadas e persoas naturais. e) Os ingresos aboados polos inscritos en cursos, reunións científicas e outras actividades semellantes organizados polo Instituto. Artigo 32° A instrumentación científica e demais medios materiais adquiridos con cargo ao orzamento do ILG formarán parte do patrimonio da USC e adscribiranse ao servizo deste Instituto. Existirá un inventario, sempre actualizado, de todos os medios dispoñibles. TÍTULO VI DA REFORMA DO REGULAMENTO Artigo 33° As propostas de modificación do presente Regulamento compétenlle á Xunta de Goberno do ILG, sempre de acordo cos Estatutos da Universidade. Artigo 34°
Calquera proposta de modificación do Regulamento deberá constar na orde do día da convocatoria da sesión da Xunta de Goberno do ILG e conter unha indicación expresa do artigo ou artigos que se propón reformar. Artigo 35° A proposta de modificación deberá ir avalada por un terzo dos membros da Xunta de Goberno, e requirirá unha maioría de dous terzos dos seus membros para a súa aprobación. Artigo 36° A reforma aprobada pola Xunta de Goberno do ILG deberá ser presentada ao Consello de Goberno da Universidade para a súa ratificación. DISPOSICIÓN ADICIONAL Primeira.- Salvo nos títulos, neste documento utilízase o xénero gramatical masculino de forma inclusiva, como termo non marcado, sen que iso supoña, por parte do ILG, falta de apoio aos cambios sociais que favorezan a visibilidade das mulleres en todos os ámbitos da sociedade, e do mundo da docencia e da investigación en particular. Segunda.- Corresponderá á Xunta de Goberno do ILG a facultade de interpretar o presente Regulamento e ditar as pertinentes normas aclaratorias. DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS Primeira.- A posta en funcionamento do presente Regulamento correspóndelle ao Consello Científico xa constituído conforme o regulamento vixente ata o momento. Segunda.- O ILG deberá axustar o seu funcionamento ao presente Regulamento no prazo máximo de 12 meses desde o momento en que o aprobe o Consello de Goberno da Universidade. Terceira.- Mentres non se produce a adaptación sinalada na disposición transitoria precedente, o ILG continuará coas mesmas competencias e estrutura con que conta no momento actual. DISPOSICIÓN DERRADEIRA O presente Regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no taboleiro electrónico da USC.