Normativa de concesión de licenzas por ano sabático
Full text
1 NORMATIVA DE CONCESIÓN DE LICENZAS POR ANO SABÁTICO A Lei Orgánica de Universidades 6/2001, de 21 de decembro, salienta a necesidade de impulsar a mobilidade dos investigadores, tanto no sistema universitario español coma no europeo e internacional, co fin de mellorar a formación e a actividade investigadora, a través da concesión dos oportunos permisos e licenzas. O artigo 20 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto autonómico 28/2004, do 22 de xaneiro (DOG 09-02-2004) recolle o dereito dos profesores, cando cumpran determinados requisitos, a unha licenza dun ano conservando todos os seus dereitos económicos e administrativos. Indica tamén que o Consello de Goberno elaborará a normativa de concesión destas licenzas e decidirá sobre a súa concesión, tendo en conta os proxectos de actividades que se vaian realizar. En todo caso, asegurarase de que queden debidamente cubertas as funcións docentes do departamento correspondente. A Normativa vixente ata a data aprobada polo Consello de Goberno o 30 de marzo de 2004 require dunha revisión en profundidade xa que o tempo transcorrido e a experiencia acadada aconsellan introducir algunhas modificacións sobre os requisitos e a tramitación destas licenzas. Deste xeito e en cumprimento do establecido no artigo 20 do Estatutos da USC, o Consello de Goberno, na súa reunión do 22 de decembro de 2008 aprobou a seguinte Normativa de concesión de licenzas por ano sabático: Artigo 1. Obxecto O obxecto da concesión de licenzas por ano sabático e contribuír á mellora da calidade docente e investigadora mediante os oportunos intercambios de ideas e métodos entre o profesorado tanto no ámbito nacional como internacional. Mediante a concesión da licenza por ano sabático o profesorado desta Universidade quedará exento de docencia para a súa dedicación á investigación ou outros estudos complementarios, en especial para a adaptación dos programas de docencia e investigación ás novas esixencias do EEES e ás demandas da sociedade, así como a conveniencia da introdución do profesorado no coñecemento dos métodos docentes e investigadores seguidos noutros ámbitos, moi especialmente nos países do noso contorno, así como a súa incorporación ás novas tecnoloxías de aplicación no marco universitario. Artigo 2. Requisitos Para poder solicitar a licenza por ano sabático será necesario: 1. Ser profesor funcionario ou contratado en réxime laboral con carácter indefinido na Universidade de Santiago de Compostela. 2. Ter un mínimo ininterrompido de 6 anos de docencia nesta Universidade en réxime de dedicación a tempo completo e atoparse nesta mesma dedicación no momento da solicitude. (Consello de Goberno do 22 de decembro de 2008) (*Corrección de erros. Consello de Goberno do 25 de marzo de 2009)
2 3. Non ter sido sancionado mediante expediente disciplinario, ou de telo sido con imposición de sanción, o inicio do computo establecido na norma 2.2. establecese en seis anos a contar desde a resolución administrativa que poña fin ao expediente disciplinario. 4. Non ter gozado, nos 5 anos anteriores, de permisos ou licenzas de estudos ou períodos sabáticos que sumen no seu conxunto un ano ou mais. 5. No caso de implicar estadías de investigación, a aceptación previa do Centro onde se pretende realizar o labor investigador ou de estudos. Artigo 3. Período Existirán dous tipos de licenzas por “permiso sabático”: a licenza semestral e a licenza anual. A licenza semestral terá unha duración entre 4 e 6 meses e poderase gozar de xeito ininterrompido entre setembro e febreiro (ambos incluídos) ou entre marzo e xullo (ambos incluídos). A licenza anual terá unha duración entre 8 e 12 meses, equivalerá a duas licenzas semestrais e poderá gozarse de xeito ininterrompido ao longo dun curso académico ou en dous semestres consecutivos de cursos académicos diferentes. A duración dun permiso sabático non poderá ampliarse nin prorrogarse por ningún motivo e non se poderán acumular varios períodos sabáticos. Non se computarán a estes efectos os períodos nos que un profesor permanecese en situación de excedencia, comisión de servizos sen consideración de residencia eventual, permisos non retribuídos ou gozando de licenzas a efectos de docencia e investigación nos termos regulamentariamente previstos. Os profesores que gozaran dun semestre sabático poderán solicitar outro semestre sabático ao cabo de tres anos, ou un ano sabático, ao cabo de seis anos. Artigo 4. Criterios de concesión O estudio e proposta da concesión de anos sabáticos corresponderá a Comisión de Organización Académica e Profesorado que proporá ao Consello de Goberno a concesión das licenzas atendendo aos seguintes criterios: - Non ter gozado de ningún ano sabático. - Non ter gozado dun total de doce meses de permiso nos últimos cinco anos. - Antigüidade como profesor funcionario ou contratado na Universidade de Santiago de Compostela. - Interese científico e académico da actividade a desenvolver tendo en conta o programa de actividades do solicitante, a adecuación do mesmo ás necesidades docentes e investigadoras, presentes e futuras, do Departamento, así como a calidade e idoneidade para ser desenvolvido no centro receptor. - Expediente e curriculum vitae do solicitante. A tal efecto poderase solicitar informe ás axencias nacionais ou autonómicas encargadas de avaliar a investigación.
3 Como criterio de valoración darase preferencia ás solicitudes para a formación en novas metodoloxías docentes adaptadas ao EEES e o desenvolvemento de traballos científicos ou tecnolóxicos de carácter innovador, valorándose a oportunidade da investigación e a súa contribución ao avance das áreas de investigación estratéxicas da Universidade de Santiago de Compostela. Artigo 5. Procedemento Convocatoria A Reitoría establecerá cada curso académico un prazo para que os profesores que cumpran os requisitos establecidos neste acordo poidan solicitar licenzas por ano sabático. A convocatoria poderá prever que tanto as solicitudes, como os informes ou outra documentación, sexan tramitados por medios electrónicos. Documentación Os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación: a) Instancia dirixida ao reitor. b) Curriculum vitae. c) Descrición da actividade a realizar durante a licenza, acompañada dunha declaración expresa de que non se dedicará durante o tempo de goce da licenza a ningunha outra actividade distinta daquela para a que se solicita. d) Informe do Consello de Departamento. O informe conterá, polo menos, a seguinte información: a) Conveniencia para o Departamento e para o Centro ou Instituto da concesión do permiso sabático, apuntando as achegas que suporá para a Universidade o goce do mesmo, tanto no ámbito docente coma no investigador. b) No seu caso, compromiso do Departamento de facerse cargo da totalidade da docencia que tivera asignada o solicitante durante o goce do permiso sabático, indicando as medidas arbitradas para cubrir os labores docentes do candidato debendo manter a carga académica en todo caso. De existir capacidade docente na área esta deberase facer cargo da docencia que corresponde ao profesor. c) No seu caso, compromiso do Instituto Universitario de facerse cargo das tarefas que tivera asignadas o solicitante durante o goce do permiso sabático. d) Se se presentara mais dunha solicitude de profesores pertencentes ao mesmo Departamento ou coincidiran estas coas doutros profesores do mesmo Departamento que estiveran gozando dun permiso sabático durante o mesmo período, deberá achegarse un informe do Departamento sobre a prelación de solicitudes. En caso de ser necesario, e na medida en que os orzamentos da Universidade o permitan, o Consello de Goberno habilitará partidas específicas para cubrir a docencia. Os informes serán tidos en conta polo Consello de Goberno para a decisión sobre a concesión da licenza pero non terán carácter vinculante.
4 Artigo 6. Concesión O Consello de Goberno, a proposta da Comisión de Ordenación Académica e Profesorado, decidirá sobre a concesión de licenzas de ano sabático. No caso dos profesores que desempeñen unha praza vinculada con función asistencial no SERGAS, consonte ao Convenio USC-SERGAS, o acordo do Consello de Goberno trasladarase á Comisión Mixta USC-SERGAS para que esta adopte a decisión que corresponda. No caso de que dous ou mais profesores dun mesmo Departamento soliciten o permiso sabático para un período coincidente, total ou parcialmente, só poderá concederse un deles. O profesor que desempeñe un cargo académico dentro da Universidade (Reitor, Vicerreitor, Secretario Xeral, Director de Escola, Decano de Facultade, Subdirector de Centro, Secretario de Centro ou Facultade, Vicedecano, Director de Departamento, Subdirector de Departamento, Secretario de Departamento e Director de Instituto Universitario de Investigación), non poderá solicitar un permiso sabático mentres permaneza no desempeño do seu cargo. A COAP, á vista da documentación recibida e en base á valoración realizada, proporá a concesión ou denegación dos permisos solicitados, con polo menos dous meses de antelación á data de comezo do permiso. Os acordos adoptados polo Consello de Goberno serán notificados aos interesados polo Vicerreitor/a con competencias en profesorado e tamén se dará conta do acordo ao Director do Centro, Decano de Facultade ou Director de Instituto, no seu caso. * Correxido polo Consello de Goberno do 25 de marzo de 2009. A normativa de concesión de licenzas por ano sabático aprobada por acordo do Consello de Goberno de 22 de decembro de 2008 limita no seu artigo 6 a posibilidade de conceder a dous ou máis profesores dun mesmo departamento o permiso sabático cando o período coincide total ou parcialmente. A redacción desta limitación non recolleu a vontade da Universidade de non apartarse da normativa anterior neste punto que recollía a limitación aplicada ao área de coñecemento e non ao departamento. É por isto, que o Consello de Goberno, na súa sesión de 25 de marzo de 2009 ACORDA: ÚNICO.- Modificar o acordo do Consello de Goberno do 22 de decembro de 2008 establecendo a posibilidade de conceder una licenza por sabático por área de coñecemento en lugar dunha licenza por departamento. Excepcionalmente este número poderá elevarse se iso non causa perxuicios ao desenvolvemento da docencia e da investigación.
Artigo 7. Obrigas dos beneficiarios Son obrigas dos profesores que obteñan a concesión da licenza: a) Cumprir co plan de traballo previsto na solicitude. b) Presentación dos seguintes documentos xustificativos: - Memoria das actividades realizadas que se presentará no prazo de tres meses, unha vez rematada a licenza. - Xustificación dos gastos de desprazamento e dos gastos de estadía. - Certificado de asistencia, estendido polo Centro no que se realiza a actividade ou os estudos. A aceptación da licenza por parte do beneficiario, implica a das normas fixadas na convocatoria e o cumprimento dos requisitos establecidos nesta. O incumprimento por parte dos preceptores das obrigas enunciadas suporá, ata que se subsane, a inhabilitación para a percepción doutra licenza, sen prexuízo da obriga da devolución pertinente. No caso de estadías, na memoria de actividades deberá detallarse un programa de actividades futuras entre o profesor e o responsable da institución onde aquel realizara a estadía. A aprobación da memoria será considerada como informe favorable do período sabático para os efectos da concesión da compoñente por méritos docentes do complemento específico. Artigo 8. Efectos da concesión A concesión de anos sabáticos é incompatible con: a) O exercicio de cargos académicos. b) A realización de calquera actividade laboral por conta propia ou allea. c) Formalización de contratos de investigación do artigo 83 da LOU. d) Impartición de docencia en títulos propios. Non obstante será compatible coas seguintes actividades: a) Asistencia a órganos colexiados e comisións das que sexa membro. b) Realización de calquera solicitude, instancia, petición ou recurso. c) Solicitude de proxectos de investigación. d) Dirección de tesiñas e teses. e) Cursar estudos de formación docente, posgrao e especialización. 5
6 Artigo 9. Incumprimentos Cando se comprobe que un profesor en ano sabático desempeña, sen a debida autorización do Consello Directivo, actividades distintas ás programadas no plan previsto, que menoscaben o cumprimento destas, ordenarase que se reintegre de inmediato á Universidade e o reitor ordenará a apertura do expediente para o establecemento das responsabilidades a que houbese lugar. O incumprimento das obrigas previstas nesta normativa se poderá configurar como falta disciplinaria sen prexuízo da devolución das cantidades cobradas indebidamente e do cómputo negativo a efectos do compoñente por méritos docentes. Disposición derrogatoria Desde a data de aprobación deste acordo queda sen efecto a “Normativa de anos sabáticos” aprobada por acordo do Consello de Goberno do 30 de marzo de 2004.
7 ANEXO I SOLICITUDE DE PERMISO DE ANO SABÁTICO Don/Dona ........................................................................................................................... NIF: CORPO DOCENTE: ÁREA DE COÑECEMENTO: DEPARTAMENTO: SOLICITA: Sexa tramitada a solicitude de permiso de ano sabático para a súa aprobación polo Consello de Goberno. A xustificación desta solicitude fundamentase nos datos que seguidamente se achegan. Datas do período sabático solicitado. Descrición do centro/s de acollida e do interese da súa elección en relación co labor científico a realizar. Breve memoria do labor científico a realizar. No caso de ter solicitado subvención para o mesmo fin, indicar o tipo de convocatoria, lugar e data de publicación desta. (Non esquecer achegar con esta solicitude carta de compromiso de aceptación do centro de acollida e o curriculum vitae). En .................................................., ...... de ................... de ........... Asdo.: ................................................ VICERREITORÍA DE PROFESORADO E ORGANIZACIÓN ACADÉMICA
8 ANEXO II MEMORIA DE ACTIVIDADES REALIZADAS DURANTE O PERMISO DE ANO SABÁTICO NOME: .......................................................................................................................... Indicar datas e centro ou centros de estadía durante o permiso sabático Grao de consecución dos obxectivos previstos Principais feitos a destacar e valoración persoal Achegar unha memoria das actividades realizadas (máximo 10 follas) En .................................................., ...... de ................... de ........... Asdo.: ................................................ VICERREITORÍA DE PROFESORADO E ORGANIZACIÓN ACADÉMICA