scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Dúas memorias e dous relatos, un con Historia, outro sen ela.

Lagares Seijas, Lucía

Abstract

Memoria, esquecemento e historia son tres elementos inseparables, cuxa relación pode variar segundo as configuracións historiográficas de cada momento. Con todo, na actualidade, as tendencias historiográficas predominantes declinan cara a creación dun novo relato, dunhas novas interpretacións e dunhas novas miradas. Inseridos nestas lóxicas estará o seguinte traballo, no que o principal obxectivo é indagar na memoria de Benigno Andrade García, alcumado o Foucellas, e partindo deste, establecer unha comparanza coa de Manuel Lois García, sobrenomeado o Soldado Lois. Para isto, partirase dunha serie de preguntas que permiten establecer a seguinte premisa: a existencia dun recordo suxeito de mudanzas e outro, que pola contra permanece intacto dende 1937. Á hora de abordar a cuestión das memorias contrapostas hai que ter en conta determinados factores como poden ser a relevancia dos termos, as fontes contemporáneas, os actos conmemorativos, ou simplemente, os propios lugares de memoria. En canto aos conceptos, o seu interese radica nas connotacións que adquiren, connotacións que son quen de condicionar a maneira de pensar de determinados sectores sociais, así como a escritura dalgúns relatos.

Full text

Facultade de Xeografía e Historia. Director: Lourenzo Fernández Prieto. Departamento de Historia Contemporánea. Curso 2020/2021 Traballo de Fin de Grao presentado na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela para a obtención do Grao en Historia. Traballo de Fin de Grao Dúas memorias e dous relatos, un con Historia, outro sen ela. Lucía Lagares Seijas. Resumo: Memoria, esquecemento e historia son tres elementos inseparables, cuxa relación pode variar segundo as configuracións historiográficas de cada momento. Con todo, na actualidade, as tendencias historiográficas predominantes declinan cara a creación dun novo relato, dunhas novas interpretacións e dunhas novas miradas. Inseridos nestas lóxicas estará o seguinte traballo, no que o principal obxectivo é indagar na memoria de Benigno Andrade García, alcumado o Foucellas, e partindo deste, establecer unha comparanza coa de Manuel Lois García, sobrenomeado o Soldado Lois. Para isto, partirase dunha serie de preguntas que permiten establecer a seguinte premisa: a existencia dun recordo suxeito de mudanzas e outro, que pola contra permanece intacto dende 1937. Á hora de abordar a cuestión das memorias contrapostas hai que ter en conta determinados factores como poden ser a relevancia dos termos, as fontes contemporáneas, os actos conmemorativos, ou simplemente, os propios lugares de memoria. En canto aos conceptos, o seu interese radica nas connotacións que adquiren, connotacións que son quen de condicionar a maneira de pensar de determinados sectores sociais, así como a escritura dalgúns relatos. Palabras clave: Soldado, guerrilla, Foucellas, memorias enfrontadas e relato. Abstract: Memory, oblivion, and history are three inseparable elements, whose relationship may vary according to the historiographical configurations of each moment. However, at the present time, the predominant historiographical tendencies are declining in order to create a new narrative, new interpretations, and new perspectives. Introduced in these logics will be the following work, in which the main objective is to investigate in the memory of Benigno Andrade García, nicknamed the Foucellas, and from this, establish a comparison with that Manuel Lois García, nicknamed Soldadier Lois. To this end, a series of questions will be posed to establish the following premise: the existence of a memory that is subject to variations, and another memory that has remained unchanged since 1937. When addressing the issue of conflicting memories, certain factors must be considered, such as the relevance of terms, contemporary sources, commemorative acts or simply the places of memory themselves. As for the concepts, their interest lies in the connotations they acquire, connotations that can condition the way of thinking of certain social sectors. Keywords: Soldier, guerrilla, Foucellas, confronted memories and History. Índice: Introdución. ...................................................................................................................... 1 1.Benigno Andrade García, o Foucellas. .......................................................................... 2 1.1. A importancia dos termos: escapado, bandoleiro, guerrilleiro, soldado. ............... 3 1.2. Vencellos entre a persecución e morte de Benigno Andrade e a memoria a través das fontes orais. ............................................................................................................. 7 1.3. Tratamento nas fontes periodísticas. .................................................................... 10 2.Manuel Lois García, o soldado Lois. ........................................................................... 19 2.1. Quen é Manuel Lois e por que non ten Historia? ................................................ 19 2.2. Tratamento nas fontes. ......................................................................................... 23 3.Comparación: Foucellas vs Soldado Lois. .................................................................. 25 Conclusións. ................................................................................................................... 28 Fontes empregadas. ........................................................................................................ 30 1 Introdución. Fronte á amnesia e á memoria franquista, xérase unha nova memoria, cambiante segundo as esixencias do presente. Aquí entra en xogo a Historia, que na súa labor de procurar, coñecer, comprender, explicar e interpretar o pasado, se establece como un mecanismo de axuda na reconstrución da memoria. Memoria, Esquecemento e Historia, son, polo tanto, tres elementos inseparables, cuxa relación pode variar segundo as configuracións historiográficas de cada momento 1 e que serán a temática a abordar. No ámbito historiográfico, Julián Casanova, un dos principais analistas do foco produtor de historiografía española, Zaragoza, en Una violencia indómita. El siglo XX europeo, publicado en 2020, confecciona unha análise da memoria do século XX europeo. Fala de que os recordos e as conmemoracións de pasados difíciles, incómodos e violentos presentan enormes desafíos aos historiadores, que coma el, intentan diferenciar entre Historia e Memoria, entre o coñecemento documentado e a subxectividade. 2 Para o caso español, Casanova delimita a aparición das memorias cruzadas 3 a partir dos anos 90, tras un longo estadio de cidadáns apolíticos que non mostraban ningún interese social polas vítimas da represión franquista. Este debate coincidiría coa controversia que se estaba a dar no marco internacional sobre os dereitos humanos e as memorias de guerra e ditadura. Este será o punto de inflexión que faría que a sociedade civil comezara a mobilizarse, creando asociacións de recuperación da memoria e mesmo, abrindo fosas na procura dos mortos que nunca foron rexistrados. Aínda así, para que estas accións tiveran un recoñecemento público contarían con numerosas trabas. 4 Con todo, na actualidade, as tendencias historiográficas predominantes declinan cara a creación dun novo relato, dunhas novas interpretacións, dunhas novas miradas. 5 Inseridos nesas lóxicas que procuran as memorias complexas, subalternas, esquecidas, desprezadas e manipuladas, estarán as seguintes liñas, cuxa temática é a memoria, as 1 SANTOS, J., (dir.) Memoria de la Guerra Civil y del Franquismo, Madrid: Taurus, 2006, pp. 15 a 42. 2 CASANOVA, Julián, Una violencia indómita. El siglo XX europeo, Barcelona: Crítica, 2020, p.269. 3 Ibídem p. 279. 4 Ibídem pp. 269-285. 5 FERNÁNDEZ PRIETO, L., MÍGUEZ, A., VILAVEDRA, D., (Eds.), 1936 Un nuevo relato, España: Prensas de la Universidad de Zaragoza, 2020, pp. 9-17. 2 memorias cruzadas, e o obxectivo principal indagar e reflexionar, sendo capaz de sinalar os matices superviventes do Franquismo. Os personaxes escollidos serán o guerrilleiro, Benigno Andrade, coñecido popularmente como “Foucellas” e Manuel Lois García, un soldado do bando franquista. A escolla non é azarosa, senón que responde a que ambos pertencen á mesma área xeográfica, a bisbarra de Ordes, e tamén abandonaron a súa vida privada tras o golpe, para pasar a ocupar un lugar no ámbito público. Deste xeito, tratará de darse resposta a determinadas hipóteses: por que o Soldado Lois non ten Historia?, a importancia dos termos, dos relatos, a manipulación das fontes, e tamén as diferenzas entre os dous personaxes. Tamén pretenderá demostrarse a seguinte premisa: a existencia dun recordo suxeito de mudanzas e outro, que pola contra, permanece intacto dende 1937. Para esta labor, empregaranse fontes primarias como a prensa, as crónicas militares ou a documentación xudicial. En canto á bibliografía, o seu uso irá destinado a axudar a interpretar, e as principais son 1936, Un nuevo relato, dirixida por Lourenzo Fernández, Antonio Míguez e Dolores Vilavedra, A guerrilla antifranquista en Galicia de Hartmut Heine, ou El riguroso relato de una lucha antifranquista de Luís Lamela García. Debe deixarse claro que non é un estudo da experiencia de guerra do Soldado Lois, nin unha análise da guerrilla, senón que se colleran todas as ferramentas necesarias para aportar as claves interpretativas que permitan dar e facer unha nova lectura da memoria e establecer unha comparación. 1. Benigno Andrade García, o Foucellas. Membro da CNT, do PCE, e home mítico do antifranquismo armado en Galicia 6 . A Historia e a Memoria de Benigno Andrade García que chega á actualidade constrúese produto dunha mestura de realidade, lenda e falsas verdades que entroncan a súa raíz explicativa nas lóxicas propagandísticas do Franquismo. Non obstante estas lóxicas non conseguiron sucumbir en determinados contextos, nos que a figura do Foucellas é visto 6 Proxecto interuniversitario Nomes e Voces: http://vitimas.nomesevoces.net/gl/ficha/5145/ [Consultado: 04/03/2021]. 3 como un heroe libertario defensor da democracia e aventureiro. Así, para reinterpretar a memoria, intentárase facer unha achega ás dúas caras que encarnan a este personaxe que viviu 16 anos ocultándose, fuxindo dunha violencia multiforme, exercida polo bando nacional primeiro, e polas forzas do réxime, unha vez concluída a contenda civil. 1.1. A importancia dos termos: escapado, bandoleiro, guerrilleiro, soldado. Na bisbarra de Ordes, e en parte de Galicia, os integrantes das guerrillas antifranquistas son coñecidos popularmente como “os Foucellas”, nome que provén da que habitualmente se atribúe como a aldea de nacemento de Benigno Andrade García, As Foucellas, en Cabrui, Mesía (hai variacións segundo a fonte consultada con respecto ao tema, así nalgunhas nacería en Curtis). Cabe mencionar a existencia doutros termos que fan referencia a este grupo: guerrilleiros, fuxidos, escapados ou os do monte. Nas seguintes liñas intentarase abordar a importancia desta cuestión, posto que en ocasións, non é unha terminoloxía inocente, senón connotacións pexorativas que o réxime empregaba, para combater, e segundo Manuel Pazos Gómez, inclusive, para lidiar psicoloxicamente e confundir á poboación sobre as actividades desenvoltas 7 . Aquí, entraría en xogo a figura do personaxe, xa que ao vencellalo coa memoria, é o mellor exemplo dunha mudanza clara nestes apelativos difundidos no franquismo. A resistencia armada en Galicia xorde á par da sublevación militar. Unha vez os organismos estatais son controlados polos sublevados, todos aqueles que tiñan vencellos coas organizacións políticas e sindicais afíns á República, vense na obriga de escapar da violencia coercitiva imposta polos nacionais. Deste xeito, os montes e as montañas converxen como as principais vías de saída ante o terror a unha morte anunciada, ou no mellor dos casos, de rematar no cárcere. 8 Motivo polo cal se asocia este feito coa denominación fuxidos, escapados ou do monte. Con isto, enténdese que a finalidade, xeralmente, non era enfrontarse, senón a dun instinto de supervivencia. Investigadores do fenómeno en Galicia, como Hartmut Heine, alegan que a conduta escollida suxería un 7 PAZOS GÓMEZ, M., A República da Berxa, Antonio Gómez Carneiro e o seu tempo (1899-1979), Oroso: Asociación Cultural Obradoiro da Historia, 2014, p. 79. 8 RODRÍGUEZ GUTIÉRREZ A., “La represión contra la lucha armada en Galicia. Los infiltrados en la IV Agrupación del ejército guerrillero en Galicia”, Memòria antifranquista del Baix Llobregat, 13, 2013, p. 60. 4 modo de salvar a propia vida, unicamente despois de meses de represión, nos que comprobaban as numerosas mortes de persoas, cuxa significación política non era maior que a deles, foi cando comezaron a ser conscientes do verdadeiro carácter que contiña o pronunciamento. 9 Polo tanto, inicialmente, os escapados tiñan un carácter pasivo, de supervivencia, de espera. O tempo e as condicións infrahumanas, protexidos por veciños, familiares, avisados da presenza da Garda Civil e da persecución fascista serán os factores que motiven a creación dunha guerrilla, outro dos termos que se explicará a continuación. Neste contexto foi decisivo o apoio incondicional dos labregos, que xa ben por medo, por amizade ou por admiración, actuaron como un dos soportes do colectivo 10 . Unha vez concluída a contenda civil, a presión policial tornouse tan insostible, que “rematada a guerra non se lle soubo ofrecer outra cousa aos “fuxidos”, mais que seguir “escapados”” 11 . Así, era raro o día no que non se dera morte a algún fuxido, sen esquecer o acoso que asolaba ás familias, implicando que se visen na obriga de cometer pequenos furtos en garante da súa supervivencia. No caso dos que se presentaban voluntariamente ás novas autoridades, eran xulgados e, case sempre, sentenciados á morte. As forzas policiais, cualifícanos como “bandoleiros-mendicantes” 12 . Mostra desta mendicidade é unha publicación do ano 38, referida aos escapados, Lo que han hecho en Galicia, divulgada en París pola editorial España que alega “Los que no sucumbieron a aquella carnicería se dispersaron. Algunos huyeron al monte. Allí están al cabo de diecisiete meses, los que han podido sobrevivir a tan horrible prueba. Famélicos, tuberculosos, cubiertos de harapos, acosados como fieras, viviendo ocultos en agujeros que han hecho en la tierra con las uñas como verdaderas alimañas; allí están todavía los supervivientes para vergüenza de la humanidad civilizada” 13 . Motivo dun horizonte incerto, repleto de violencia, optouse por unha integración en grupos máis organizados, dirixidos en primeira instancia pola Unión Nacional, unha 9 LAMELA GARCÍA, L., El riguroso relato de una lucha antifranquista, A Coruña: Edicios do Castro, 1992, p.12. 10 Ibídem, p. 13. 11 Ibídem, p. 13. 12 Ibídem, p. 14. 13 Citado en LAMELA GARCÍA, L., El riguroso relato de una lucha antifranquista, A Coruña: Edicios do Castro, 1992, p. 14. 5 amalgama de partidos que fraguaban a antiga Fronte Popular. Máis tarde, o Partido Comunista de España (PCE), dende o exterior, converteu en maquis (palabra procedente da denominación empregada polos maquisards franceses durante a ocupación nazi na segunda guerra mundial 14 ) a todos aqueles desherdados do réxime franquista 15 , entre eles, Benigno Andrade. En consecuencia, hai unha mudanza na concepción, de escapados, pasan a ser “guerrilleiros”. Tras o desamparo evidente do colectivo, carentes de armas e ante a clara imposibilidade dunha amnistía, o PCE proporciónalles armas e procede á ordenación en partidas “guerrilleiras”, cuxo obxectivo principal era sabotar ao réxime punitivo. En liñas xerais, podería dicirse que se converteron en defensores medioinvoluntarios dunha democracia que practicamente ningún visualizaría, tendo como única esperanza derrocar a ditadura grazas ao Partido Comunista, que presentaba debilidades. Historiadores como Luís Lamela García, falan dun apropiamento: “El PCE se aprovechó de la materia prima que suponían los escapados en el monte”, até que aumentaron os ingresos con represaliados, prófugos do exército... Dentro deste entrañado, no que sucumbe un clima de des-información, causa da propaganda franquista da época, hai que engadir que as autoridades militares se valían do emprego de termos como atracadores, malfeitores, bandidos, ademais doutros, pero sempre con connotacións pexorativas similares, cuxa pretensión principal pasaba por introducir o medo e unha oposición cara aos guerrilleiros entre a poboación. Paralelamente, intentaban restar importancia á actuación, tamén como un arma para combatelos 16 . A estratexia do aparello franquista era bastante efectiva, xa que nas fontes orais, aínda sendo conscientes da súa limitación, atópanse relatos que virían a verificar esta cuestión, relatos dos que se deixará ao longo do discurso. Así, comprobaríase que a táctica policial fundamentada en propagar os nomes dos guerrilleiros como delincuentes, era efectiva á hora de favorecer a persecución, a delación e a distorsión da memoria 17 . 14 PAGES PELAI, B., “La recuperación de la memoria: la guerrilla antifranquista”, Ebre 38: Revista Internacional de la Guerra Civil (1936-1939), n1, 2003, p. 146. 15 LAMELA GARCÍA, L., El riguroso relato de una lucha antifranquista, A Coruña: Edicios do Castro, 1992, pp. 11-18. 16 PAZOS GÓMEZ, M., A República da Berxa, Antonio Gómez Carneiro e o seu tempo (1899-1979), Oroso: Asociación Cultural Obradoiro da Historia, 2014, p. 79. 17 FERNÁNDEZ PRIETO, L., “Mosquetón de Foucellas”, en VILLARES, R., (ed.), Galicia Cen: obxectos para contar una cultura, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2016, pp. 275, 276. 12 caso de ser habidos, deberán ser integrados en prisión a disposición de este juzgado” 37 . A moitos destes escapados, incluído Benigno Andrade non se lles coñecían delitos anteriores a 1936, cuestión que deixa entrever que probablemente foran sometidos á manipulación franquista, que se daba co fin de cumprir os seus propósitos, tanto de capturar como de impoñer penas todos aqueles que diferiran do pensamento do réxime. Paralelamente, na maioría dos casos faise unha vinculación e unha asociación da figura do Foucellas con outros tamén considerados delincuentes. O 25 de Setembro de 1946, en La Voz de Galicia, publícase a noticia dun Consello de Guerra contra Manuel Torres Ríos, designado como un “paisano procesado por rebelión e tenencia ilícita de armas” 38 . Deste existe a sospeita de relación íntima con “bandoleiros” como Benigno Andrade ou Xesús Lavandeira. Aquí obsérvase a importancia dos termos, pois “paisano”, na Real Academia Galega, alude a aquel que non é militar e que polo tanto, non podía enfrontarse con eles 39 . O avogado defensor alegou que Manuel Torres nunca tivera relación con tales bandoleiros, mais aínda así, é condenado a oito anos de cárcere por este delito. Ben é certo que non se pode afirmar coas probas que se teñen se realmente había ou non unha relación, mais, ao longo dos anos, sucesos coma estes enchen as páxinas dos órganos periodísticos o que debe facer desconfiar ao historiador e preguntarse se estes vínculos eran reais. Nesta liña atópanse as imputacións de todas aquelas persoas que unicamente axudaban aos guerrilleiros, proporcionándolle comida, pousada e algún que outro coidado vinculante á supervivencia. Eran xulgados como cooperadores e tamén se lles facían Consellos de Guerra. Estes consellos eran a vertente procesual da base xurídica que condenaba ao recluso a través do Código de Xusticia Militar 40 . 37 (26/05/1946), Juzgado especial de la Octava Región Militar, Requisitoria, La Voz de Galicia, p. 6. 38 (25/09/1946), Consejo de guerra contra un paisano acusado de rebelión y tenencia ilícita de armas, La Voz de Galicia, p. 2. 39 González González, M. (dir.): Diccionario da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega. https://academia.gal/dicionario/-/termo/busca/paisano [Consultado: 02/06/2021]. 40 CHAVES PALACIOS, Julián, “Consejos de Guerra: La interminable espera de un condenado a pena de muerte en las cárceles franquistas”, Studia Histórica, Historia Contemporánea, nº24, 2006, p. 179. 13 A lexislación penal destacou a convivencia de dúas xurisdicións: a ordinaria e a castrense. Esta última, xeneralizouse a toda a zona controlada polos insurxentes tras o primeiro Bando de Guerra dado pola Xunta de Defensa Nacional o 28 de Xullo de 1936, no cal se establecía a preeminencia da xustiza militar sobre a civil. Así, os delitos que gardaban relación coa orde pública quedaban baixo esta xurisdición e sometidos a un Consello de Guerra sumarísimo. Esta práctica prolongouse tras a conclusión da guerra e a xustiza ordinaria estendía o seu ámbito de actuación ao resto de figuras, é dicir, a aqueles delitos que non ían en contra da orde pública, aínda que cun matiz; deixaban baixo o criterio militar a decisión sobre os delitos que debían verse na xurisdición castrense. A subordinación do civil ao militar á que se asiste, supoñía unha irrefutable perda das competencias por parte do Ministerio de Xustiza 41 . En moitas ocasións, como xa se incidiu, a cooperación co Foucellas e con outros guerrilleiros era promovida polo medo que se tiña ante as noticias difundidas polo propio réxime de que eran asasinos e ladróns. Para Julián Chaves Palacios, o medo constituíu un factor primordial no sometemento da poboación. O día primeiro do mes décimo do 46, dáse un consello de guerra sumarísimo contra vinte e dous acusados de prestar auxilio ás partidas de bandoleiros armados. De novo esta é unha constante. Neste caso os principais imputados son os irmás Chacartegui, médicos, quen xunto con outros nomes, prestan axuda a Benigno Andrade nunha suposta partida na que se asasinara ao periodista coruñés Arcadio Vilela Garate. Dentro do grupo dos acusados aparece o nome dunha única muller, Josefina Brañas Lata, que se di era prima do Foucellas. Ningún destes imputados ten antecedentes penais 42 . Titulares así vanse repetir até xa ben avanzado o primeiro Franquismo, outro exemplo poden ser os consellos de guerra do 5 de Marzo de 1952, tamén “paisanos”, acusados de colaboracionistas 43 . En 1952, os titulares dedicados ao protagonista acentúanse, o 25 de Marzo sae a nova de que o Foucellas foi ferido e detido, nesa partida morre o garda Cesáreo Diez 41 Ibídem, pp. 179-204. 42 (01/10/1914), Ayer se celebró un Consejo de guerra sumarísimo contra veintidós acusados de prestar auxilio a las partidas de bandoleros armados, La Voz de Galicia, p.7. 43 (06/03/1952), Ayer se celebraron dos Consejos de guerra sumarísimos: diez paisanos, acusados de ayuda a las partidas de bandoleros, La Voz de Galicia, p.5. 14 Pérez. Xa o 18 de Maio, ten lugar un Consello de guerra contra dous “paisanos” que acolleron ao Foucellas. Finalmente, o 27 de Xullo, publícase a nova de que o día anterior se celebrara o Consello de guerra sumarísimo na súa contra. Sendo acusado de múltiples delitos, principalmente asasinato e roubo, o fiscal pedía dúas penas de morte. A defensa alegaba que a súa fama non ten nada que ver cos feitos, “no ha hecho personalmente ningún delito de sangre. Pasó más de un año alejado de toda actividad como consecuencia de una herida. Niega también el defensor que fuese jefe de partida. Su único delito probado es el de haber formado en una partida de bandoleors. Es un ladrón vulgar al que hicieron ingresar entre los bandoleros y lo hicieron testigo de sus fechorías 44 ”. Finalmente, rematado o informe da defensa 45 , o presidente do Tribunal preguntoulle ao procesado se tiña algo que alegar, e Benigno Andrade ponse en pé e di o seguinte:” solamente quiero decir que espero del Tribunal que me haga justicia. Nunca disparé sobre ningún ser humano y si lo hice obligado fue al aire. Creo que está muy claro que en nombre del “Foucellas” hubo muchos atracos y que los seguirá habiendo. En el año 1945, estando en el sanatorio, todos cuantos hechos se hacían eran en nombre del “Foucellas”. Pido otra vez que se me haga verdadera justicia 46 ”. Cabe pararse nun fragmento destas palabras ditas polo condenado “Creo que está muy claro que en nombre del “Foucellas” hubo muchos atracos y que los seguirá habiendo 47 ” e preguntarse até que punto isto era así. Revelador desta situación é que o 3 de novembro de 1975 se deteñen 24 integrantes que conformaban parte do P.C.E. e do F.R.A.P. en Galicia. Un deles, considerado como delincuente pola tenencia ilícita de armas e explosivos, é alcumado “Foucellas” 48 . Co emprego deste sobrenome para referenciar a outra figura concibida como bandida polo réxime, continúa a asociarse a Benigno Andrade con actos transgresores, aínda despois de máis vinte anos da súa morte. 44 (27/07/1952), Ayer se celebró el Consejo de guerra sumarísimo contra el “Foucellas”, La Voz de Galicia, p. 4. 45 Consello de Guerra a “Foucellas”, disponible en LAMELA GARCÍA, L., El riguroso relato de una lucha antifranquista, A Coruña: Edicios do Castro, 1992, pp. 165-175. 46 (27/07/1952), Ayer se celebró el Consejo de guerra sumarísimo contra el “Foucellas”, La Voz de Galicia, p. 4. 47 Ibídem, p. 4. 48 (04/11/1975), Nota de la Policía a los 24 detenidos del P.C.E. y del F.R.A.P. en Galicia les fueron ocupadas armas explosivos y abundante propaganda, La Voz de Galicia, p.10. 15 Isto entronca con que no seu nome se fixeron numerosos actos vandálicos, en momentos nos que o protagonista inclusive estaba ferido e indisposto. Isabel Ríos, amiga e muller moi vencellada á figura do Foucellas, narra sucesos que se lle imputan. Un deles é o roubo dos cartos que unha señora obtivo tras a venda dunhas ovellas, o atracador ía coa cara tapada, e a señora preguntoulle quen era, a resposta obtida foi “Benigno das Foucellas” 49 . Resulta un paradoxo que dixera quen era cando levaba a cara tapada, o que debe facer reflexionar ao historiador e dubidar unha vez máis do relato franquista. A parte da memoria que percibe ao guerrilleiro como criminal, continúa tras a caída do Franquismo, e inclusive, xa implantada a democracia. Os órganos periodísticos fanse eco de opinións que manifestan críticas, unha delas ten como epicentro ao historiador Ramón Villares Paz. O profesor é xulgado nun artigo de Xosé Ramón Barreiro pola escritura de Historia de Galiza, obra que segundo Barreiro esquece o nacionalismo español ao non falar dos reis de Castela, de Lepanto ou de San Quintín. Nela non aparece Franco, mais si o Foucellas, un delincuente 50 . Outra das noticias renega da Gran Enciclopedia Galega porque o espazo dedicado ao Foucellas é maior que o que ocupa Fraga Iribarne, Franco ou Fraguas. Fai unha comparanza con outro guerrilleiro, o asturiano “Gafas”, quen conta con tres columnas, fronte ás nove de Benigno, e a media de Fraga, afirmando que a obra é promotora, fomentadora do terrorismo: “Ambos se dedicaron a andar por los montes, después de la guerra, matando, robando violando y atemorizando a los campesinos. Para Fraga hay media columna, para Fraguas, una columna. (...) Si la Enciclopedia va a seguir este camino, anímense ustedes a pertenecer al mundo del crimen, del terrorismo, de la droga y del vicio, que encontrarán excelentes biógrafos, que les harán vivir por los siglos en nuestra enciclopedia. (...) Pero si es usted un sabio, un catedrático, un escritor, un artista, un héroe, un misionero, despídase, que será un desconocido para las generaciones venideras. A lo más le dedicarán cuatro líneas 51 ”. Con respecto a este artigo de opinión, 49 RÍOS, Isabel, Documentos para a historia contemporánea de Galicia, Testimonio de la Guerra Civil, A Coruña: Ediciós do Castro, 1986, pp. 287-297. 50 (26/06/1980), As historias de Galicia que se escriben, La Voz de Galicia, p. 8. 51 (17/01/1981), Una enciclopedia que no acaba, La Voz de Galicia, p.59. 16 unicamente é asinado coas iniciais “Firmado por J.D.S. La Coruña 52 ”. A través desta cuestión, un pode facerse a seguinte pregunta: Por que non firma co seu nome cando isto é un signo, unha mostra de prestixio? A pesar destas novas que a través da súa crítica promulgan unha censura do coñecemento do pasado, a partir dos 80 tamén comezan a aparecer publicacións nas que intenta recuperar a memoria do Foucellas en contextos e connotacións positivas: “mítico Benigno Andrade” “célebre maquis de la guerra civil”, “joven llamado Benigno Andrade, más tarde coñecido como Foucellas”, “Foucellas, un dos guerrilleiros máis valentes de Galicia”. Todas estas adxectivacións eran impensables en tempos pasados, onde mesmo a palabra guerrilleiro tiña unha significación negativa, que a partir da década dos 80 do século XX vai mudando. En ocasións mesmo é enxalzando en versos literarios:” ahora el perímetro coruñés está impregnado de nieblas escocesas y el ciudadano de a pie suspira por un Rob Roy o un Quintín Durward, añora al sol andaluz de Diego Corrientes o evoca la brétema legendaria del Foucellas para que lo liberen de la sangría de los señores feudales que confunden la soberanía con la propiedad 53 ”. Ademais, danse titulares nos que se fala da rodaxe dunha película sobre a vida do guerrilleiro, dirixida por Benito Rabal 54 . Xunto con isto, aparecen asociacións de defensa da memoria antifranquista como o “Colectivo Foucellas” 55 . Chama especial atención unha nova asinada por "Borobo" o 4 de novembro de 1986. Describe que na conversa mantida co historiador Hartmut Heine, este lle relata a estancia do Foucellas en Pontecesures durante a primavera de 1948. O home que o tiña na casa, chamado José Jamardo Grela e alcumado “Peteiro”, contoullo “a casi todo el pueblo 56 ”, mesmo ao alcalde, o xefe do Movemento e ao cura da parroquia, chegando inclusive o dato a oídos do garda civil de Valga. Todos gardaron absoluta discreción. Chegados a este punto, cabe preguntarse se isto é realmente verdade, e de selo por que non o delataron. Aínda que o periodista pense que foi pola pena popular ante as represalias 52 Ibídem, p. 59. 53 (27/05/1984), Feudalismo y declaración de renta, La Voz de Galicia, p. 32. 54 (04/03/1987), Benito Rabal dirigirá una película sobre el Foucellas, p. 19. 55 (18/10/1980), Chantada: Colocación de una lápida donde está enterrado el guerrillero Piloto, La Voz de Galicia, p.27. 56 (04/11/1986), Despachó billete al Foucellas, La Voz de Galicia, pp. 3,53. 17 que se podían tomar co Peteiro, un veciño do pobo, o historiador debe afondar máis, reflexionar e ampliar esta resposta. A hipótese que se lanza é que aquela xente, independentemente das súas ideas, nada tiña na contra do Foucellas porque ningún mal lles fixera; unicamente se estaba escondendo para salvar a súa vida. De feito, ao marchar de Pontecesures, nunha aldea próxima, en Luou (Teo) é avistado pola garda civil e ten lugar un tiroteo do que logra escapar. En canto ao seu falecemento, investigadores e historiadores difiren á hora de sinalar o pasamento, uns coinciden en que foi axustizado por garrote vil o día seguinte do Consello de Guerra, é dicir, o 27 de Xullo. En cambio, para outros como Luís Lamela García non foi así, senón que foi executado por medio do garrote vil a mans dun verdugo da Audiencia Provincial de Valladolid que fora obrigado a desprazarse á Coruña para este fin, porque no lugar non se dispoñía dun profesional deste tipo. A hora e día do axustizamento serían as sete da mañá do 7 de Agosto de 1952, nunha esquina da Prisión Provincial coruñesa 57 . A súa última petición é a visita dos seus fillos, xunto cun notario. Baixo a presenza do notario, pretendía, por medio dun documento público que se puidera autorizar aos seus fillos a saír de España 58 . Este movemento do Foucellas fai sopesar, unha vez máis, a importancia que ten o medo ante as posibles represalias que se puideran tomar contra os menores. Nas fontes periodísticas sinálase tamén o 7 de agosto, mais con posterioridade, posto que no momento do suceso quedan mudas. No caso de La Voz de Galicia, dende o 27 de Xullo de 1952, día seguinte á sentenza, hai que remarca que a próxima noticia que menciona ao Foucellas é do 4 de outubro de 1972, vinte anos despois do deceso. A mención é accidental:” El acebo y los pinares le disputan, cada vez con mayor ventajaa las fatigadas praderas, la entrañable geografía encargada de meandros, colinas, riachuelos, gargantes y lugares en una endiablada madeja siempre propicia al guerrillero, desde el Foucellas, de la última guerra, hasta las mesnadas de la Fusquella, 57 LAMELA GARCÍA, L., El riguroso relato de una lucha antifranquista, A Coruña: Edicios do Castro, 1992, p. 175. 58 Ibídem, p. 176. 18 en tiempos de los Irmandiños, y siempre hostil al bienestar(…) 59 ”. Como se observa, trata un tema alleo, valéndose dunha asociación coa xeografía, asociación na que se está a falar da concentración parcelaria. Os temas e as propagandas que falan do protagonista dende 1952 e até a morte de Franco son anecdóticas, implicando que isto se poida interpretar como un anticipo do esquecemento que se promulgará na Transición. 59 (04/10/1972), ¿Por qué son impopulares entre los labradores las actividades que quizá más beneficios vuelcan sobre el campo, como son la concentración parcelaria, la acción concertada y la seguridad social?, La Voz de Galicia, p. 1. 19 2. Manuel Lois García, o soldado Lois. Xa presentadas as particularidades da memoria do guerrilleiro Benigno Andrade, convén indagar na outra cara da moeda, moi importante tendo en conta a ampla presenza militar na vida pública e política da Historia Contemporánea de España, tanto do século XIX como do XX 60 . Deste xeito, a figura de Manuel Lois García, coñecido popularmente como “o soldado Lois” será obxecto de análise das seguintes liñas. A través do tratamento de determinados aspectos proporcionáranse as claves interpretativas necesarias para a investigación da súa memoria, moi interesante á hora de establecer unha comparación co Foucellas, cuestión a abordar no punto terceiro. 2.1. Quen é Manuel Lois e por que non ten Historia? Nado o 22 de maio de 1912, en Vilaverde, a carón da vila de Ordes, Manuel Lois García, de pequeno viviu con súa nai, Dolores Lois Villaverde, e avó materno, José Lois García, deste último colleu os dous apelidos ante a negativa do pai biolóxico a recoñecelo como fillo lexítimo. O historiador Carlos Fernández Santander no libro Los Laureados Gallegos del Siglo XX (1985; páxina 93), afirma que Lois era “triste” e que non aprendeu a ler nin a escribir” 61 . Na súa descrición militar tamén pon “no sabe leer ni escribir 62 ”, mais a súa sinatura, a correspondencia enviada 63 e as fontes familiares corroboran a asistencia escolar até os 12 anos, virían a confirmar a falsidade deste dato. Aos trece anos morre súa nai, quen estaba casada con Ricardo Robado Mayor, co cal tiña seis fillos. No marco desta situación de penuria económica familiar vese na obriga de ir traballar como xornaleiro. Excluído do servicio militar por non dar a talla mínima, (na descrición militar apúntase que medía 1,54m), segundo Manuel Pazos Gómez é reclamado polas 60 LEIRA CASTIÑEIRA, FRANCISCO JAVIER, La consolidación social del franquismo: La influencia de la guerra e los “soldados de Franco”, Santiago de Compostela: Cadernos de Investigación, 2013, pp. 13-141. 61 Citado en PAZOS GÓMEZ, Manuel, Manuel Lois García (1912-1937): o soldado Lois, Ordes: Asociación Cultural Obradoiro da História, 2001, pp.1-6. 62 Arquivo Municipal de Ordes, Descrición militar do soldado Lois para oficina/auxiliar, 1936. 63 O historiador Manuel Pazos Gómez, afirma que Mentres Lois estaba embarcado mantiña correspondencia con varios membros da familia, entre eles o seu segundo primo, Manuel Mariño Uzal, do Casal, e a súa noiva, enviándolles cartas e postais con fotos de distintos barcos da Mariña de guerra española. Citado en PAZOS GÓMEZ, Manuel, Manuel Lois García (1912-1937): o soldado Lois, Ordes: Asociación Cultural Obradoiro da História, 2001, pp.1-6. 20 autoridades militares do Bando Nacional poucas semanas despois da sublevación militar contra o goberno da República:” y el Ayuntamiento, vistos los datos que preceden y los documentos obrantes en el expediente personal del mozo, de conformidad con el parecer del Sr. Concejal en funciones de Síndico y en presencia de lo dispuesto en el artículo 168 del reglamento, acordó declarar a dicho mozo soldado apto exclusivamente para servicio auxiliar por corta talla (...) 64 ”. Con motivo deste chamamento abandona o seu traballo como xornaleiro, así como a súa moza e familia, embarcándose o 2 de novembro de 1936 no cruceiro “Baleares”, no que ocupa o posto de telefonista ao pé do canón nº4 deste buque de guerra 65 . Segundo a explicación tradicional, a nova da morte de Lois chegou a Ordes a través da alcaldía, que transmisora do falecemento indica que este tivo lugar no combate de Cherchell, enfrontamento acaecido o 7 de setembro de 1937 entre o Baleares e varios barcos da Mariña republicana do Mediterráneo. Conforme ás fontes militares franquistas, Lois heroicamente sacrificaría a súa vida lanzando ao mar unha caixa de proxectís iluminantes que estaba a arder e que poñía en perigo a estabilidade da embarcación, así como a vida dos seus compañeiros. Deste xeito, en plena Guerra Civil convértese nun heroe do bando franquista e tamén da súa vila natal 66 . Unha vez que xa se sabe quen é Manuel Lois a través da explicación tradicional, pódese pasar a dar resposta a esa pregunta inicial de por que non ten Historia. Probablemente dicir que un personaxe non ten Historia é unha afirmación moi perigosa e ampla, mais os argumentos que amparan esta hipótese serán expostos a continuación. En primeiro lugar, as publicacións sobre a súa figura son moi reducidas, unicamente sae mencionado nalgún libro, portal da rede, artigo de revista ou periódico. De dedicación exclusiva cónstase dun tríptico de tan só seis páxinas, editado pola Asociación Cultural Obradoiro da Historia e realizado polo historiador Manuel Pazos Gómez. En ningún caso hai unha monografía ou unha biografía cunha análise 64 Arquivo Municipal de Ordes, Descrición militar soldado Lois para oficina/auxiliar, 1936. 65 PAZOS GÓMEZ, Manuel, Manuel Lois García (1912-1937): o soldado Lois, Ordes: Asociación Cultural Obradoiro da História, 2001, pp.1-6. 66 Ibídem, p. 2. 21 pormenorizada, que dubide e se cuestione o que se conta ou que se parara a indagar unha versión diferente á existente: soamente se difunde o relato franquista. Tal é esta divulgación e repetición que autores como Carlos Fernández Santander nin sequera se pararon a contrastar datos tan primarios como a alfabetización de Lois, información doada de comprobar cunha visita ao fondo local do Arquivo Municipal de Ordes. Outra proba que denota a carencia de calidade académica é que sempre se abordan as mesmas cuestións: nacemento, entrada no exército, acto heroico, falecemento e conmemoración. Nunca hai estudos sobre a memoria, a experiencia de guerra, vinculacións con outros personaxes, ou simplemente unha investigación historiográfica. De ser tratados aspectos coma a experiencia de guerra, a produción gozaría dunha maior calidade, xa que permitiría dar unha visión máis ampla aínda tendo en conta que a información de partida fora a do relato franquista. En canto a este aspecto cabe dicir que en ningún autor figura a posibilidade dunha voluntariedade á hora de entrar no exército e da parte franquista, punto destacable a ter en conta no contexto da Guerra Civil, onde a maioría dos combatentes se viron obrigados a saír a loitar e nunha ou outra facción, sen capacidade de escoller como apunta Leira Castiñeira 67 . Ben é certo que non hai datos que afirmen con seguridade esta hipótese de voluntariedade, mais é unha opción a barallar xa que na obra El Crucero Baleares atópanse numerosas testemuñas de combatentes apuntados como voluntarios para loitar cos nacionais, caso de Bartolomé Terrasa Flaquer un dos superviventes do Baleares que nunha entrevista indica:” antes de la guerra yo era labrador, no militaba en ningún partido. Al estallar la guerra me apunté a la falange juvenil de la que se encargaba una persona mayor por la que me enteré de que podía ir voluntario a la Falange Marítima, para lo que apunté en el cuartel de Capdepera con 17 años (...) 68 ”. Nesta monografía tamén se fai unha relación dos desaparecidos e superviventes no afundimento do cruceiro, na listaxe figura o nome, o emprego e a clase dos mariñeiros, é dicir, aportaríase o dato 67 LEIRA CASTIÑEIRA, Francisco Javier, Soldados de Franco: reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar, Madrid: Siglo XXI de España Editores, 2020, pp. 41-85. 68 Citado en FULLANA, J., CONOLLY, E., COTA, D., El crucero “Baleares” (1936-1938), España: Leonard Muntaner Editor, 2000, p. 39. 28 a quen antano os militares converteran en bandoleiros, sendo unha mostra máis da memoria dos vencedores. Conclusións. Para pechar o traballo e a modo de conclusión convén incidir nunha serie de reflexións que non se aportaron ao longo da exposición. En primeiro lugar, a nivel metódico a complexa tarefa que supón para o historiador a visita a un arquivo, onde a información proporcionada para a confección dos traballos depende do propio arquiveiro e do estado no que se atope o arquivo. Por outra banda, non se pode esquecer a alta incidencia que ten o medo, así como no seu carácter multiforme, sendo capaz de sobrevivir na memoria e inclusive de traducirse, de materializarse no silencio. Ao longo do discurso fíxose tamén fincapé nos conceptos e como estes afectan na memoria: heroe, bandoleiro. Tampouco se pode esquecer que aínda que se pense que do Franquismo está todo estudado, aínda queda moito por reinterpretar, o Soldado Lois e o Foucellas son dous claros exemplos, principalmente no caso do primeiro onde o relato é claramente o dos vencedores. Isto deixa latente a idea dos autores 1936 Un nuevo relato, que remarcan que o relato canónico é tan potente que foi capaz de deglutir os avances historiográficos e da irrupción da memoria. A pesar do paso do tempo, todas as novas visións que ofrece a investigación, foron reinterpretadas dende un relato de Guerra Civil, construído sobre a vitoria e a derrota dos protagonistas 85 . Neste senso, pode remarcarse a dificultade á hora de recoñecer a visión franquista na memoria, principalmente no ámbito popular, mais tamén no académico. Paralelamente, como estes dous personaxes a pesar das diferenzas xa mencionadas, tamén teñen similitudes: ambos pertencen á mesma zona xeográfica no mesmo tempo, e ambos, abandonan a súa vida privada pasando á exposición pública tras o golpe e a guerra. 85 FERNÁNDEZ PRIETO, L., MÍGUEZ, A., VILAVEDRA, D., (Eds.), 1936 Un nuevo relato, España: Prensas de la Universidad de Zaragoza, 2020, p. 9. 29 Finalmente, para o soldado Lois chama a atención como non ten Historia e como unicamente conta coas crónicas militares e certas mencións vencelladas a outros temas, pero sempre inserido nunha visión puramente franquista e ensimesmada. Coa súa memoria, asístese ao que se podería considerar como exemplo de branqueo do final da guerra; mentres el segue a ser conmemorado, outras vítimas, caso dos enterrados republicanos ao seu lado no cemiterio de Ordes nunca recibiron nin un so acto. 30 Fontes empregadas. Arquivos: Arquivo Municipal de Ordes. Arquivo A. C. Obradoiro da Histórica (Ordes). Bases de datos: Base de datos do proxecto interuniversitario de Investigación Nomes e Voces: http://www.nomesevoces.net/ Bibliografía: CASANOVA, Julián, Una violencia indómita. El siglo XX europeo, Bacelona: Crítica, 2020. CHAVES PALACIOS, Julián, “Consejos de Guerra: La interminable espera de un condenado a pena de muerte en las cárceles franquistas”, Studia Histórica, Historia Contemporánea, nº24, 2006. FERNÁNDEZ PRIETO, L., MÍGUEZ, A., VILAVEDRA, D., (Eds.), 1936 Un nuevo relato, España: Prensas de la Universidad de Zaragoza, 2020. FERNÁNDEZ PRIETO, L., “Mosquetón de Foucellas”, en VILLARES, R., (ed.), Galicia Cen: obxectos para contar una cultura, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2016, pp. 275, 276. FULLANA, J., CONOLLY, E., COTA, D., El crucero “Baleares” (1936-1938), España: Leonard Muntaner Editor, 2000. HEINE, Hartmut, A guerrilla antifranquista en Galicia, España: Edicións Xerais de Galicia, 1982. LAMELA GARCÍA, L., El riguroso relato de una lucha antifranquista, A Coruña: Edicios do Castro, 1992. 31 LEIRA CASTIÑEIRA, FRANCISCO JAVIER, La consolidación social del franquismo: La influencia de la guerra e los “soldados de Franco”, Santiago de Compostela: Cadernos de Investigación, 2013. LEIRA CASTIÑEIRA, Francisco Javier, Soldados de Franco: reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar, Madrid: Siglo XXI de España Editores, 2020. MARZOA OTERO, A., A represión franquista na comarca de Ordes (1936-1939), Ordes: A.C. Obradoiro da Historia, 2018. MÍGUEZ MACHO, A., La genealogía genocida del franquismo, violencia memoria e impunidad, Madrid: Abada Editores, 2014. PAGES PELAI, B., “La recuperación de la memoria: la guerrilla antifranquista”, Ebre 38: Revista Internacional de la Guerra Civil (1936-1939), n1, 2003. PAZOS GÓMEZ, M., A República da Berxa, Antonio Gómez Carneiro e o seu tempo (1899-1979), Oroso: Asociación Cultural Obradoiro da Historia, 2014. PAZOS GÓMEZ, Manuel, Manuel Lois García (1912-1937): o soldado Lois, Ordes: Asociación Cultural Obradoiro da História, 2001. PRESTON P., El holocausto español, Barcelona: De Bolsillo, 2020. RIQUER., B, “La Crisis de la Dictadura” en CASANOVA, J., et al., Cuarenta años con Franco, Barcelona: Crítica, 2015, pp. 115-149. RÍOS, Isabel, Documentos para a historia contemporánea de Galicia, Testimonio de la Guerra Civil, A Coruña: Ediciós do Castro, 1986. RODRÍGUEZ GUTIÉRREZ A., “La represión contra la lucha armada en Galicia. Los infiltrados en la IV Agrupación del ejército guerrillero en Galicia”, Memòria antifranquista del Baix Llobregat, 13, 2013, pp. 1-88. SÁNCHEZ CAMACHO, A., “La depuración de prensa en el franquismo”, Cuadernos de periodistas, nº9, 2007, pp. 76-85. 32 SANTOS, J., (dir.) Memoria de la Guerra Civil y del Franquismo, Madrid: Taurus, 2006. Entrevistas: Acto de Homenaxe a Foucellas no seu centenario 1908-2008; celebrado entre os días 23 e 25 de outubro do 2008. Vídeo de “A Nosa Terra” dispoñible online na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=ynlfoOnyILk. Entrevistas do proxecto realizado por: Saavedra, R., Sánchez A., Sanmartín, S., et alii, Recuperación da memoria de Foucellas, vídeo extraído de https://www.youtube.com/watch?v=7xjZIJ1_vs8&t=21s. Páxina consultada 26/04/2021. Hemerotecas: Hemeroteca de La Voz de Galicia. Hemeroteca de Abc. Recursos Online: González González, M. (dir.): Dicionario da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega, https://academia.gal/dicionario/-/termo/busca/requisitoria, [Consultado: 26/05/2021]. González González, M. (dir.): Diccionario da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega. https://academia.gal/dicionario/-/termo/busca/paisano [Consultado: 02/06/2021]. 33